Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Prosa áxil

Da relación simbiótica das especies

Prosa áxil

A través das palabras que Froilán lle adica a súa dona coñecemos de primeira man as andanzas e aventuras dun gato que, xa a piques de perder a gatunidade, decide ditarlle as súas memorias. E así, dende que chegou á casa metido nunha caixa ata o remate do Miolos, un gato amigo que seica morreu envelenado, asistimos a un desfile de historias que, tendo como protagonista ao Froilán, apuntan directamente á humanidade do mico, á empatía con outros animais ou mesmo á consideración en que o tiñan outros iguais.

Así ao longo de once pasaxes, concibidos a modo de capítulos, sabemos das primeiras lembranzas de Froilán; das súas primeiras saídas fóra do valado; do sapo Padeixón, ao que tiveron que dar un bo escarmento por non deixar en paz ás ras do estanque; da Catrolla; da vinganza do rato sobre a Clío, unha cadela coa que tiña problemas; do plan trazado cos raposos para que a cacería fose un auténtico desastre ou da curación das pitas dun galiñeiro no asunto do porexpán.

Trátase dun conxunto de anécdotas que van conformando e definindo a esencia de Froilán: un gato disposto e predisposto que non dubida en poñerse ao servizo dos demais sen perder de vista o seu papel no hábitat no que se atopa e que cáseque dende o comezo captará a atención do lector amigo dos animais e preocupado polo medio ambiente, porque en todo momento hai referencias ao mantemento da contorna como condición indispensable das súas actuacións.

O gato que é por natureza un animal moi intrigante revélase neste volume, que constitúe a primeira obra de ficción da catedrática de Xeografía e Historia no ensino secundario, Doutora en Historia da Arte e autora de numerosas publicacións sobre a arte galega, Mercedes Gallego Esperanza, como un ser independente, cariñoso, distante e orgulloso que permite amosar capacidade cognitiva á hora de procesar información complexa e utilizala, case sempre, en sentido positivo de axuda ao outro, feito que tería que dar que pensar a máis de un.

O texto, sinxelo na súa concepción, áxil na prosa, coidado no léxico e, como vimos, atractivo na temática, ofrece a posibilidade de establecer paralelismo coa vida humana e constatar que, a miúdo, os humanos distan moito de ser exemplares. Feito que constitúe un valor engadido á propia narración. Fálase de que existe unha tendencia a humanizar os animais, pero tamén é certo que os animais apréndennos a ser humanos e ofrécennos unha serie de leccións sobre como convivir con outros e como ser mellores cada día. Basta con lembrar a relación simbiótica das especies. E O Froilán pode ser un fiel reflexo.

Pola súa parte, as ilustracións Ana Mª Mon Delgado, baseadas no trazo sinxelo e amable dos animais, deitan unha ollada afectuosa sobre o texto moi interesante.

GALLEGO, Mercedes, O Froilán (Ils. Ana Mª Mon), E/A, Ourense, 2018. PVP. 19, 50 ?

Compartir el artículo

stats