Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

FARO DA CULTURARomper con todo

Nicanor Parra e o adeus do século XX

Fragmento de Antipoesía.

"Nunca foron bos tempos para a poesía. "Vicente Risco, en O porco de pé, emitiu un axioma que non por iso é menos verdade: "os poetas escriben poesía para que os lean os outros poetas." Unicamente en épocas de exaltación social, a poesía -entendida como eses monllos de versos agrupados en forma de libro- xoga un papel de axitación e guía colectivas. É neses momentos cando cómpre esa poesía que Gabriel Celaya defendía, como arma cargada de futuro, contra esoutra "concebida como un lujo cultural por los neutrales".

Pero en poesía, como na mesma vida, as boas intencións non son xeradoras de bondade. E xa sabemos que o inferno está empedrado das primeiras. E cando a poesía, calquera poesía, resulta escrava do ismo correspondente, deixa de ser ferramenta de transformación sopcial ou persoal.

E contra todos eses dogmatismos -incluídos os revolucionarios e de vangarda-, o chileno Nicanor Parra (2014-2018) ergueu a súa palabra. Unha palabra que, con labor de ourive, puxo ao servizo dos seus concidadáns. Para iso, para forxar o que bautizou como antipoesía, prescindiu de calquera adorno requintado e, por contra, traballou a lingua popular -que non vulgar- das frases feitas, os refráns, os sitios comúns para -agora si- darlle brillo. E fíxoo non so en libros impresos senón en obxectos como os "artefactos visuais" ou as "bandejitas".

Influenciado na mocidade polas vangardas, Nicanor Parra nunca esqueceu as súas orixes populares, circunstancia que o afastaba dalgún xeito dos poetas cultivados, procedentes moitas veces das diversas burguesías latinoamericanas e que se tomaron conciencia, foi por complexo de clase. Tal vez por iso acabaron escravos dos clixés estéticos revolucionarios que a algúns os conduciron ao mimetismo estalinista ou, desde 1960, castrista. Unha poesía feita con hermetismo, desde o subxectivismo.

Sen renegar dos seus compatriotas Pablo Neruda ou Vicente Huidobro, Parra púxose como obxectivo da súa poesía desacralizar a solemnidade do xénero en favor das vivencias do home-masa, desa clase media que nas sociedades occidentais (Chile entre elas, malia os discursos das esquerdas) se atopaba desorientada entre un capitalismo ao que non pertencía e unha promesa socialista que apenas servía para os sectores máis castigados.

Cando Nicanor Parra sostiña que rompía con todo, referíase realmente a todo. Desde o elitismo da propia poesía (sen por iso esquecer as formas clásicas) aos perpiaños da cultura occidental transformados en obxectos de consumo alienante (o sexo, a relixión, a ciencia ou a política). Tal vez porque non era servidor da literatura en tanto que profesión e conxuraba calquera divismo coa práctica científica e técnica.

A súa poesía antisolemne levouno a tratar os poetas beatniks A. Ginsberg e L. Ferlinghetti. A través deles e doutros autores europeos, foi coñecido entre nós, con mellor ou peor fortuna. Non esquezamos que na metade do século XX Chile era unha democracia pero España, non. Podemos atopar ecos da antipoesía de Parra en Blas de Otero ou en Jaime Gil de Biedma pero ninguén como Joan Brossa -emerxido co segundo surrealismo de Dau al Set- para emular o chileno na creación de antipoesía. Resultou evidente na exposición conxunta feita en Valencia en 1992 ou na recente que o MACBA dedicou ao catalán, na que había un espazo reservado ao antipoeta chileno.

Caso distinto sería o galego. Porque así como Brossa tiña ese coxín dunha burguesía barcelonesa culta, os seguidores de Parra en Galiza estaban máis desamparados. Falamos de Celso Emilio Ferreiro (que lle dedicou o poema "Os meus amigos" en Onde o mundo se chama Celanova) e de Manuel María, que o deu a coñecer por volta de 1970. Eles non podían facer antipoesía porque daquela o país non estaba para tecer eses queipos. Abondaba con facer poesía de combate en galego, aínda que fose a risco de caeren no dogmatismo.

Compartir el artículo

stats