Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con fluída sinxeleza

A vida sobre o aramio

Con fluída sinxeleza

A traxectoria narrativa de Alberto Canal tense caracterizado, ata o de agora, por achegarse a temáticas moi diversas, mais que parten sempre de feitos históricos concretos. Así o facía xa na súa primeira novela, Conexión Tubinga (Finalista do Premio Xerais, 2008), un interesante texto que mesturaba o misterio coas inquedanzas filosóficas e coa reflexión sobre os camiños que escollemos (a partir da prohibición do libro Existe Deus? de Hans Kung) e tamén na que sería a súa segunda obra, O amor nos escuros días de Birkenau (2016), na que se recrea o namoro entre un preso político alemán e unha moza xudea nos derradeiros tempos do xenocidio levado a cabo polos nazis. Desta volta, o feito histórico está moito máis achegado a nós no espazo e no tempo, xa que a trama da súa nova novela, O trapecista da malla de rombos, parte dese singular proxecto educativo, artístico e vital que foi a "Ciudad de los Muchachos". O libro, editado fóra de colección por Xerais (quizais para ampliar o espectro de público lector ao que vai dirixido, dado que se pode ler como unha historia para público xuvenil e para adulto), conta cun atractivo deseño. Este principia presentándonos a Fidel, un rapaz orfo, que vive coa súa tía e coa súa avoa, e que soña con ser un día tamén trapecista (de nome artístico Iupanki), grazas -en parte- á influencia que o padre Peitos ten sobre el e coa oposición da súa familia. Curiosamente, o comezo da súa participación no proxecto artístico e educativo iníciase cando as autoridades locais e autonómicas comezan a ser bastante belixerantes con el por intereses urbanísticos, polo que as arelas do protagonista se verán, en certos momentos, totalmente frustradas. Novela de aprendizaxe, que fai reflexionar entre o que realmente é o que parece, que achega á intensidade e a importancia das ilusións (aínda que estas non se realicen), ten moito tamén de utopía, porque nos fala dun modo de vida e dunha organización político-social alternativa, en que as maiores decisións se tomaban colectivamente.

A prosa de Canal, de construción sinxela e fluída, vese neste caso arrequentada polo acerto á hora de situar a perspectiva narrativa. A pesar de empregar un narrador en terceira persoa, a ollada polo que este filtra os acontecementos adoita ser a de Fidel e a súa inocencia fronte ao mundo, a súa interpretación naif diante dos diferentes sucesos, resulta tan sorprendente que é doado que o lectorado fique cautivado polas súas observacións e polo seu xeito de entender a realidade. Non resulta tan crible, quizais, a personaxe de Nuna -que se revelará como o grande amor de Fidel- pois, a pesar de que o autor lle apón tres anos máis ca o protagonista- as súas reflexións parecen máis propias dunha muller adulta. Isto evidénciase sobre todo nos diálogos, que sustentan unha parte certamente significativa da trama e son o espello a través do que iremos vendo o despertar do personaxe principal. Aínda así, este singular dueto achegará ao público lector algúns dos momentos máis emocionantes do texto, que se nutre fundamentalmente destes. O trapecista da malla de rombos non deixa de ser unha interesante oportunidade de recrear unha parte da nosa historia recente (coas súas luces e as súas sombras) e, sobre todo, de facernos reflexionar sobre eses "homes de amarelo", que semellan dispostos a roubar as esperanzas e de apropiarse do que foi colectivo co empuxe dos intereses económicos detrás.

CANAL, Alberto, O trapecista da malla de rombos, Ed. Xerais, Vigo, 2017, PVP. 15 ?

Compartir el artículo

stats