Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

FARO DA CULTURAComo ser unha estrela

Youtubeiras-Youtubeiros de noso

FARO DA CULTURAComo ser unha estrela

É probábel que a desidia se apodere de ti cando observas un adolescente rindo, sumido no seu móbil. A distancia entre ti e os youtubers e mais os seus videoblogs, gameplays, sketches e unboxings é o suficientemente grande como para xustificar a renuncia a ese, case impercepíibel e impropio, impulso por coñecer sobre este xénero de cousas. Neste intre, é mellor non mirarse ao espello se non queremos atoparnos coa nosa nai. É inevitábel; a cultura necesita distanciarse da subcultura e isto ponnos na perspectiva de que non somos os artífices de nada aínda que medramos nesa inxenua percepción de que somos xerme. O sistema créanos e desprázanos da lateralidade ao centro.

Nestes días están de actualidade en Galicia os premios "Youtubeiras-Youtubeiros, un concurso de vídeos en galego" dirixido a maiores de catorce anos: unha iniciativa dos servizos de Normalización Lingüística de numerosos concellos e das Universidades que pretenden estimular o uso do galego entre a xente nova. A proposta está ben pensada porque nesta marxinalidade cultural, na que están os adolescentes, se produce unha cantidade de contidos que supera amplamente as mellores expectativas dos medios publicitados tradicionais.

Youtube é a terceira web máis visitada do mundo, despois de Google e Facebook. Recolle trescentas horas de vídeo por minuto, deseñadas e consumidas por mil millóns de usuarios únicos de entre doce e vinte e nove anos que utilizan a plataforma cada mes. Isto di moito sobre o futuro do medio televisivo que queda cada día máis fóra desta realidade. Dende 1992, os minutos que as persoas novas dedican aos programas televisivos caen ano tras ano.

Os youtubers menos populares teñen máis seguidores que a poboación total de Galicia, así que xerar contidos en galego parece unha fórmula que asegura unha difusión importante e gratuíta. Estes novos actores conseguiron gran poder de convocatoria sen ningunha compañía publicitaria nin sofisticadas estratexias de mercado. Xa quixesen moitos artistas e escritores contar cunha pequena parte dos afeccionados que concentran estes novatos.

Todas as xeracións pensan que os seus adolescentes son os inventores da trivialidade. Este pensamento ameaza con contaminar a reflexión sobre o fenómeno e non está mal resistirse porque, ademais da certeza de que é a xente nova a que mellor vive na superficialidade, postos a comparar co medio televisivo, os contidos do youtubers ofrecen bastante máis xogo e, na comparativa, a televisión parece obsoleta.

Como modelos, a fama deixou de ser un privilexio dos elixidos polos membros das clases poderosas. Estes novos operadores sociais, cos seus vídeos caseiros e sendo eles mesmos diante da cámara, no seu reducido espazo reivindican que todos temos dignidade no que somos: unha idea que latexa por fóra da banalidade e atopa lugar nos temas que son múltiples e diversos non só canto a súa variedade temática senón á profundidade. A xente xove non acepta a tiranía televisiva da publicidade, eles queren decidir cando e como ver e os produtores destes contidos saben que as compañías están interesadas no seu público, e isto é unha ferramenta moi poderosa para determinar condicións.

Estes heroes e modelos que marcan o ritmo da actualidade, e que xa dirixen as tendencias, están a cambiar o mundo da comunicación. Non necesitan nin grandes presupostos, nin campañas de publicidade, nin escenografías, nin asesores de imaxe. Só son eles mesmos, elaborando contidos e transmitindo. Non hai grandes empresas co seu poder económico filtrando información aínda que tamén sabemos que a subxectividade nunca é neutra. Mentres que nos medios tradicionais o contido é a publicidade, para os youtubers os temas están ditados eles e para os poderes económicos hoxe o interese está nos propios youtubers.

As novas tecnoloxías traen novas prácticas que condicionan as experiencias e as oportunidades do ser. Estes novos ídolos, por agora, son o máis parecido á independencia. Veremos quen os despraza da periferia ao centro e como acaban.

Compartir el artículo

stats