Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

FARO DA CULTURAPauto do Demo

Venda de almas e literatura

Ánxel Fole (1903-1986).

Malia que non acreditemos na numeroloxía, o certo é que a súa (factible/non factible) influencia non deixa de provocar certo desacougo. É o que sucede cando,por azar ou por simple secuencia,temos diante o 666, a marca da Besta. E agora que este suplemento chega a este número, máis por precaución que por homenaxe,dedicaremos as palabras que seguen á presenza do Diaño na literatura. Máis concretamente ao pacto asinado con el para obter unha recompensa en vida a cambio da nosa alma.

Foron os Padres da Igrexa os que proclamaron que,despois da rebelión de Satanás contra Deus, aquel foi derrotado e pasou a ser o anxo caído. A loita contra o Demo non deixa de representar a que temos con nós mesmos para evitar as transgresións que convencionalmente chamamos tentacións, entre elas o orgullo. E é por orgullo polo que aparece a figura do pauto co Demo: obter un beneficio a troques da alma. Das primeiras comunidades cristiás en Oriente chegou a tradición dos milagres que salvaban aos que eran tentados por Satanás, especialmente os que pactaran a súa alma.

Entre eles, Teófilo de Adana, quen vendera a súa por chegar a bispo; arrepentido, rezoulle á Virxe e esta arrincou o documento asinado do pauto das mans do Demo: trátase dnha lenda popularizada desde o século VI en Grecia e adaptada xa no século X pola poetisa alemá Hroswitha de Gandersheim.

Daquela popularizáronse as coleccións de milagres. Primeiro en latín (Hugo Farsito, Hernan de Caon, Guillerme de Malmesbury) e xa despois en lingua vulgar. Escribiron esta lenda Gautier de Coinci en francés (tres mil versos), Gonzalo de Berceo en castelán (este milagre conclúe os Milagros de Nuestra Señora) e Afonso o Sabio (en galego, sitúaa como a primeira cantiga de milagres). Engadamos o drama de Rutebeuf Le miracle de Téophile e o "Enxienplo del ladrón que fizo carta al diablo de su ánima", no Libro del Buen Amor do Arcipreste de Hita.

O arquetipo de Fausto chegou século e medio despois, a partir da existencia lendaria do alemán Johann Georg Faust (ca. 1480-1540), un científico que trocou a súa alma co Diaño por acadar sen límite o coñecemento e mais os praceres mundanos. En 1587 un libreiro de Frankfurt escribiu a súa historia, con grande éxito público, ata o punto de ser traducida ao inglés en 1592. E sería a partir desta versión que o dramaturgo inglés Christopher Marlowe escribiu Doutor Faustus, o primeiro que deu unha dimensión literaria ao pauto de Fausto e Mefistófele.

Pero foi coa versión de Johann W. von Goethe (simplemente Fausto) que a lenda acadou fama universal e ben axiña apareceron versións musicais (Wagner, Berlioz, Gounod). E o epígono do Romantismo alemán, Heinrich Heine, publicou en 1851 Der Doktor Faust. Ein Tanzpoem,

Superado o Romanticismo, a lenda de Fausto foi recreada ou incorporada por diversos autores xa no século XX. Thomas Mann publicou en 1947 Doktor Faustus, a historia dun músico que vende a súa alma para acadar a superación na súa arte, en metáfora da Alemaña nazi que vendeu tamén o epírito. Paul Valéry, coa súa obra póstuma Mon Faust, recrea un imaxinario diálogo entre Deus e o Diaño que non esquece reflectir a crise existencial do home. E no Brasil,e colléndoo da tradición popular, temos, de João Guimarães Rosa, Grande Sertão: Veredas (1956), novela na cal o jagunço Riobaldo, por amor a Diadorim (en realidade unha rapaza) e para vencer o bando de Hermógenes, tenta un pacto co demo.

Porque estas son algunhas das condicións que a tradición popular (entre nós, a contida no Ciprianillo ou Libro de San Cipriano, grimorio común ás linguas castelá e galego-portuguesa) esixe para o pauto: nun cruce de camiños, ás doce da noite dun sábado, levar unha póla de nogueira cortada cun coitelo novo e invocar ao Espírito. Non sabemos se Vicente Risco acreditaba en tal invocación pero afirmou, con moita certeza, que James Joyce fixera pauto co Demo: non había maneira de explicar se non o seu éxito como escritor sendo irlandés e católico e contrario aos nacionalistas. Pero quen, entre nós, soubo recuperar tales crenzas foi, sen dúbida, Ánxel Fole con Pauto do Demo (1958), comedia na que recrea a dimensión sobrenatural no mundo popular galego.

Compartir el artículo

stats