Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Apuntando aos sentidos

Musicalidade e simbolismo

Apuntando aos sentidos

Xoán Carlos Domínguez Alberte (Escudeiros-Ramirás, 1966) elixe a estrofa clásica de catorce versos para artellar o seu poemario, Soneto no alfabeto, coa finalidade de outorgarlle a cada letra do abecedario unha homenaxe en forma de son, de palabra, de expresión, de verso, de idea? Así, cada un dos vinte e dous poemas que conforman o volume -ademais do prólogo 'Intencións' no que a modo de decálogo o autor establece as claves que guiaron a elaboración do sonetario- constitúen unha referencia rimada sobre as aves, unha botella con sabor e saber, a arte de escribir, o afecto en forma de flor, o don da ledicia, a fragancia da alegría, o nome das emocións, o son das sílabas ou a voz de Galiza.

Ademais a letra anfitrioa está presente ao longo de todo o poema creando unha musicalidade que apunta directamente aos sentidos; de modo que non só vertebra a composición, senón que tamén achega efectos rítmicos que suxiren e evocan a realidade presentada e representada e que fai lixeira e amena a lectura. De feito, dise que a poesía é a palabra ritmicamente organizada e nesta ocasión cúmprese á perfección: no poemario acádase unha luminosidade poética extraordinaria, dada non só por elementos pertencentes ao significante, senón tamén ao contido. A realidade que presenta sitúase no plano da cotidianeidade e dende aquí elévase ao nivel sensorial nesa búsqueda do disfrute e da recreación que tanto nos suxire.

En todos os poemas asistimos á presentación dunha realidade concreta ou abstracta -a luz do ceo, a ilusión, os versos?- e dende aquí trascende ao recendo do pan de centeo, á intelixencia que un imaxina ou á vitoria, voo máis vello do universo. Con isto profundiza na presenza e na ausencia, no posuído e no desexado, no real e no imaxinario.

Os versos van deste modo engaiolando e sorprendendo o lector polo universo que presenta, pola maxia das palabras, polo que contén de dramático, de estético, de espiritual. O poeta convértese nun gardián que protexe e multiplica a forza vital da fala que acada aquí unha musicalidade e un simbolismo que a diferencia da prosa, a pesar de que os poemas tamén contan historias. Historias que apelan aos sentimentos e á razón nunha sorte de síntese de todos os xéneros literarios, a partir dos cales se pode comprender e profundizar na esencia da cultura, que é á fin e a cabo un dos obxectivos da literatura. Apreciar a creación artística e comprender a linguaxe das distintas manifestacións nas que aparece vén a ser un dos propósitos da aprendizaxe das letras.

Se a poesía é procura, indagación; é necesidade de entender e comprender o mundo Domínguez Alberte, abofé, que o fai.

DOMÍNGUEZ ALBERTE, X.C., Soneto no alfabeto, Ed. Galaxia, Vigo, 2018, PVP. 8, 50 ?

Compartir el artículo

stats