Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Superiores e inferiores

A revolución antiespecismo

Un oso pardo nos bosques de Bulgaria.

Mortos os deuses, os sacrificios perturban as conciencias. Matamos a Deus para ter a liberdade de ser relixiosos; o home moderno morreu tamén para desentendernos das tiranías cartesianas. Aínda que a ética non consegue aclarar a cuestión animal, hai unha moralidade na rúa que vai por diante. A tese de Yves Bonnardel, que está nestes día de actualidade, di que non hai que interferir na vida dos animais na natureza, pero temos que intervir na vida dos humanos para asegurarlles a súa xustiza, felicidade e igualdade: unha proposta de cambio profunda porque a construción ética non se pode deter nunha arbitrariedade como é o límite da especie humana.

Somos superiores. Somos superiores? Entón hai unha calidade que lexitima a orde. Ten matices e gradacións ou é un limite absoluto? Unha cuestión complexa porque no conxunto diso que chamamos animais, conviven a bacteria e mais a balea. Nós fronte a todos eles. Se o límite é considerar a capacidade de sentir, tal cousa devén perturbadora porque, ademais de destruír o ecosistema, proporcionamos moito sufrimento a entidades vivas que senten tanta dor como nós. Eticamante, inxustificábel.

A dor é a mesma, agás nos protozoos e invertebrados inferiores, eles teñen sistema nervioso. Os cambios fisiolóxicos do sistema nervioso simpático prodúcenos aquelas profundas turbacións do medo e a dor e nisto non hai diferenzas significativas coa maioría destas numerosas especies non humanas. Entón sentir non é suficiente. Cal é a calidade que nos dá dereito a desenvolver esta discriminación baseada na nosa superioridade? É unha ausencia de algo. Non pensan o "ser"; por iso algúns entenden que merecen ser vítimas da nosa situación parasita de cara a eles.

Esta conduta humana de reflexionar sobre outros ten significados. Hai quen pensa que a palabra é o lugar do ser. Entón quen non ten palabra, non ten ser? Senten pero non teñen o noso poder autorreferencial. Sendo deste xeito, podemos dispoñer dos humanos que non teñen palabra ou con menos poder conciente? Que facemos cos nenos e nenas, e as persoa senís ou cos enfermos mentais? Ningunha ética pode defender que só os que teñen palabra, conciencia ou poder cognitivo poden gozar de dereitos fronte a outros.

É sinistro defender a cuestión da existencia dun límite que habilita para decidir sobre a vida. Non hai moita diferenza cun humanismo que colocou homes baixo privilexios aristocráticos e outros foron animalizados e cousificados para normalizaren as seus sufrimentos. O Renacemento non fixo da empatía unha virtude. A reciprocidade, como requisito para determinar a conduta moral, tampouco pecha. Fóra da conduta baseada na moral non existe a dignidade?

Se somos unha especie superior, talvez deberían dicilo outros observadores; pero de momento ningunha organización de animais non humanos parece interesarse en nós. Os animais non falan. Os animais non falan? Os animais non falan coma nós. Dános isto dereito de capturalos e dispoñer deles? Os animais son menos poderosos. Entón tamén temos que lexitimar a superioridade duns humanos sobre outros a través das armas ou dos músculos e someternos aos seus caprichos. Unha ética minimamente suficiente non pode considerar a dignidade baseada na perspectiva instrumental nin como atributo do poder; a vida digna de seu.

A cuestión animal hoxe perturba todos os códigos e preséntase ingobernábel á luz das nosas categorías. É unha boa oportunidade para xerar nova conciencia. A ética que empraza o ser humano no centro do universo xa non é posíbel. Sentímonos nalgún momento lonxe do Renacemento e pola súa falta de compaixón, pero esta distancia é relativa.

Sendo sensatos, a nosa conciencia non se enche de valor cando lexitima relacións de escravitude senón no recoñecemento de dereitos sobre o outro, especialmente sobre os que non poden exhibir tales condutas. A conciencia permítenos aprender incluso das plantas, da súa capacidade para florecer e dar froitos sen ningunha outra expectativa. Esta experiencia que chamamos vida, preséntase co mesmo misterio en nós que en calquera outro que observamos e non é menos digna na carne dun non humano nin está menos presente nas propiasplantas. A terra, a vida, abandonou a miles de especies. A verdadeira medida da nosa superioridade e que algún día tamén se esquecerá de nós.

Compartir el artículo

stats