Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xavier Senín: "Engrandeceu o galego como pouca xente chegou a facelo"

Xavier Senín, en Santiago. FOTO: xoán álvarez

-Esta é unha biografía da figura á que este ano se lle dedica o Dia das Letras Galegas, pero tamén dunha compañeira e amiga súa. Tivo que facer un esforzo emocional á hora de escribir (ou coescribir) este libro,para facer unha aproximación o máis obxectivposible?

-Realmente si, porque, sen eu pretendelo, podía caer no perigo de rememorar anécdotas pouco significativas á hora de contar a vida de María Victoria, deixando de lado feitos de máis importancia. Por sorte para min e para o libro, Isabel Soto levou o peso da redacción e actuou de necesario contrapunto. Creo que o resultado é moi obxectivo e os dous quedamos satisfeitos e dámonos por ben pagos se o noso traballo resulta útil. Con todo e iso, algunhas cousas non podo contalas aínda hoxe sen emocionarme.

-María Victoria chegou a Galicia por razóns de carácter profesional. En que momento, e por que razóns, decidiu facer do galego o idioma no que ía expresarse na súa obra escrita?

-Ela era unha persoa moi concienciada xa desde que estudaba en Madrid. Lémbrese que daba clase de balde aos máis desfavorecidos da barriada de Entrevías. Ao pouco de chegar a Galicia aproba as oposicións e no seu primeiro destino, en Lugo, coñece a Xesús Alonso Montero e decátase da situación da nosa lingua. Segundo nos conta ela mesma, observa que o galego é a lingua que falaba a señora que lle facía o pan e a que lle vendía o peixe, que era a lingua que empregaba a xente traballadora e humilde. Desde ese convencemento decidiu que o galego ía ser en diante a súa lingua propia e xa non deixou de utilizala ata a morte. Mesmo cando recolleu o premio de novela en Monleón, tres meses antes de morrer, quixo deixar claro que se trataba dunha novela escrita no ano 1969 e que non supuña unha renuncia ao galego, a lingua que quixo súa.

-De todas as facetas que cultivou María Victoria, en cal delas diría Vde. que máis destacou e pola que podemos considerala unha figura de referencia na cultura galega?

-Á parte de ser unha boa persoa ("un home de ben", dicía ela) María Victoria é unha figura de referencia no campo da literatura, especialmente na dirixida á xente nova. En realidade foi unha pioneira nun momento en que a literatura para a mocidade era invisible e os escritores non estaban considerados ao mesmo nivel ca os outros. Para máis, participou en múltiples iniciativas destinadas a fomentar a lectura e colaborou na creación de asociacións como o Pen Clube e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix).

-Que cre que diría ela, se vivise hoxe en día, do magnífico momento polo que atravesa a literatura infantil e xuvenil galega? Quizais ao seu labor se debe, precisamente, o título de Sementadora de futuro que Isabel Soto e Vde. elixiron para a súa biografía?

-Sentiría unha enorme satisfacción porque era consciente de que contribuíra de maneira fundamental a este renacer, a este agromar difícil por desexo expreso dela mesma. Tiña capacidade dabondo para escribir obras literarias destinadas a calquera destinatario. Se o fixo case en exclusiva para a xente miúda, foi sabedora tamén de que lle resultaba máis traballoso e de que estaba colaborando a construír unha literatura que hoxe ten un alcance que sobrepasa as nosas fronteiras xeográficas.

-Curiosamente, a primeira obra de María Victoria foi unha novela para adultos, Alcores de Donalvar , coa que quedou finalista do Premio Café Gijón. Por qué non decidiu repetir a experiencia en vez de dedicarse case integramente á literatura infantil-xuvenil?

-Nese tema tomou unha determinación clara: escribir en galego e escribir para a xente nova, decisión que Galicia lle agradece este ano ao dedicarlle o Día das Letras Galegas.

-O que si fixo foi escribir un poemario para adultos, Elexías de luz , do que Vde. mesmo se encargou da edición póstuma. Había tamén nela madeira de poeta?

-Antes de nada cómpre sinalar que tiña un don natural para a escritura e moita facilidade para compoñer poemas. De por parte, aprendeulle a moita xente a facer poesía. Mesmo algúns poetas lle deben a ela boa parte da súa condición. Sostiña que un poeta debía dominar a arte da versificación que consiste en medir os versos, acertar na rima e unha adecuada acentuación. Mesmo chegou a escribir un pequeno manual, Verso e prosa, de moito proveito aínda hoxe en día.

-Como era como profesora?

-María Victoria era unha excelente profesora que centos de alumnos e alumnas lembran con cariño e agradecemento. O seu compromiso co país levouna a explicarlles non só a materia da que era profesora (lingua e literatura española) senón a literatura escrita na lingua do país. Para moitos deses rapaces foi ese o seu primeiro contacto coa literatura galega. Tamén daba clases de lingua galega a primeiros dos anos 70 en asociacións culturais de Pontevedra, Vilagarcía e Ourense. Posteriormente impartiu cursos de especialidade a mestres. Non querería esquecer as conferencias que pronunciou en diversas localidades sobre temas diversos, ligados á transmisión da literatura en galego. Unha desas conferencias impartiuna no casino de Pontevedra sobre García Lorca, a primeira vez que o facía unha muller naquela sociedade. Ela mesma confesa que ensinar literatura era un traballo precioso. Recollemos testemuñas de alumnas que se consideran afortunadas e agradecidas por asistiren ás súas clases.

-Tanto dende o punto de vista humano, como do cultural-educativo, cal pensa Vde. que foi o mellor exemplo a seguir que nos deixou?

-Era unha muller afouta, xenerosa, traballadora, ilusionante, a quen pagaba moito a pena coñecer. A pesar de loitar sempre contra o tempo, conseguiu sacar adiante unha familia, preparar as clases, dar conferencias, escribir libros e manter encontros con mozos e mozas... E todo iso desde unha lingua que adoptou como propia e que engrandeceu como pouca xente chegou a facelo. Desde pouco despois de poñer os pés nesta terra da que se namorou, asumiu o propósito firme de poñer a Galicia no mundo e a súa literatura en pé de igualdade coa das demais linguas do estado.

-E agora está Vde. preparando unha edición de contos inéditos de María Victoria...

-O libro titúlase Nosoutras e recolle sete relatos escritos en dúas épocas distantes que teñen como denominador común non estaren pensados para rapaces. O texto que dá título ao libro, de 1989 aproximadamente, é un manifesto no que a autora fala no nome de cinco escritoras de literatura infantil para reivindicar con orgullo o seu traballo creativo. Foi escrito orixinariamente en castelán e destinado a un público de fóra de Galicia. Nocturno en tres tempos foi publicado en prensa en 2004. Arredor de 1968 ou 1969 hai que datar As follas feren xemendo, Contra a noite e O aguinaldo, todos eles escritos en castelán nunha época en que a autora aínda non se decidira por utilizar exclusivamente o galego para escribir. Este último formaría parte posteriuormente da novela Alcores de Donalvar. Os dous restantes, A casa das Marías e A gaiola presentounos en 1971 aos Xogos Florais Minho-Galaicos de Guimaraes acadando o primeiro premio polo primeiro escrito en castelán.

Compartir el artículo

stats