Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Corpos Celestiais

Moda, Arte e Relixión

Modelo de Dior.

A nova exposición do Costume Institute no Metropolitan Museum de Nova York topa caa Igrexa católica. Moda e relixión comparten espazo en Heavenly Bodies: Fashion and The Catholic Imagination (10 maio-8 outubro) que mostra, conxuntamente, as creacións de recoñecidos modistas con pezas de arte sacra e hábitos relixiosos, forxando unha mímese entre ambos universos. Trátase da maior das exposicións de moda presentadas até a data pola institución pois, ocupa o edificio do museo -situado na Quinta Avenida- e o edificio dos claustros.

Explica o comisario da mostra, Andrew Bolton, que moitos dos modistos de formación católica atopan na relixión unha inspiración metafórica que dirixe nalgún momento os seus impulsos creativos. Non se oculta que algúns deseñadores empregan a temática relixiosa para provocar, o cal pode parecer relacionado coa propia idea latente nesta mostra, pois trátase do maior acontecemento periodístico da parte máis frívola da moda, cheo de estrelas do pop, rock, cinema, deporte... que avanzan por unha alfombra vermella poboada polos sensuais corpos espidos das donas e os rechamantes traxes de escena dos cabaleiros. Todos eles deixarán voar a súa imaxinación para levar vestimentas acordes coa temática relixiosa da convocatoria. Parece que a polémica está servida, o palio da escalinata do museo vai estar cheo de cuestionables, ou abraiantes, versións de mitras, casulas, sotanas e báculos.

O que certamente aparece como desideratum do comisario é salientar, con polémica ou sen ela, que a relixión católica como crenza ten inspirado moitas das máis extraordinarias creacións artísticas. Así, o traxe de John Galliano para Christian Dior -alta costura evocando unha sotana, capa, mitra, pectoral dun hipotético papa na colección inverno do ano 2000, feito con profusión de bordados e valiosos materiais- evoca unha imaxe onírica dese persoeiro na mente do modista. O traxe de noiva de Christian Lacroix -alta costura do inverno do ano 2009 que ten unha forma case que idéntica á Virxe do Rocío- non ofrece outra lectura que a da posta en valor da beleza formal desas imaxes relixiosas de virxes e santos. E mesmo o traxe de encaixe dourado con saia de garda infante, mantilla e peiteado con deseño de Domenico Dolce e Stefano Gabanna na alta moda de primavera 2013, ten unha mestura de orixes que gravitan entre as irmandades de Semana Santa e Marlene Dietrich no filme O Demo é unha muller,, dirixida por Josef von Sternbeg en 1935.

A arte bizantina ocupa unha parte da mostra, pois son numerosos os deseñadores que teñen sentido o influxo desta forma artística nas súas creacións. A célebre Coco Chanel conta entre o seu identificable imaxinario coas cruces e cadeas de inspiración veneciana. Karl Lagerfeld deseñou para Chanel Métiers d´Art inverno 2007 un chaleco de fantasía con pedrería en forma de cruz ortodoxa que se fai dialogar cun relicario do século XIV feito en prata, esmalte, coral, vidro, cristal de rocha e ouro. Christian Lacroix incorporou unha enorme cruz con ouro e pedrería a un corpiño na colección de inverno de 1988, que se vencella na mostra, ao mosaico de Ktisis do ano 500 feito en mármore e cristal. Na súa derradeira colección de inverno 1997, Gianni Versace, deseñou vestidos de cristais, ouro, metal e pedrería inspirados asemade nos micromosaicos da catedral de Ravena, que na mostra se poñen en diálogo cunha cruz procesional do ano 1000.

Outra teima que abrangue a mostra é a dos hábitos de ordes relixiosas católicas e os sete sacramentos. Un célebre traxe de noiva creado por Cristóbal Balenciaga no ano 1967 evoca unha touca de monxa e unha capa monástica, pola súa sinxeleza. María Grazi Chiuri e Pierpaolo Piccioli -para Valentino alta costura primavera 2013- creaban modelos de corte monacal, con longas saias de evocación renacentista.

Se a moda é a máis popular das artes e a súa incorporación aos museos conforma unha positiva novidade da última década, as exposicións organizadas por Andrew Boltón no MET son a escola de menciñeiros na materia. Imprescindibles laboratorios de formas onde se mestura filosofía postmoderna e artes universais.

As actrices e o traxe talar

  • A relación entre a moda e a Igrexa católica non deixa de resultar complexa. Atopar roupas de bispo, crego ou mesmo do papa convertidas en vestidos luxuosos para donas ou traxes xastre para cabaleiro semella a transformación da virtude da contemplación no vicio da vaidade. Esta singular inspiración da moda na imaxinería do relixioso que propón a exposición non é ortodoxa senón que busca conexións dun xeito ecléctico ou postmoderno: un referente do que, en certa medida, atopamos na mostra é o que creou Ava Gardner no ano 1955 cando luciu un pequeno vestidiño negro deseñado por Sorelle Fontana de Roma, que non era outra cousa que una adaptación sexy do traxe talar de crego para seguir as curvas do corpo voluptuoso da actriz que se acompañaba dunha cruz no peito e mais un sombreiro. Tal era o parecido do vestido que as modistas, donas piadosas e practicantes, solicitaron o permiso das autoridades relixiosas para confeccionalo. Un vestido semellante foi levado por Anita Ekberg no filme La Dolce Vita de Federico Fellini, no ano 1960. Daquela esa moda de inspiración relixiosa era o mais sinxela e inocente que se poda imaxinar. Un emprego no vestido da temática relixiosa con vontade de provocar é o que fai a cantante Madonna. Nos anos 1980 puxo de moda o crucifixo que se levaba como un accesorio máis.. Nos 2010 lucía variacións de hábitos de monxa para os números musicais das xiras. A súa interpretación da moda non pide permiso ás autoridades, senón que acada a sanción, crítica e mesmo boicot da Igrexa.

Compartir el artículo

stats