Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Luso Pantalla

Os portugueses, pioneiros do cinematógrafo en Galicia

Fotograma de O regador, regado.

Consta que a primeira exibición cinematográfica que se fixo en Galicia, aconteceu na Coruña na noite do 2 de setembro de 1896: tratouse dunha sesión para convidados que en días posteriores foi aberta ao público ao prezo de 1 peseta en butaca e 50 cts. na bancada. Nesta data só percorrían o norte peninsular tres aparellos proxectores: o Animatographo Portuguez de Pito Moreira (Porto), o Kinetographo de Bermudes - Liborio (empresarios de Lisboa), levado na xira por Francisco dos Santos, e o Kinetógrafo dun avogado de Oviedo que foi o presentado na Coruña polos empresarios Pedregal e Ramos no Teatro -Circo da cidade herculina. Mais estes dous sistemas de proxección, do inglés Robert William Paul e de Edison, respectivamente, aínda non se correspondían co que, pouco tempo despois, viría ser o cinematógrafo dos Irmáns Lumière, aparello que tamén incorporaba a posibilidade de facer gravacións de imaxes. Con este sistema e un amplo fondo de fitas da casa Lumière, o actor portugués Alessandre Pais de Azevedo, acompañado do proxeccionista César Marques, deu inicio a unha xira por Galicia co denominado "Cinematógrafo Lumière" e que eles promocionaban como "o verdadeiro cinematógrafo". A xira de exibición debía comezar no Teatro Tamberlick de Vigo, mais a falta de dispoñibilidade deste lugar, levaríaos a Pontevedra o sábado 16 de abril do 1897 onde presentaron o seu espectáculo, acompañado de monólogos teatrais e números musicais distribuidos en tres partes. Aínda na cidade do Lérez ofreceron durante nove días, quince cadros (fitas) diarios, repetindo aqueles que máis demandaba o público. De Pontevedra retornaron a Vigo e logo foron a Tui, A Coruña, Ferrol e Lugo, pasando despois a Xixón onde, ademais de resultar a primeira vez que se ofrecía este espectáculo, tamén gravaron imaxes do crebaondas, igual que costumaban facer por onde pasaban. A xira remataría en Andalucía, retornando despois a Portugal.

Aqueles días, no Novo Teatro de Pontevedra, unha das fitas que exibiron foi a célebre El jardinero / regador regado, considerado o primeiro gag da historia do cinema, e que aquí presentaron sob o nome de Un jardinero sorprendido. As sesións incluían todo o tipo de materiais: Llegada de un tren, Tres caballeros jugando al tresillo con Lumière e amigos bebendo champán, Los Campos Elíseos, Un clown, Borrasca en el mar, Carga de la caballería española, A carreira Lyon-París, La corte de los Zares... e outras máis con corridas de touros, xantares ou vistas de Niza, Venecia, Alxer ou Budapest. As fitas eran de 50 segundos de duración (17 metros de película), agrupadas en tres sesións de cinco cadros cadansúa, destacando polos aplausos recibidos, a titulada Carnaval en París. Entre fita e fita, descanso obrigado na escuridade, mentres o proxeccionista facía os trocos no aparello. O público saía abraiado das sesións pola exactitude da realidade e ás veces era tal a demanda que algunha destas sesións, ampliada a trinta e seis cadros (fitas) chegaría a custar a desorbitada cantidade de oito pesetas, altísima para a época. Nunha sesión normal os prezos ían desde as cinco pesetas dos proscenios de platea ás catro dos palcos, unha peseta e media as butacas traseiras e media peseta a de xeral. Como dato curioso destacan neste local os chamados "palcos de loito" (a tres pesetas) reminiscencia dos teatros antigos, destinados a persoas afectadas por algún trance mortuorio.

Verín e Chaves

  • José de Sousa Pacheco Guedes era natural de Freixo de Espada ao Cinto e veu estableceuse como fotógrafo en Ourense cara a 1880. En 1899 os Pacheco instaláronse en Vigo, asociados co fotógrafo e precursor do cine galego José Gil, pero un ano despois este rompeu a asociación. Entre 1900 e 1905 non só se dedicaron á fotografía senón que probaron sorte no mundo do cine. O propio José deixou constancia da experiencia: "Comezaba a ter éxito o marabilloso invento do cinematógrafo e como os seus creadores, os irmáns Lumière,eran propietarios dunha gran fábrica de placas fotográficas, ao inventaren o cinematógrafo dirixíronse a todos os seus clientes, incluídos nós, ofrecéndonos o seu invento". Xa con todo disposto, deron aínda co obstáculo da falta de luz eléctrica en moitos lugares, decidindo traer un grupo electróxeno de París. Explotado o material fílmico en Ourense,decidiron exhibilo en Portugal. Porén, en Chaves o invento non causou tanta sensación, pois cidade contaba xa cun animatógrafo, ubicado no Teatro Flaviense,desde 1903. Vendo o escaso rendemento, os Pacheco acordaron continuar coas exhibicións en Braga, Figueira da Foz, Porto, Lisboa, Évora... Jaime resumiu o periplo: "Estes cinco anos pasados en Portugal foron moi útiles para min,pois orientaron a miña educación estética e espiritual". Jaime e José traballaron xuntos, en Ourense, deica 1906. Mais,de mentalidades ben diferentes, Jaime decidiu independizarse. De retorno en Vigo, 1907, foise asociar coa viúva do fotógrafo italiano Felipe Prósperi Corcheti, abrindo a Galería Pacheco y Vda. de Prósperi. En 1915 o estudo fotográfico pasou a ser propiedade exclusiva de Jaime Pacheco. O abondoso material fotográfico do legado de Prósperi -Pacheco configura, con arredor de 140.000 fotografías, un dos máis importantes arquivos existentes en Galicia e España. Adquirido polo Concello vigués, habilitóuselle un edificio propio, pero a día de hoxe ainda continúa albergado na Casa das Artes

Compartir el artículo

stats