Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

FARO DA CULTURAPraga: primavera de 1968

A destrución dunha esperanza

Tropas do Pacto de Varsovia nas rúas da República Checa, na fin da "Primavera de Praga" (1968).

O ano 1968 foi un ano de esperanza. Semellaba que se estaba ás portas dunha gran revolución mundial: os movementos estudantís e as folgas obreiras sucedíanse por diferentes lugares do mundo (principalmente en Italia, Francia, Xapón e México, pero tamén en Galicia e noutros lugares); a ofensiva do Tet supuxo o principio da derrota norteamericana no Vietnam; nos EEUU a revolta dos estudantes manifestouse contra a guerra, reorganizouse o movemento feminista e, logo do asasinato de Martin Luther King, artellouse un potente movemento afroamericano arredor dos Black Panther. Malia a contundencia das forzas contrarrevolucionarias en contra deses 'espertares', a esperanza daba mostras de vizosidade: triunfo socialista en Chile e goberno de Allende no ano 1970, a revolución dos Cravos en 1974, en Portugal,ou mesmo as mobilizacións obreiras e estudantís que marcaron o tardofranquismo (dende os acontecementos de Ferrol en 1972 até a aprobación da Constitución en 1978). Porén, aqueles anos de esperanza foron unha ilusión e a Primavera de Praga o primeiro sinal dunha perigosa desfeita na que non só derrotaron a esperanza de millares de persoas que soñaban con outros horizontes?, senón que construíron un mundo no que se lle di ás novas xeracións que 'non hai futuro'.

O primeiro acto da Primavera de Praga tivo lugar o 5 de xaneiro de 1968. Ese día, o Comité Central do KSC (o partido comunista checoslovaco), destituía a Antonín Novotný e nomeaba secretario xeral a Alexander Dub?ek, o home que ía pór en marcha unha reforma no socialismo checoslovaco que non buscaba distanciarse do socialismo -como ocorrera coa revolución húngara de 1956-, senón quedevezaba profundar na súa democratización.

O seguinte acto foi o 5 de abril de 1968. Na xuntanza do Comité Central do KSC celebrada ese día, aprobábase o Programa de Acción, que entre algúns sectores comezou a denominarse como o programa do socialismo de rostro humano e co que os checoslovacos pretendían seguir o seu propio camiño cara ao comunismo. O documento presentaba unha serie de liñas de acción en diferentes ámbitos: con respecto ás liberdades individuais e os dereitos políticos, defendía a libre creación de partidos que aceptasen as institucións socialistas, o dereito á folga, a liberdade total de expresión e de movementos?, así como o reforzamento dos órganos de poder democraticamente elixidos. Neste sentido, o que se pretendía con este documento era reforzar o carácter democrático e avanzar na construción do socialismo? ao tempo que unah resposta para as necesidades económicas da sociedade checoslovaca desa altura, que xa non viña ser aqueloutra de vinte anos atrás. Efectivamente, reduciuse o papel do Estado a un mero planificador xeral, encargado das cuestións macroeconómicas e do comercio internacional, favorecendo nese sentido a vía da autoxestión. Noutros dous ámbitos: a estrutura do Estado e as relacións internacionais, instaurouse o modelo federal, que recoñecía os mesmos dereitos a Chequia que a Eslovaquia, e mantivéronse os lazos cos países socialistas, aínda que se lle deu un novo pulo ás relacións baseadas na cooperación e mais o pacifismo ou a non agresión.

O socialismo que se desprende deste programa de acción, daquela, non pode reducirse á liberación dos traballadores da explotación capitalista -o que se conseguira nos poucos anos de proceso socialista en Checoslovaquia-, senón que debía conducir, tamén, ao pleno desenvolvemento das persoas. Velaí a perspectiva que no PSUC puxera de relevo Manuel Sacristán, como expón Salvador López Arnal na obra La destrucción de una esperanza (AKAL, 2010).

A invasión e ocupación de Praga o 20 de agosto de 1968 é o acto final desta dramática destrución da esperanza.

Repensar hoxe sobre aqueles acontecementos é unha necesidade certa se queremos construír unha alternativa á barbarie capitalista, pero cómpre non caer na infrutuosa tentación de repensar todo de novo: a obra de Sacristán, un dos máis lúcidos críticos da invasión, é un bo punto de partida nesta nova andaina.

Compartir el artículo

stats