Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Suxestivos matices

Na mellor literatura poscolonial

Suxestivos matices

En 2012 critora Chimamanda Ngozi Adichie anunciou que no ano 2003 escribira unha novela titulada O hibisco púrpura, "sobre un home, que, entre outras cousas, pega á súa muller, e cuxa historia non remata moi ben". Desde logo, son varias as sorpresas que nos depara O hibisco púrpura. Primeiro, a precocidade da autora, xa que tiña 26 anos cando apareceu a novela. En segundo lugar, a madureza e a aparente sinxeleza con que arma un relato no que a narradora protagonista e o seu irmán viven, sometidos a unha férrea disciplina relixiosa. Este control exercido por un pai benfeitor da sociedade, politicamente disidente da tiranía do goberno de Nixeria, e convencido de obrar no ámbito familiar por un fin loable, choca coa forma de vivir da tía Ifeoma -profesora universitaria- e os seus fillos. É radical o contraste entre a severidade cruel do pai, a forma de vivir a relixiosidade nunha casa na que os castigos son dunha violencia insólita, fronte ao mundo humilde e cálido da casa dos curmáns e da tía, onde a relixión segue un ronsel amable. A diferencia afecta tamén ao idioma empregado polo pai, gran partidario do inglés, fronte aos que, como o padre Amadi, practican un catolicismo máis próximo aos marxinados, máis comprensivo cos que non comparten a mesma fe, e que se achegan aos frregeses co seu idioma igbo..

A loita entre o riso, a tolerancia e discusión aberta que se practica na casa da tía fronte aos castigos salvaxes do pai, e a violencia que este, - empresario de éxito e rodeado dunha auréola de dignidade, valentía democrática e filantropía-, exerce contra a nai dos seus fillos, acabará provocando un desenlace imprevisto.

Un dos méritos da obra é o tratamento dos personaxes, que nunca son maniqueos, están descritos de forma breve, pero con suxestivos matices emocionais, e sometidos a tensións que nos permiten desvelar aspectos significativos do seu carácter.

Chimamanda Ngozi Adichi recibiu por esta narración o recoñecemento de Chinua Achebe e o premio Commonwealth Writer ao mellor libro dun autor novel. A verdade é que esta novela de formación atrapa o lector desde a primeira páxina. Con prosa clara, critica o fanatismo e sitúa en primeiro plano a evolución dunha adolescente desde a cega obediencia ao pai -librepensador, pero fanático relixioso-, ata o momento no que un mundo máis feliz no que se abren as portas do amor provoca nela un cambio ao que se suman a nai e o irmán.

A autora, é unha das representantes máis importantes da chamada literatura poscolonial no continente africano. Sen dúbida, moitos xa a coñecen pola conferencia titulada "Sexamos todos feministas", transformada logo en libro, na que chega a definirse con ironía como unha "feminista feliz africana que non odia aos homes e a quen lle gusta levar pintalabios e tacóns altos para si mesma e non para eles",

NGOZI ADICHIE, Vh., O hibisco púrpura (trad. Moisés Barcia), Ed. Rinoceronte, Cangas, 2017, PVP. 17 ?

Compartir el artículo

stats