Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Simbolismo de noso

Carlos Sobrino no Café Moderno de Pontevedra

Os ecos prerrafaelistas e modernistas están presentes en A tentación de Colombina (1914).

A representación dos interiores ilustra como poucos temas a evolución das preocupacións formais e temáticas dos artistas nas primeiras décadas do século XX en moi varaiados contextos de toda Europa e América.

Na Galiza destes anos os pintores que traballan neste ámbito fano ao servizo das súas inquietudes: desde a preocupación da persoal contrución do estilo mais tamén como espello dunha moda de decoración de espazos de sociabilidade. Este é o caso das decoracións que Carlos Sobrino (Pontevedra, 18 de marzo de 1885 - Vigo, 4 de decembro de 1978) realizou en 1914: tres grandes óleos de temática simbolista que se poden contemplar na actualidade no mesmo espazo do Café Moderno de Pontevedra. As obras insírense de cheo dentro desta corrente de esteticismo requintado e constitúen dos mellores exemplos do simbolismo no noso país.

A respecto das artes plásticas, cómpre lembrarmos que a arte peninsular de comezos do XX principia unha morna modernización e nese contexto aparece o simbolismo. Nesta altura asistimos a unha extensión globalizadora da poética simbolista en todos os ámbitos de creación. O credo positivista, representado polo realismo e o primeiro impresionismo, foi asimilado ao que en teoría sería o seu oposto, pasando o simbolismo a ocupar unha posición hexemónica, como modernidade outra.

A corrente simbolista, que xorde, pois, co devalar dos valores propostos polo positivismo, leva a que se acrecente o interese polos temas mitolóxicos, esotéricos e místico-relixiosos, sendo fenómenos que asumen un duplo valor: como fuga do real e mais como xeito de se opor á gravidade do presente. De forte idealismo, o simbolismo salienta pola procura da beleza, con evidentes pinceladas de onirismo, decadentismo, sensualidade, mais tamén de misticismo e fervor relixioso sen que se poida definir desde a unidade de estilo. O que destaca é a hexemonía dunha linguaxe de ideas que quere transmitir sensacións e que se nos presenta como unha opción espiritualista, o que o liga a tendencias tardorrománticas como o prerrafaelismo inglés. En Galiza este influxo é ben perceptíbel en artistas como Camilo Díaz Baliño, Xesús Corredoyra, Carlos Sobrino, Castelao ou Juan Luís López.

A pintura deste momento amósasenos, en xeral, como unha visión requintada, decorativa, que provoca a ocultación da realidade ao encadrárense os temas literarios e populares nunha retórica teatral. Os pintores introducen un certo lirismo que exalta a vida burguesa. De todos os xeitos, a primeira xeración de artistas galegos do século XX, flutuante entre o rexionalismo, o modernismo e o simbolismo, dará os primeiros pasos na procura dunha arte nacional, buscando ese "espíritu genuinamente gallego" e ese "sentimento de la tierra" ao que se refire a crítica de momento.

A obra de Carlos Sobrino responde de vez a estes dous principios, a esa procura do xenuinamente galego desde o debuxo arqueolóxico e as escenas costumistas e a un simbolismo avant la lettre. O noso artista realiza paisaxes de corte rexionalista e forte folclorismo, mais vai acadar un dos seus logros principais na serie de obras realizadas para o Café Moderno de Pontevedra en 1914 (Colección Afundación), con temas tan representativos da estética finisecular e de primeiros do século vinte como A cortesá onde recrea a visión da muller sensual e decadente do simbolismo. Nel reproduce un nu feminino de lembranzas ingrescas e languidamente disposto nun friso clásico -inspirado nunha procesión dionisíaca helenística conservada no Louvre-, representado nun esquema compositivo moi semellante aos realizados polo pintor inglés Lawrence Alma-Tadema (1836-1912). Nun segundo lenzo, A tentación de Colombina tira o tema da Commedia dell'arte, con outro arquetipo feminino fin de século: a muller arteira, elaborando unha composición de ecos prerrafaelitas e modernistas. Ao mesmo mundo pertence o terceiro óleo Parella de amantes, en que desenvolve un terceiro arquetipo feminino, o da muller inocente e pura, nunha composición de forte decorativismo de formas e de cor. O conxunto delata un simbolismo serodio, como o é todo o que se realiza na Península, mais crea unha obra de enorme eficacia visual e notábel calidade artística.

Castelao en sintonía

  • Non por acaso Castelao (1886-1950), moi amigo de Sobrino neste anos, está a realizar obras en sintonía cos estes postulados e tamén elaboradas para espazos semellantes. Nos grandes óleos dos anos 10 o rianxeiro combina o influxo simbolista, modernista e a pegada da pintura flamenga do século XV e comezos do XVI (Van der Weyden, O Bosco, Brueghel, Patinir...). Son obras en que enfatiza o pormenor e a caricatura e en que as analoxías formais coa pintura flamenga están nos fondos paisaxísticos, no seu caso de influxo e feitura modernistas e con primeiros planos salientando figuras, tratados cun debuxo de acentuado linealismo, como Tríptico de cegos (1915, Real Academia Galega, depositado no Museo de Pontevedra), realizado para o Balneario de Mondariz; O emigrante e Regreso do indiano, pintados para o Nuevo Café de Vigo (ambos de 1916, Colección Afundación, Vigo) ou A tentación de Colombina (1917, Fundación Rodríguez Iglesias, A Coruña), unha obra moi achegada á de Carlos Sobrino e realizada para o Café Royalty de Pontevedra. En ambos os artistas, como tamén en outros pintores deste momento, velaí o caso de Xesús Corredoyra, está ao fondo a sombra de Valle-Inclán, un infuxo moi presente en boa parte das súas obras e nomeadamente en óleos como os do Café Moderno co seu sensualismo refinado e decadentista.

Compartir el artículo

stats