Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Literatura de máster

Arredor das "novelas de campus"

Fotograma de Rumores e mentiras (2010), baseada en A letra escarlata (1050) de Nathaniel Hawthorne.

Anda estes días o poleiro alborotado por mor do máis abracadabrante novelón de máster, ese que só a vida mesma pode escribir e a literatura alcanza unicamente nas súas máis arrevesadas ficcións, tanto abalo e devalo, tan poderosa sucesión de episodios aos que asistimos con admiración e, case diría, incredulidade crecente. É a novela do real, a pertinaz, impredicible e sorprendente realidade, que empurra con forza a maxinación literaria.

Mais, como a literatura imita a vida (e viceversa), ha pagar a pena que traiamos hoxe aquí algúns títulos diso que os estudosos deron en denominar "novela académica" ou "novela de campus", subxénero específico da narrativa da modernidade.

Se un repasa de cor as obras clásicas nas que o estudantado e o profesorado universitario son o eixe protagónico lembrará ben pronto obras como Fanshawe (1828) de Nathaniel Hawthorne, drama romántico e triángulo amoroso nun ficticio Harley College? ou As torres de Barchester (1857) de Anthony Trollope, novela vitoriana de amores fatais e personaxes que proveñen dun imaxinario Lazarus College de Oxford, por citar só dous títulos. Mais cómpre non confundir estas "novelas de universidade" ou "college novels" coas que chamamos, máis propiamente, "novelas de campus", pois estas últimas non son tanto novelas de formación ( bildungsroman) escritas e vivenciadas por quen é alleo ao mundo universitario coma obras xeradas polo coñecemento directo que teñen desa realidade os autores das "novelas académicas", a maioría delas escritas por docentes universitarios que, amais, inciden na centralidade da figura do profesor e a súa problemática relación coa institución como tema principal.

Por tanto, esa brasa ardente da incógnita verbo da existencia documental ou non da asistencia a este ou aquel máster, da realización ou non destoutro ou daqueloutro TFM que estes días comparece nos medios é unha realidade á que xa nos ten afeitos a literatura. Que llo digan senón a moitos dos grandes da escena narrativa estadounidense e británica das pasadas décadas, que deron a luz textos referencias con circunstancias de parello xorne; velaí Os bosques da academia (1952) de Mary McCarthy ?sátira do mundo profesoral universitario?; Jim o afortunado (1954) de Kingsley Amis ?outra crítica feroz ao pechado universo da institución académica e as súas categorizacións de castes profesorais; Pnin (1957) de Vladimir Nabokov -ácido retrato da vida dun profesor dunha pequena e arredada universidade-; Sobre a beleza (2005) de Zadie Smith -crónica da crise persoal dun docente universitario de mediana idade-; dúas novelas sobre o ocaso de decanos acusados de racismo como son O decembro do decano (1982) de Saul Bellow e A mancha humana (2000) de Philip Roth; outro par de obras que recrean un xenuíno sex & drugs & rock and roll universitario e que non están exentas de fortes doses de crítica social como son As leis da atracción (1987) de Bret Easton Ellis e Eu son Charlotte Simmons (2004) de Tom Wolfe; e, sobre todo, o gran cultivador do subxénero, David Lodge, látego da hipócrita vida universitaria na súa "triloxía do campus" ( Intercambios, 1975; O mundo é un pano, 1984 e Bo traballo, 1988).

A importación deste modelo ao mundo hispánico ten dado obras como Todas as almas (1989) de Javier Marías -historia dun hispanista profesor en Oxford-; A velocidade da luz (2005) de Javier Cercas -novela testemuño sobre a estancia do autor como docente na Universidade de Illinois e as singulares amizades que alí fixo-; Natura quasi morta (2011) de Carme Riera ?intriga na UBA pola desaparición dun mozo en estrañas circunstancias; O camiño de Ida (2013) de Ricardo Piglia, outro thriller académico, desta volta coa Universidade de New Jersey como escenario, ou Un momento de descanso (2011) de Antonio Orejudo, novela con docente de universidade protagonista que terá que axudar a desvelar un misterio e que posúe un apelido sonoro e inequívoco, de curiosa coincidencia: Cifuentes.

O estudante na casa da Troia

  • A novela de universitarios máis coñecida entre nós é A Casa da Troia, publicada en castelán por Alejandro Pérez Lugín en 1915 cunha magnífica cuberta de Castelao, inesquecible retrato da vida dun estudante de Dereito e os seus compañeiros de pensión na Compostela de fins do XIX. En galego salienta un texto escrito por quen foi, amais, catedrático de Historia da universidade compostelá: O estudante, a terceira das entregas da magna triloxía Os camiños da vida (1928) de Ramón Otero Pedrayo. A obra retrata ese ambiente universitario santiagués a través das vivencias que experimenta o discente Paio Soutelo, alumno de Medicina que mesmo soña cunha cátedra, pero que, finalmente, abandona os corredores da facultade e a "grande vila de pedra orcelada polas invernías" para ir exercer como doutor na contorna rural.

Compartir el artículo

stats