Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Montse Pena: "María Victoria Moreno foi unha muller adiantada ao seu tempo"

Especialista en literatura infantil e xuvenil, licenciada en Filoloxía Galega e habitual colaboradora de FARO DA CULTURA, Montse Pena Presas vén de publicar A voz insurrecta. María Victoria Moreno (Galaxia), unha biografía da autora á que este ano se lle dedica o Día das Letras.

Montse Pena Presas, en Santiago. FOTO: XOÁN ÁLVAREZ

-Titula Vde. o seu libro A voz insurrecta . Por que o de insurrecta ?

-A idea do título naceu ao ler uns versos da propia autora nun pregón que deu na Feira do Libro de Pontevedra: "Esta Victoria Moreno foi sempre snob e insurrecta/ o que leva a moita honra/ anque moitos paus llos deran". Esa autodefinición súa, que recolle de xeito moi interesante parte do seu carácter, tívena moi presente mentres escribía, pero non sabía como plasmala no título. Foi logo, unha conversa coa miña amiga e escritora Rosalía Fernández Rial, a que me acabou dando a clave para titular así. Ese espírito algo rebelde e adiantado para min é algo que define moi ben a María Victoria coma escritora, mais tamén coma persoa.

-Coido que é a primeira vez que se lle dedica o Día das Letras a unha persona non nacida en Galicia (ou que chegou a Galicia xa de adulta). Para Vde. este é un feito anécdótico ou ten un, chamémoslle, valor engadido?

-Todas as persoas que non son galegas e que teñen a curiosidade e o interese por se achegar á nosa cultura e á nosa lingua merécenme unha admiración especial, pero é que María Victoria Moreno non só aprendeu e escribiu galego rapidamente, senón que ademais foi unha das primeiras persoas que ensinou o idioma en diferentes asociacións culturais nos principios dos anos setenta. Igualmente, nas clases de lingua española que impartía no instituto, facía reflexionar ao alumnado sobre o valor do galego. Imposible non valorar ambas as cousas.

-María Victoria foi unha muller con moitas facetas, e suponse que o Día das Letras se lle dedica polo seu traballo global. De todos os xeitos, para Vde. cal vén ser o apartado polo que máis destacou e pol que podemos considerala, entón, unha figura de referencia?

-Sen ningunha dúbida, ela diríache que a súa mellor tarefa foi a de profesora, a que máis feliz a facía, porque para ela a clase sempre foi unha festa. Eu, non obstante, decántome polo seu labor como escritora pioneira de literatura infantil e xuvenil. Como conto na biografía, nos anos setenta, cando ela empeza a escribir novelas para a infancia, e logo na década dos oitenta, cando principia a súa obra xuvenil, apenas había en galego textos deste tipo. A súa foi, sen dúbida, unha aposta consciente e comprometida polas lectoras e lectores do futuro.

-Que diría hoxe, se vivira, María Victoria diante do magnífico momento que atravesa dende hai anos a literatura infantil e xuvenil en galego?

-Supoño que lle interesaría moito pola grande variedade de libros e obras que hai dispoñibles para todo tipo de públicos, pola calidade de moitas autoras e autores, pola diversidade das edicións que se poden atopar e porque, afortunadamente, é un ámbito que medra e que se alicerza día a día. Creo, non obstante, que o que non lle gustaría sería ver como en certos sectores e en certos ámbitos a produción infantil e xuvenil se segue a ver como algo menor.

-Ten Vde. afirmado que María Victoria foi unha muller que se adiantou ao seu tempo. En que sentido foi, efectivamente, unha muller que ía na vangarda?

-Creo que o foi en moitos, pero eu sobre todo refírome ao ámbito literario. Soubo abordar temáticas como o machismo, a violencia de xénero, os problemas da adolescencia, o multiculturalismo, a drogadicción ou a necesidade de crear unha escola baseada no experiencial moito antes de que fosen elementos comúns nas obras literarias. Fíxoo, ademais, sen facer uso de didactismoningún porque para ela o máis importante era que as obras infantís e xuvenís creasen persoas que amasen as palabras e a literatura. Ela mesma tiña esa conciencia de ir por diante, como confesa nalgunhas entrevistas. Ademais, era consciente de que iso lle supuxera un custo, ás veces, demasiado alto (como lle ocorre cando lle retiran o pasaporte por impartir clases de galego no Ateneo de Ourense).

-Pouca xente sabe que foi finalista do Premio Café Gijón, pero confeso que non confirmei con cal novela Trátase, acaso, de Alcores de Donaval, traducida ao galego por Xavier Senín co título de Onde o aire non era brisa ? Podería contarme algo arredor desa obra?

-Si que é. A historia editorial desa obra é moi curiosa, dado que estivo nun caixón moitísimo tempo (queda finalista do Café Gijón en 1969) ata que Pedro Ferriol, o segundo marido de María Victoria, a animou a enviala a diferentes concursos literarios, tras actualizala lixeiramente e xa co título de Donde el aire no era brisa. Por fin, en 2005, meses antes de falecer, gaña un certame de novela convocado polo concello de Monleón, Salamanca. Desafortunadamente, ela non chega a vela publicada, xa que saíu en 2009, traducida por Xavier Senín. Curiosamente, boa parte da trama da novela é o resultado do que viviu acompañando a súa nai, que foi mestra en diferentes vilas da provincia de Segovia. A min gústame vela como un texto dun alento semellante a Historia de una maestra (1991) de Josefina Aldecoa, mais creado moito antes e cun maior contido reivindicativo, sobre todo no que se refire ás inxustizas sociais.

-Supoño que falaría con antiguos alumnos/as seus. Como lle din que era María Victoria como profesora?

-Falar con antigos alumnos e alumnas foi, quizais, unha das experiencias máis intensas que vivín escribindo A voz insurrecta. As persoas coas que puiden conversar, de diferentes xeracións, lembran aínda con emoción e fondo agarimo a unha profesora entregada e xenerosa, profundamente amante da literatura, que teimaba en levar a vida -con todo o que esta pode ter de positivo, mais tamén cos seus puntos máis negativos- á aula. Tamén cando estivo enferma, porque dicía que poucas veces se tiña ocasión de falar da enfermidade e da morte na clase. Non lle faltaba razón. Só deixou de ensinar cando viu que as forzas non lle respondían, polo que decidiu xubilarse.

-Dende o punto de vista humano e, ao tempo cultural/educativo e de compromiso, cal pensa que foi o mellor o exemplo a seguir que nos deixou María Victoria e no que é preciso facer especial énfase nesta dedicatoria do Día das Letras Galegas?

-Creo que María Victoria Moreno desenvolveu todos os papeis que alguén pode levar a cabo no ámbito literario: foi profesora, escritora, conferenciante, libreira, tradutora e autora de libros de texto, polo que o legado é amplo. Este Día das Letras celebra a todas esas persoas que, cando aínda estaba prohibido, teimaron en ensinar galego e, ademais, dignifica ás autoras infantís que tiveron a convicción de selo cando case ninguén apostara por iso en Galicia. Para min eses son os dous camiños, o da vontade e o do compromiso.

Compartir el artículo

stats