Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

FARO DA CULTURAFilosofía e poder

Aproveitándonos do inútil

"Todo pode ser sempre doutro xeito": filosofía e poder.

"Toda arte é completamente inútil". Esta sentenza de Oscar Wilde, lonxe de resultar unha traxedia, constitúe a razón pola que conservamos tantos obxectos que nos sobreviven. Todo o que é creado como medio para un fin, irremediablemente morre. Dentro desta dobre natureza do inservibel, as cousas creadas para seren útiles permítennos aproveitar esoutras, inútiles. A filosofía, sen entrar na controversia de se está máis preto da arte que doutras manifestacións do saber, é tamén algo completamente inútil. Será por iso que os gregos sobreviven entre nós: lembramos o home Aristóteles, aquel que naceu, pensou e morreu, pero ignoramos quen inventou unha cousa tan útil como a fregona, ou o inodoro, aínda que sabemos quen converteu un urinario nunha obra da arte.

"Salvar a filosofía" é o nome da campaña que levou ao Congreso, no pasado decembro, 200.000 firmas xa que coa última reforma do sistema educativo, as alumnas e os alumnos rematan a ESO sen cursaren a materia de filosofía. Hai que salvala esencialmente porque, lonxe de resolver nada, devén a mellor máquina de crear problemas. O conflito é un bo síntoma; trátase da expresión do encontro coa singularidade, e onde non hai conflito, hai violencia porque de certo que a excepcionalidade foi eliminada. A pracidez é máis filla do opio que da liberdade; necesitamos a filosofía porque cuestiona, non por ofrecer respostas; porque é máis paradoxo que sensatez e tamén porque, fóra de aportar tranquilidade, resulta irrupción. Pero a filosofía, que deixou de pensarse como construtora de verdade e se constitúe para cuestinar os discursos que falan no seu nome, non ten espazo no mundo produtivo. A utilidade é un valor supremo que non pode cuestionarse; por iso a súa aprendizaxe non é conveniente.

"Todo sempre pode ser doutro xeito". O poder que hai nesta afirmación de só seis palabras é devastador para o sistema de mercado que quere "corpos politicamente dóciles e economicamente rentábeis". A historia recente ofrece moitas atrocidades que se xustificaron baixo este dispositivo reducionista da economía, expresado na obediencia debida e o traballo eficiente. Estes foron argumentos ofrecidos por torturadores e asasinos.

A palabra é o acceso a todo e, especialmente, ao poder normalizador. Ela antecédenos, constitúenos e transcéndenos. A análise feminista da linguaxe é moi reveladora desta estrutura constitutiva da subxectividade, que sempre está a estruturarnos a partir da falsa percepción da naturalidade da orde, por moi enraizada que estea na gramática.

A filosofía permítenos observar estas disposicións que determinan a nosa subxectividade en todos os ámbitos: sexualidade, traballo, deporte, artes, saúde, redes sociais?porque hoxe todo é observado baixo a perspectiva da produtividade e a eficiencia. O poder non é algo externo a nós e parte de nós, reside nos relatos previos a nós e somos a súa construción. A filosofía achega á liberdade de pensar; saír deste sistema alleante aínda que sempre sexa para entrar noutro.

Estas palabras converten a práctica da filosofía nunha cousa incómoda, porque contemplar o poder como algo externo a nós, e non como unha dinámica relacional, é máis xustificador e controlador. Non interesa que sexamos concientes do lugar vincular que ocupa. O poder non é algo do que dispoñemos, senón que está diseminado e atrapado dentro da norma positiva da vida diaria. Triúnfa cando nos atopamos ben no noso lugar, o espazo da categoría que clasifica o normal do anormal, o permitido do non permitido, incluso está na utopía porque nunca chegará. Nesta convivencia está o seu éxito, promovendo a nosa autorregulación. Moitas condutas controláronse grazas ao ollo invisibel de Deus ou do estado.

Porque o útil e non o inútil? Porque o ser e non a nada? Pode que porque a orde do útil, a inconciencia e o lorazepam tranquilizan como tamén o fai a idea de que, no fondo, atoparemos algo. Nesta aceptación está ben concluir que as cousas útiles están moi ben sempre que nos permitan e faciliten aproveitarnos das inútiles.

Compartir el artículo

stats