Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De Madruga a Colón

Para todos os públicos

De Madruga a Colón

Inspiran esta voluminosa novela as teorías que defenden as orixes galegas de Colón e, en concreto, a postulada por Alfonso Philippot, cuxa controvertida proposta trascende o xeográfico e identifica o navegante coa figura de Pedro Madruga de Soutomaior, personaxe notorio e decisivo nos avatares da Galicia feudal.

Xa as crónicas históricas atribúen a Madruga unha biografía un tanto trepidante: certifican o seu nacemento ilexítimo en Poio -o antigo Portosanto-, o posterior recoñecemento polo pai, o seu paso polo mosteiro de Tui e a súa participación na Guerra de Sucesión castelá contra o bando isabelino, polo que se sabe que tivo que fuxir a Portugal, onde trabou amizade co rei e foi o seu corsario ata que as Revoltas Irmandiñas o obrigaron a regresar a Galicia e houbo de pedir perdón aos Reis Católicos. A curiosidade da polémica reside en que, logo de ser recibido en audiencia por eles, Madruga desaparece dos rexistros. Xusto cando aparece Colón. Xaora, se certos elementos como a linguaxe do "xenovés" ou a toponimia do Novo Mundo respaldan, segundo os investigadores, a súa galeguidade, as coincidencias familiares, de lugares e datas, de formación, e mesmo de valedores e inimigos comúns entre el e Madruga apuntarían a que ambos foron, en efecto, a mesma persoa, e que en beneficio de todos se pactou unha estrataxema de morte finxida e conseguinte cambio de identidade: morto como Madruga, os reis acababan co vello inimigo que, vivo como Colón, propoñía un Gran Proxecto que pagaba a pena considerar.

Encaixada, pois, nesa hipótese é como aquí se presenta unha vida de Pedro, entre a documentación contrastada que o relaciona con fitos persoeiros históricos, e o puramente imaxinativo, tal é o relato de aventuras da súa infancia (e, en paralelo, a da súa amiga Evinha) e de como chega a adquirir unha enciclopédica educación. O texto, de lectura sobradamente fácil -agás por un par de esceas escabrosas, mesmo podería indicarse para todos los públicos-, amosa a lixeireza esperada deste tipo de ficción divulgativa: non hai máis complicacións de estilo ou estrutura en tramas e subtramas que a fórmula clásica de presentación, nó e desenlace, co ton neutro dun narrador omnisciente e algúns diálogos. Os lectores sofisticados notarán certa inxenuidade literaria, principalmente na somera caracterización dos personaxes -ás veces tópicos, anacrónicos, ou en exceso funcionais-, así como na irregular xestión dos tempos e da intriga, e mais algunha discutible solución argumental, máis folletinesca que dramática. Se cadra, a obra funciona mellor cando explica a Historia coa ficción que cando sostén unha historia ficticia, pero ilustra a tese referida -"Luz ás tebras"- e dispón con sinxeleza os acontecementos dunha época en verdade intensa.

COSTOYA SANTOS, R., Portosanto, Ed. Toxosoutos, Noia, 2018, PVP. 24 ?

Compartir el artículo

stats