Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

En plena efervescencia

Luís Huici e o grupo Alfar

Plástica del pudor (1923).

En artigos anteriores fixemos referencia nestas mesmas páxinas do FARO DA CULTURA a dous pintores galegos asasinados polo fascismo en 1936: Camilo Díaz Baliño e Francisco Miguel. Hoxe queremos lembrar outro artista que sufriu a mesma cruel e inxusta sorte nas mesmas datas na cidade d'A Coruña: o pintor Luís Huici, que foi "paseado" en Mazaído, Comeanda (A Coruña) o 20 de agosto de 1936.

O noso artista naceu en Barballor (Zaragoza) en 1896 e era fillo de nai asturiana e pai galego, sendo este último farmacéutico de profesión. Gañouse a vida como xastre, oficio que aprendera en Oviedo onde foi vivir coa súa nai á morte do pai.

N'A Coruña está instalado en 1920 e comeza a traballar como xastre chegando a montar a súa propia xastraría nun andar do edificio Pastor, do Cantón Pequeno. A súa actividade profesional prolongouse tamén á cidade de Ourense onde tivo importante presenza no terreo profesional e tamén no ambiente intelectual da capital das Burgas, participando nos faladoiros culturais con escritores como Eugenio Montes e pintores como Cándido Fernández Mazas, este último esteticamente moi achegado á concepción plástica do noso artista.

Luís Huici foi redactor do xornal coruñés E l Noroeste e participou nos faladoiros máis relevantes. Frecuentou o café Marineda, onde se reunían figuras senlleiras do republicanismo galego como Santiago Casares Quiroga e do nacionalismo, como Antón Vilar Ponte. Tamén foi seareiro de La Peña, o café da coruñesa Rúa Real frecuentado polo escultor Bonome, o arquitecto González Villar, o escritor Julio Rodríguez Yordi, o pintor Brocos, o debuxante Cebreiro ou poeta e dinamizador cultural uruguaio Julio José Casal (1889-1954).

Neste ámbiente vai desenvolverse un tecido cultural permeábel á modernidade estética internacional, con referentes como o ultraísmo e en xeral o vangardismo cosmopolita, sendo decisiva para esta concreción dun rico ambiente cultural a creación da revista Alfar.

A revista Alfar -nunha primeira etapa chamada Revista de Casa América-Galicia- é unha publicación da vangarda plástica e literaria creada polo poeta uruguaio -e cónsul do seu país- Julio J. Casal e publicada n'A Coruña entre 1920-1927, ano en que o director regresou ao Uruguai. Contou con variadas e brillantes colaboracións, con importante presenza da literatura e da arte da vangarda internacional, movéndose nun vangardismo cosmopolita que ten como referencia o ultraísmo. Nela aparecen colaboracións de artistas como Rafael Barradas, Pablo Picasso, Juan Gris, Norah Borges, o escultor Alberto, Ángel Ferrant, Francisco Bores, Antonio Tenreiro, Álvaro Cebreiro, Francisco Miguel ou Manuel Méndez. Alfar será fundamental para a divulgación da plástica renovadora en Galiza e tamén no contexto español, non só polas obras reproducidas, senón polo espallamento do pensamento artístico modernizador no noso país, sen eludir a polémica co rexionalismo e o nacionalismo.

Desta variedade de nomes e tendencias xorde unha rica rede de conexións e influencias, típica da modernización da cultura plástica europea desta altura. Os vieiros da renovación da arte das primeiras décadas do pasado século non foron nada lineais como ás veces se adoita encontrar frecuentemente en manuais de historia da arte. En realidade a modernidade é variábel e pouco precisa. Daquela, como demostra Alfar, achamos a artistas ben diferentes mais cun espírito semellante que nos falan dun mundo en plena efervescencia, nun ambiente como o noso onde se produciron importantes transformacións e un proceso de renovación artística que desde mediados dos anos vinte é xa ben evidente.

Totalmente inserido neste contexto, e en concreto no ámbito en que nace Alfar, está a intensa presenza de Luís Huici -como tamén aparece con igual rotundidade o pintor Francisco Miguel (1897-1936)-. Huici ilustra cos seus debuxos e gravados moitos números da revista, cun linealismo acusado, moi achegado ao debuxo de moitos ilustradores do ambiente da xeración do 27, como Manuel Ángeles Ortiz, Moreno Villa, Bores, Benjamín Palencia ou Federico García Lorca.

Este tipo de traballos aparece xa en 1920 na revista Vida -precursora en certa medida de Alfar- nela os debuxos de Huici teñen un ton amabelmente caricaturesco e un envolvente ritmo non alleo ao modernismo.

Linóleos

  • Particular interese teñen os seus gravados, linóleos sobre todo -unha técnica moi presente na arte galega desta altura-, en que se percibe un esquematismo primitivista moi do gusto da vangarda do momento algúns cun acusado interese pola plasmación do ritmo e do dinamismo e outros dun marcado planimetrismo case contrutivista. Este tipo de gravados non só aparecen na Revista de Casa América-Galicia e en Alfar, senón que mesmo teñen presenza en publicacións dun perfil cultural -e ideolóxico- distinto como é o caso da revista Nós onde tamén colabora cun linóleo do mesmo estilo dos que presenta en A lfar. Estamos diante dunha notábel figura da nosa historia da arte, necesitada dunha recuperanción que a resitúe con rigor nun momento decisivo do noso pasado.

Compartir el artículo

stats