Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Verne, Vigo

No 150 aniversario da arribada do Nautilus

Vista do monumento ao capitán Nemo na ensenada de San Simón. FOTO: ELI REGUEIRA

"E ben, señor Aronnax, estamos na baía de Vigo e só de vostede depende que poida chegar a coñecer os seus segredos."

Con estas palabras anunciaba o capitán Nemo, protagonista da moi célebre Vinte mil leguas baixo dos mares, a chegada ás augas olívicas do non menos famoso Nautilus, xustamente hai estes días cento cincuenta anos: o 18 de febreiro de 1868.

Con tal motivo, tiveron lugar na cidade as xornadas De Verne a Vigo coordinadas polo xornalista Eduardo Rolland. Nelas, expertos na vida e obra do escritor francés analizaron diversos ángulos da súa suxestiva biobibliografía e reviviron as visitas que Verne fixo á cidade en 1878 e 1884, onde fixo escala co seu iate Saint Michel III durante varios días, tempo abondo para vivir intensamente a procesión do Cristo da Vitoria e a festa da Reconquista, visitar a fortaleza do Castro, frecuentar o Café Suízo na rúa do Príncipe, bailar no Campo de Granada e cartearse con medio mundo dende o Hotel Continental.

Con certeza, Jules Verne inmortalizou literariamente a cidade e a ría de Vigo, pois a súa obra está traducida a ducias de idiomas, ten numerosas adaptacións cinematográficas e o seu relato é coñecido por millóns de lectores dende que se publicara en 1870.

Mais, quen foi Verne e como se interesou por Vigo e polo tesouro de Rande que financiaría as expedicións do afouto Nemo? En esencia, un intelectual davinciano, de curiosidade insaciable, que concibiu un proxecto absolutamente fascinante: unir Ciencia e Literatura a través da narración de extraordinarias viaxes e aventuras.

Verne foi, dende ben noviño, un ser de excepcionais dotes de observación, devecente do seu pequeno telescopio co que contemplaba o ceo estrelado de Nantes des que o sol se poñía e xa non podía ollar os navíos cruzar o Loira.

Xa adolescente, sendo estudante en París, privábase do imprescindible e pasaba semanas alimentándose apenas de leite e pan para, cos cartos aforrados, mercar libros e libros, ir ao teatro e participar da vida cultural parisiense. Foi entón cando, por medio dun tío seu, coñeceu a Alexandre Dumas pai e se fixo grande amigo do seu fillo, tamén afamado escritor.

Aínda que se formou como avogado, pronto empezou a gañar a vida como secretario do Teatro Lírico e comezou a escribir moita literatura dramática, unha afección que lle durou sempre, malia que despois acabou por deixar estas ocupacións e pasou vivir primeiro coa axuda da súa esposa (unha acomodada viúva coa que casou novo) e logo como axente de bolsa.

Na súa andaina como autor foi decisivo o encontro en 1862 co editor Pierre-Jules Hetzel, quen o fichou para que comezase a escribir unha serie de novelas por entregas de 'Viaxes extraordinarias' das que naceron títulos inesquecibles como Cinco semanas en globo (1863), Viaxe ao centro da Terra (1864), Da Terra á Lúa (1865), Os fillos do capitán Grant (1867) ou A volta ao mundo en oitenta días (1872).

Viaxeiro por medio mundo, estudoso insaciable de disciplinas tan dispares como a Química, Botánica, Xeoloxía, Mineraloxía, Oceanografía, Astronomía, Matemática, Física, Mecánica ou a Balística, membro da Sociedade de Xeografía de Francia, analista da obra de Poe, sobre a que escribiu unha serie de coñecidos ensaios, as súas inconmensurables ganas de vivir fixeron que sobrevivise á Guerra Franco-Prusiana na que foi alistado e mesmo a dous balazos que o un seu sobriño toleirán lle propinou diante a porta da casa e que, de resultas, o deixaron cunha coxeira para os restos, mais aínda rufo para viaxar e implicarse intensamente na vida de Amiens como concelleiro, organizando eventos literarios ou aconsellando a construción de edificios culturais, o que fixo que lle concedesen a Lexión de Honra uns anos antes de que presaxiase o seu pasamento e escribise a premonitoria O testamento dun excéntrico (1899), logo de destruír gran número de documentos e notas e ir deixándose vencer polas doenzas gástricas, os desmaios, as parálises faciais e a diabetes, que o foron cegando e deixando xordo ata acabar con el en 1905.

A escrita dun visionario

  • A imaxinación portentosa de Verne e as súas infindas pescudas na literatura científica da época fixeron que trufase os escritos de innovacións tecnolóxicas e progresos humanos que non foron unha realidade ata ben anos despois de que el os concibise. Poño por caso, a rede internacional de comunicacións telegráficas que idea en París no século XX (1863), avanzando Internet; a chegada tanto ao Polo Norte ( As aventuras do capitán Hatteras, 1866) coma ao Polo Sur ( A esfinxe dos xeos, 1897) ou os paseos lunares que fantasiou en Da Terra á Lúa (1865) e Arredor da Lúa (1870) cuns personaxes que, casualidades!, partían na viaxe de Cabo Cañaveral e regresaban aterrando no Pacífico. Porén, na memoria colectiva dos galegos ha ficar para sempre a maxia toda do Nautilus, un enxeño descoñecido capaz de navegar baixo os mares, que logo de abandonar a enseada de San Simón e deixar atrás as Cíes aproou cara á Atlántida, hai agora século e medio.

Compartir el artículo

stats