Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Agatha Cinema

Secuencias de Whodunit

Agatha Christie (1890-1976)

Teño o convencemento de que a explicación máis certeira sobre a atracción que espertan os relatos de Agatha Christie entre múltiples xeracións de lectores ten lugar na versión fílmica de Testemuña de cargo ( Witness for the Prossecution, 1957), adaptación da obra de teatro da escritora británica, estreada en 1953, que o director Billy Wilder redondeou grazas a uns soberbios diálogos e un ritmo que roza a perfección. Sucede ao final do filme -procurarei non facer un spoiler aínda que resulte pouco probable que alguén disposto a ler un artigo sobre Agatha Christie non teña visto xa esta longametraxe-, cando o avogado Sir Wilfried Roberts (Charles Laughton), descobre que foi enganado por Christine (Marlene Dietrich), a esposa do acusado de asasinato Leonard Vole (Tyrone Power). Nese momento, Sir Wilfried Roberts exclama con solemnidade: "É unha muller notable". Entre liñas podemos ler e interpretar que, en realidade, o ilustre avogado estase a referir a Agatha Christie, en particular, e as historias de suspense, en xeral: ser enganado, aí reside o efecto pracenteiro destes relatos. Durante a lectura -ou visionado, se se trata dunha película-, o público procura anticiparse á resolución da trama indagando por conta propia o caso exposto; porén, no caso de acertar co desenlace, sufrirá unha decepción que nin a vaidade humana logrará mitigar. Do mesmo xeito que miramos cine de terror para sentir medo, miramos cine de misterio para ser enganados, e nesa faceta Agatha Christie é sen dúbida un referente.

Tratándose da escritora de maior éxito de vendas de todos os tempos, resulta lóxica a recorrente aproximación do cine á obra de Christie desde que en 1937 Rowland V. Lee iniciara o ciclo de adaptacións con Mortal suxestión ( Love from a Stranger) e que seguiría con directores da talla de René Clair, Sidney Lumet ou o anteriormente citado Billy Wilder. Curiosamente, nesta listaxe non atopamos a Alfred Hitchcock, o mago do suspense, quen nunca ocultou a súa falta de interese respecto a estas historias coñecidas como Whodunit? -palabra que procede da contracción da frase en inglés Who has done it? (Quen o fixo?)- precisamente porque estas carecían de suspense. Para Hitchcock a chave do suspense residía en ofrecer ao espectador máis información sobre os acontecementos que ao protagonista, mentres que nos Whodunit?, na maioría dos casos sucede todo o contrario: é o personaxe quen adoita ir por diante do espectador, aínda que non tanto pola cantidade de información como pola súa capacidade para procesala.

No libro de entrevistas escrito por Cameron Crowe, Billy Wilder afirma que Agatha Christie non tiña poesía na súa literatura, pero sabía como ninguén crear unha estrutura. A estrutura da novela de intriga parte da presentación dun feito delituoso rodeado de misterio, ao que lle sucede un exame metódico das circunstancias do caso, un desfile de sospeitosos, unha análise discriminatoria e o descubrimento final do culpable. En definitiva, a estrutura baséase nunha orde que se quebranta e que se volve restaurar coa resolución do crime. De aí que sexan reincidentes -sobre todo nas series actuais- os asasinatos que se producen en mansións ou espazos habitados por clases sociais altas, o núcleo que representa o territorio que as sociedades burguesas contemporáneas -sociedades "pos-revolución industrial"- edificaron como refuxio dos perigos que proceden do mundo real, externo, e que ameazan un determinado sistema social e económico. A fin de contas, como toda cultura de masas que se prece, a novela ou a cinematografía de intriga ten a obriga de situar á burguesía no centro da súa oferta para acadar o éxito agardado.

Crocked House

  • Era cuestión de tempo. Debido ao auxe das series no mundo audiovisual, un sucedo no que os relatos de misterio e intriga teñen unha boa dose de responsabilidade, era predicible que, tarde ou cedo, Agatha Christie asomara nos títulos de crédito dalgún produto fílmico. Tras décadas esquecida pola gran pantalla, no últimos anos os amantes da obra da escritora británica puideron desfrutar de dúas adaptacións cinematográficas. A primeira, Asasinato no Orient Express ( Murder on Orient Express, 2017), dirixida por Kenneth Branagh e escrita por Michael Green, guionista de Blade Runner 2049, e que supón unha segunda transposición que, en parte, semella dialogar coa filmada en 1975 por Sidney Lumet. A segunda, máis recente, é Crocked House (en castelán, La casa torcida), de Gillet Paquet-Brenner e escrita polo oscarizado Julien Fellowes (Gosford Park, 2001). En ambos casos, as adaptacións preséntanse como unha solución clásica e academicista -como non podía ser doutro xeito se non se pretende "ofender" aos millóns de seguidores de Agatha Christie- de sendas historias corais que poñen en xogo a estrutura e os arquetipos máis recorrentes do relato de misterio, cun excelente reparto que redunda na idea coral que adoita caracterizar a este tipo de representacións.

Compartir el artículo

stats