Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sorolla e a Moda

Pinturas para a elegancia

Dos vestidos presentes na mostra.

Os museos Thyssen-Bornemisza e Sorolla presentan en Madrid, do 13 de febreiro deica o 27 de maio, a exposición Sorolla y la Moda. Especialista no eido do traxe, Eloy Martínez de la Pera, quen fora comisario no ano 2014 da mostra dedicada ao modista Hubert de Givenchy no mesmo lugar, é o responsable do evento. Nela intégranse pinturas e vestidos datados entre 1890 e 1920, para facer dende as salas do museo unha evocación da vida moderna no troco de século.

Un total de 70 cadros asinados por Joaquín Sorolla i Bastida (1863-1923) e 60 vestidos de época (xunto con algún complemento) compoñen o material exposto. Non é esta a primeira vez que se confrontan cadros, esculturas, películas ou libros fronte a pezas de indumentaria e creacións de moda: así, na exposición Yves Saint Laurent Diálogos con el Arte -estivo na Caixa Galicia de A Coruña no 2008- os vestidos do modista mostrábanse á canda dos cadros dos grandes mestres que os tiñan inspirado. En mostras como Fashion and Surrealism do Victoria&Albert Museum (Londres,1988); Cubism and Fashion (MET, Nova York,1998) ou L´Impressionnisme et la mode do Musée d´Orsay (París,2012) tamén se contrapuña creación téxtil e creación pictórica. Quizais veña ser esta última a que presente un contido máis semellante á dedicada a Sorolla, pois non por menos a súa obra foi adxetivada como postimpresionista, "pintura da luz" ou luminista.

A sistemática museográfica é a de facer un estudo material dos obxectos que se van expoñer; saber a data, o uso, materiais, confección, autoría do vestido... e poñelo en relación cun cadro ou escultura. Acontece que Sorolla atopaba gran pracer en mercar prendas de moda para a súa muller Clotilde e os seus fillos María, Elena e Joaquín. Roupas coas que os retrataba en moitas ocasións. Arestora temos a sorte de mirar os cadros dun artista que recolleu o espírito da época, cun estilo que era representativo da modernidade, incorporando o labor dos máis célebres modistas da época.

Hai na mostra un modelo Delphos, o vestido túnica de seda plisada con remates de cristal de Murano, asinado por Mariano Fortuny. Elena Sorolla aparece retratada cun destes traxes no cadro Elena con túnica amarilla (1909) que na mostra se pon en relación cunha túnica verde azulada e cinto con greca dourada. A importancia do retrato é múltiple pois representa con modernidade de técnica unha efixie de medio corpo da dona, que leva un peiteado máis ben solto, e un traxe que desafía os convencionalismos dunha época de faixas na cintura e recheos nas saias e mangas, para introducir un vestido que reafirmaba a liberación do corpo da muller. O modelo Delphos está inspirado no Chitón grego; ten forma de rectángulo e está soportado polos ombreiros; leva escote redondo, manga variable e é de tecido lixeiro. Este vestido é a representación dos novos aires que se perciben para a muller, un troco de época que libera as donas das gaiolas douradas dos refaixos, para acceder ao século XX cun aumento de actividades públicas e progresivas incorporacións á vida laboral, social, deportiva e política.

Entre os modelos recolleitos nos retratos de Sorolla atopamos numerosos vestidos da chamada silueta en S, unha forma do corpo da muller acadada por un corsé que empuxaba o torso adiante e acentuaba as costas con volumes por debaixo da cintura. Esta moda é a senlleira da Belle Époque. Nesa xeira había asemade vestidos chemise de cores branco e marfil que se levaban con corsé, creando unha silueta vertical, moi representada nos cadros de veraneo e praias de Sorolla.

Vemos tamén numerosos traxes da década aperturista 1910-1920, tempo no que se retira progresivamente o corsé do uso cotián. Trátase de modelos que son unha forma de modernidade e que arrancan co Delphos de Fortuny. Traxes máis sinxelos, realizados en fermosos tecidos con sedas, encaixes, bordados e tules nas máis das voltas e creacións, entre outros, de Paquin, Madeleine Vionnet, Callot Soeurs, Lucile ou Paul Poiret.

Os homes tamén se visten

  • A mostra aparece dividida en catro partes: "Sorolla Íntimo", "Retrato de Sociedad", "Veraneo Elegante", "París y la vida moderna", e recollendo sobre todo retratos de donas, feito que invita a exhibir unha maior selección de traxes de muller nas salas de exposición. No século XIX a sociedade burguesa premiaba a discreción monocroma dos cabaleiros e a exuberancia colorista das donas, ocupando elas un papel anuncio do éxito económico e social do seu consorte ao lucir importantes, e custosos, traxes que captaban a atención de entendidos e neófitos. Hai, porén, algúns exemplos de roupa de cabaleiro: o Retrato del Rey Alfonso XII con Uniforme de Húsares de 1907 é unha boa mostra do traxe militar da época que era, xunto ao relixioso, un dos dous únicos ámbitos onde se empregaba a cor brillante para vestir os homes. Tamén a característica roupa de home burgués da época en cor negra, branca, gris ou ocre está presente na exposición a través, entre outros, dun retrato de veraneo onde podemos apreciar un traxe confeccionado en cor branca con tecido de liño e ausencia de forro. Á canda del xorde o chapeu pajilla. A roupa de día aparece cunha chaqueta de chaqué en lá negra que se mostra xunto o R etrato de Don Tomás Allende de 1905. Non se oculta que ofrece máis espectáculo a moda feminina no museo, mais non cabe dúbida de que o único xeito de ofrecer unha visión global da época, da moda e da obra de Sorolla é mostrando a donas e cabaleiros conxuntamente.

Compartir el artículo

stats