Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Abstracción pautada

Nuria Lago en Apo'strophe

Nuria Lago nas instalacións da galería Apo'strophe. / FOTOS ELI REGUEIRA

A posición da pintura, o seu estatus no panorama da arte, móvese desde as vangardas históricas, iniciadas hai máis dun século, nas coordenadas dunha dupla polaridade: as da súa resistencia -en ocasión heroica- e as da súa posíbel desaparición, e nese contexto e debate cómpre inscribirmos os repetidos discursos da súa decadencia e da súa total disolución.

A reflexión sobre o presente da pintura, e sobre a súa relación e viabilidade como linguaxe en distintos soportes e transmisións, vennos novamente á mente ao contemplarmos a mostra Abstracción irreversible de Nuria Lago na viguesa Galería Apo'strophe. Un título que, coa súa alusión á non figuración e sobre todo co adxectivo "irreversíbel", nos sitúa no ámbito do discurso e do debate do sentido da pintura no noso presente.

Alén diso, a artista realiza unha vistosa montaxe, deixando que as obras falen por si soas, evitando todo ruído na sala: soporte, cartelas... O que si nos ofrece é unha ollada dirixida que parte na súa proposta dun presente rigoroso que se insire tamén na tradición do medio pictórico, permitindo que poidamos ler as obras na súa total instantaneidade, mais tamén como froito dunha vizosa tradición cando os pintores e as pintoras utilizaban un instrumento xa formado cuxos mecanismos se transmitían intactos sen ningunha obsesión de novidade e a forma non era obxecto dunha propiedade. Neste sentido, a proposta de Nuria Lago sitúase firmemente no presente artístico e amosa que a pintura, a pesar de todas as mudanzas, continúa a ser un ben común e que é o pensamento, a idea a que é atinxida pola alteridade, continuando en boa medida a forma a ser un valor de uso a pesar da multiplicidade de linguaxes artísticas.

Abstracción irreversible encádrase nun ámbito moi concreto da tradición da modernidade: a do expresionismo abstracto. Por medio dunha escolla de soporte de controlada fraxilidade como é o papel e presentando as obras nunha montaxe de enorme limpeza, a artista afronta retos que se situan en equilibrios delicados entre o control e a pulsión. Percibimos unha vontade de reflexión sobre o tratamento que se realiza ao redor do tema da pincelada e a mancha e a súa relación co espazo.

Nuria Lago, na tradición da action painting, pretende "expresar" máis que "representar" no sentido de que a súa pintura se estende polo lenzo como unha descarga de tensión acumulada. A pintora é unha creadora que deliberadamente compensa -non anula- a carga intelectual que o espazo ben definido en camadas de pintura semella suxerir cunha pulsión intensa. O seu fluír de fíos e manchas non é puramente casual e desordenado porque escolle cores, cantidades e dirixe o xesto, de aí o cualificativo de xestual para este tipo de pintura. O resultado, produto dunha intensa pulsión, é a acción, os drásticos drippings, a danza frenética da mancha mais tamén a definición espacial entendida como un territorio, como campo para a revelación expresiva.

No seu expresionismo podemos percibir unha xestualidade que incorpora de xeito singular, nunca mimético, os ecos da linguaxe informalista. Este aspecto e enormememente delicado e complexo, porque, en xeral, este tipo de achegamentos á tradición expresionista resultan miméticos e totalmente exentos de interese, dando a sensación de plasmar unha pura receita. Ben pola contra, o traballo de Nuria Lago evidencia un rigor e unha personalidade moi marcada. Na súa indagación amostra sempre un grande interese pola pincelada, facendo da cor unha materia extremadamente sensíbel que se converte nas súas mans en instrumento de análise, mantendo un delicado equilibrio entre a simplicidade e a habilidade do trazo.

Artista: Nuria Lago

Título: Abstracción irreversible

Comisariado: Elena Bangueses

Local: Galería APO'STROPHE, Vigo

Até o 24 de marzo

En diálogo coa tradición

  • É evidente que a investigación plástica de Nuria Lago se fai en diálogo coa tradición, unha tradición que é parte dunha reflexion que entende a pintura como linguaxe, escolmando elementos significativos, perseguidos de xeito obsesivo, e cheos dunha intensa forza plástica. O resultado, nunha primeira ollada, non se afasta dunha vertente da pintura actual preocupada por ligar este ámbito de captación coa investigación formal herdeira das vangardas históricas, mais a diferenza entre a obra de Nuria lago e outras versións máis planas é a claridade conceptual e a enerxía da súa linguaxe, unida ao coidado formal, demostrando que nos mellores momentos, e en especial na pintura, "forma" pode tamén ser "contido", sempre que consiga o fundamental que é a transmisión, a capacidade de comunicación. Finalmente, cómpre recoñecer o traballo comisarial de Elena Bangueses, que se percibe como un rico diálogo coa artista, e o labor de Galería Apo'strophe e a súa aposta por presentar novos nomes e abrir o seu espazo expositivo a todo tipo de ámbitos de creación e reflexión ligados ao mundo artístico.

Compartir el artículo

stats