Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Álvaro Iglesias: "O contrabaixo tamén pode ser solista na música galega"

Álvaro Iglesias no seu estudio de gravación, enn Teixugueiras. FOTO: ELI REGUEIRA

- Leva xa Vde. moitos anos na música. Tardaba en chegar o seu primeiro disco en solitario...

-Todo na vida ten o seu momento. Neste caso en concreto, as miñas obrigas, tanto profesionais coma persoais, non me permitiran profundizar totalmente na preparación dun traballo coma este, coa dificultade que conleva, tanto técnica coma musicalmente. Levo máis de vinte anos acompañando os mellores da música galega e da música folk, e sempre tiven o convencemento de que nalgún momento da miña vida ía ter que facer o meu traballo en solitario, xa que precisaría sacar de dentro todo o acumulado en todos estes anos.A proposta era magnífica e ineludible, e o momento chegou cando tiña que chegar.

-Vde. é un músico de formación clásica. Que o levou a adentrarse nos territorios da música tradicional galega?

-Veño dunha familia moi musical, na que dende sempre se escoitaron e tocaron todo tipo de músicas na casa; músicas de tódolos estilos e de tódalas épocas, e aínda que me gustaba toda ela, supoño que foi a música galega a que prendeu o interruptor interno desa sensibilidade especial que todos temos. Iso foi o que fixo que disfrutase e aprendese, á vez e sin ningún tipo de intencionalidade, a tocar instrumentos coma o baixo eléctrico e outros que tiña a man, coa sorte de podelos coller. Foi algo totalmente natural, xa digo, e algo do que en ningún momento sospeitei que sería a miña vida e a miña carreira musical.

-O feito de ter dita formación clásica, inflúe no seu xeito de achegarse á música tradicional?

-En absoluto. O meu achegamento á música tradicional galega prodúcese anos antes de iniciar os meus estudos no conservatorio. Aprendín a tocar o baixo eléctrico nun primeiro momento, escoitando discos de Na Lúa ou Milladoiro, entre outros, con apenas dezaseis anos; máis tarde, xa no contrabaixo e cos estudos iniciados, dei coas melodías e ritmos máis tradicionais, con grupos coma Airiños do Parque de Castrelos, os Areeiras, os Campaneiros, os Morenos, etc. Dentro do mundo da música clásica, non hai moito espazo para a música tradicional, malia que sexa tan inmensamente rica coma é a galega e esteamos en Galicia, polo que as opcións dun achegamento a ela neste ámbito son practicamente nulas.

-Como definiría Alma ?

- Alma é un traballo sumamente persoal, un disco no que, por primeira vez na historia da música galega e da música celta, é o contrabaixo o instrumento solista, acompañado basicamente por unha líña de corda e, nalgúns momentos, armonizado polo mesmo contrabaixo. Outros instrumentos interveñen tamén en episodios puntuais do disco, tentando aportar con certa sutileza a súa riqueza e carácter naturais. A produción musical, os arranxos e as composicións foron parte do meu traballo neste disco, sempre tentando manter a esencia da música tradicional galega máis pura. Nun plano xa máis etéreo e significativo, definiríao coma unha fusión entre dúas almas: a alma inmaterial ou espiritual, que forma parte de min coma músico, e a alma material do instrumento, peza fundamental da que deriva a súa personalidade e o seu son determinado.

-Que o contrabaixo sexa o instrumento solista, é algo mi novidoso e, para algúns, incluso semellaría ousado...

-Trátase de algo tan sinxelo coma que o instrumento co que decidín facer música é o contrabaixo, e a música que quixen facer, que me fai sentir único coma músico e coma persoa, é a música galega, a nosa. Esta fusión natural fai que sexa quen de tirar deste instrumento tan especial e fermoso un traballo coma este, sen plantexarme en ningún momento nada que veña estar fóra de tal naturalidade. É simplemente cousa dun músico tradicional, alguén que o que fai é a música que sabe interpretar co instrumento que axeita tocar.

-Vde. participou en varias experiencias de folk acústico. Coida que a instrumentación acústica aínda lle tenl moito que aportar á música galega?

-Penso que a riqueza musical dun país está tanto no repertorio musical que ten coma na calidade dos músicos e as súas diferentes propostas musicais. Por suposto que aínda teñen moitísimo que aportar á música galega estes traballos con este tipo de instrumentacións, estas variantes tímbricas, armónicas, arranxísticas e conceptuais que non farán outra cousa que enriquecernos reciprocamente. Nas últimas conversas que tiven co meu querido Don Xosé Neira Vilas, a quen tiven o pracer e a cautela de amosarlle algo desta "alma" e que foi quen de telefonearme para felicitarme por este traballo que ía realizar, coincidiamos en algo que era esencial e vital para os dous: manter viva a nosa tradición e identidade musical, independentemente do instrumento, coma neste caso, que tivésemos para facelo.

- Tamén foi membro de Entretrastes. Por que non tivo continuidade aquel prometedor proxecto que recibiu moitas louvanzas de crítica e público.

- Normalmente, proxectos tan novidosos coma o de Entretrastes teñen un certo tempo de asentamento. Foi o primeiro trío de corda que fixo música galega e quizais a razón principal de non poder continuar con aquilo foi que o momento no que xurdiu, coincidíu cos anos onde os músicos que formabamos Entretrastes máis traballo tivemos, facendo xiras con outras bandas. A pesar diso, a experiencia foi preciosa, e proba diso é que estamos de novo preparando directos e tamén aínda a posible gravación dun segundo disco.

-Cando fará concertos para presentar Alma en directo?

-Aínda non hai nada pechado neste sentido. A idea que temos é a de facer bloques dun mínimo de cinco ou seis concertos, nun espazo de tempo determinado. O que queremos, tanto a compañía coma eu, é optimizar todo o traballo o máximo posible por ambas partes. Ademais, teño moi claro dende o principio que este será un proxecto a medio-longo prazo, polo que non lle viría nada mal deixalo repousar e tomar forma no tempo, para que o resultado fose xa totalmente redondo e desexado.

-Para vivir da música en Galicia nestes tempos, hai que practicar, coma Vde. fai, o "pluriemprego" musical?

-Sobre todo, non hai que parar de facer cousas. Teño xa proxectos persoais para rematar nos próximos anos, cousas que xurdiron a raíz de facer este disco e que agardo con certa impaciencia poder comezar a traballar neles. Temos moito aínda por aportar e penso que é a nosa responsabilidade, a de todos, non só dos músicos, senón a de todos os que formamos parte do cine, do teatro, da literatura, a pintura e escultura, os medios de comunicación... Porque todos nos retroalimentamos diso e temos que acadar que vivir da música e da cultura, en xeral e en Galicia, sexa realmente posible ou senón, sequera algo máis factible.

Compartir el artículo

stats