Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Duplicidades

Pepe Cáccamo e Baldo Ramos en Afundación

Duplicidades

Os poetas e creadores visuais Pepe Cáccamo e Baldo Ramos presentan o seu terceiro traballo artístico conxunto. Logo da súa experiencia de diálogo plasmada nos proxectos CaRa inversa (2014) e Libros conversos (2016), en que ambos os artistas establecían unha liña de converxencia que se movía con plena liberdade entre o plástico e o poético, afrontan un novo reto na exposición A dobre páxina, unha mostra que supón un afondamento intenso nas prácticas iniciadas nas dúas experiencias anteriores que tiveron a súa concreción no ámbito expositivo e tamén en atractivas publicacións.

A primeira destas colaboracións, CaRa inversa (2014), constituía un diálogo de corenta pezas e poemas, que tivo a súa plasmación nunha mostra conxunta e nun libro, editado na colección "Libros da Frouma" da editorial compostelá Follas Novas, volume en que se recollían os poemas dos dous autores escritos para glosar cadanseu libro obxecto do compañeiro.

A segunda colaboración, Libros conversos, consistía en poemas convertidos en pintura, colaxe e escultura que xurdían a partir dunha concepción de que a creación poética e a pictórico-obxectual son dous mundos que se complementan de xeito estreito.

A dobre páxina -a mostra que este mes se pode contemplar en Vigo e que logo visitará Ourense- supón unha intensificación moito maior porque partindo de libros de vello abertos en dobre páxina, o traballo que realizan ambos os creadores é conxunto na práctica totalidade das pezas, creando en realidade un novo artista que fusiona as experiencias creativas dos dous autores, traballando nunha liña que ten a súa orixe na intensa vinculación entre a palabra e o obxecto.

A relación entre arte e linguaxe, como é ben coñecido, foi, ao longo de todo o século XX, un dos máis favorábeis contextos para a superación dos límites a que unha historia dos xéneros artísticos parecia confinar a arte occidental. Se, por un lado, moitos poetas espacializan os seus textos, explorando as posibilidades gráficas que a escrita lles proporcionaba, por outro, un número moi notábel de artistas visuais participaron da palabra e do texto con vontade de romperen as fronteiras que illaban a arte da experiencia da vida cotiá e condicionaban unha discusión e un coñecemento sen límites da natureza do proceso artístico.

En A dobre páxina, intervindo cada artista sobre unha das dúas páxinas centrais abertas e enfrontadas, a palabra, o obxecto, e o trazo pictórico crúzanse dando paso a unha experimentación recíproca, que fai que as gramáticas específicas do visual e o textual se poidan transgredir. O poético obxectualiza a palabra e a palabra é usada para redefinir a condición do obxecto de arte.

Daquela, o traballo de Pepe Cáccamo e Baldo Ramos sitúase nun tránsito entre o visual e o semántico. Parten dunha base claramente poético-obxectual, na tradición de Marcel Duchamp, do dadaísmo e do surrealismo. Son objects trouvés, cunha marcada propensión lúdica ao que os creadores acrecentan un sentido discursivo que procede da súa condición de poetas. Recollen libros e obxectos esquecidos e atopados que habitualmente non se consideran artísticos e xustapoñen elementos plásticos tirados de ámbitos distintos. Unha vez resituados estes obxectos baixo a nova luz da imaxinación creativa, atinxen un valor cargado de forza expresiva, converténdose en vehículos para a pura comunicación poética. Como en toda a tradición plástica que ten que ver co surrealismo, os valores vinculados ao azar ou ao achado están tamén presentes, nesta liña estas obras captan, en ocasións, o sensíbel non reflexionado e parten dunha clara reutilización da imaxe e do obxecto. A iso hai que sumar a combinación e montaxe de elementos fragmentarios de todo tipo que serven para evidenciar os desprazamentos semánticos, que xa estaban presentes nos anteriores traballos de Baldo Ramos e Pepe Cáccamo.

Título: A dobre páxina

Autores: Pepe Cáccamo e Baldo Ramos

Local: Sala de Exposicións de Afundación; Rúa Policarpo Sanz, 26, Vigo

Até o 28 de abril de 2018

Presenza do pictórico e o caligráfico

  • A estes aspectos hai que sumar o pictórico, que está sutilmente presente en todas as obras, con referencias formais ao expresionismo abstracto, á pintura matética, e que, entre outros valores, serve para redondear as pezas desde a perspectiva da autonomía estética. A relación coa escrita é tamén ben evidente nos trazos pictóricos, co caligráfico como un dos soportes da creación e co xesto como valor expresivo. En A dobre páxina Pepe Cáccamo e Baldo Ramos levan adiante, xa que logo, procesos de deconstrución plástica, non nun sentido xeometrizante senón baseado en ritmos sutís e procesos discursivos e conceptuais, en que plástico e poético son dúas faces dos mesmos feitos creativos que conforman vieiros que van da imaxe e o obxecto á palabra, e desta novamente ao obxecto, nun auténtico bucle creativo.

Compartir el artículo

stats