Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cidades de noso (IV)

... E para vivir, Lugo

A catedral de Lugo, contemplada desde as murallas romanas.

No ano 1921, cando se abriu a derradeira das portas da muralla (Bispo Odoario), as autoridades de Lugo abriron un debate sobre a necesidade de derrubalas, xa que era preciso 'ensanchar' a cidade. Afortunadamente primou a tese patrimonialista, o que levou a que se declarase monumento nacional ese mesmo ano. Ora ben, o feito de que hoxe a muralla estea plenamente integrada na cidade non quere dicir que ao longo da historia fixese de liña divisoria entre o Lugo de dentro e o de fóra.

No espazo interior, o que delimitaban as murallas, xa dende a época medieval se distinguía o burgo vello, na contorna da catedral, da rúa Nova e da porta de Santiago, onde estaban instaladas as elites urbanas: o clero e a nobreza; e o burgo novo, habitado principalmente por artesáns e comerciantes, xiraba arredor da rúa de San Pedro, que conducía á porta de Castela, de San Pedro ou Toledana, pola que entraban os peregrinos que seguían o camiño do Norte; entre ambos os dous burgos, a praza Maior, lugar onde se celebraban feiras e mercados; fóra dese eixe urbano intramuros, o resto eran leiras, terras de cultivo, onde se instalaron os conventos de San Francisco e Santo Domingos, polo xeral nas aforas das cidades. Fóra da muralla, xurdiron pequenos barrios a carón das portas de acceso á cidade: o do Carme, fronte á porta Miñá; Recatelo, fronte á porta de Santiago; o barrio de San Roque en contacto coa porta de Castela; e, o do Paxaro, diante da porta Nova; así mesmo, no camiño vello a Santiago, xurdiu, arredor da ponte romana, o barrio da Ponte. Velaí a estrutura urbana e poboacional da cidade até mediados do século XIX, cando a cidade experimentou un novo crecemento urbano, polo que cómpre edificar dentro da muralla novos edificios institucionais, como o pazo provincial, o museo ou o instituto e outras estruturas urbanas, como os parques ou alamedas -unha das máis vellas do país, de 1844-, os palcos de música e outros centros recreativos (liceo?) e comercias (bancos?), da nova burguesía, que se suman ao bispado e á Casa do Concello -un edificio proxectado en 1738 por Lucas Ferro Caveiro que constitúe unha das obras senlleiras do barroco civil galego-.

Nos primeiros anos do século XX, Eloy Maquieira e Alfredo Vila introducen a modernidade en Lugo, tanto en edificios de uso público (sanatorio Pimentel, Gran Teatro, Escola de Traballo e Mercado de Abastos) como privado (edificios de vivendas), da man do racionalismo arquitectónico, do que dan mostra nunha das intervencións urbanísticas máis interesantes da cidade: o parque de Rosalía de Castro e a Cidade Xardín, que obedece a un ideal residencial de vivendas unifamiliares (adosadas ou independentes) cun pequeno espazo axardinado, integradas nun conxunto harmónico, no que as rúas tiñan un trazado rectangular e estaban ben equipadas (auga, electricidade?), que estaban destinadas para un sector da poboación con escasos recursos, polo que foron coñecidas como 'casas baratas'.

O último esforzo urbanístico salientable, nun momento de expansión urbanística asociada á instalación das industrias cárnicas Frigsa e Abella, cando se construíron a maioría dos desastres arquitectónicos que hoxe perduran nos barrios de tradición obreira, como o da Milagrosa e a A Piringalla, foi o que desenvolveu Ramón Vázquez Molezún, quen construíu para os funcionarios e clases acomodadas da cidade, na volta do ano 1958, un edificio de vivendas que consta de tres bloques octogonais prismáticos no que as vivendas se dispuñan dun xeito novidoso e con moita iluminación.

Neste sentido, a evolución da cidade de Lugo manifesta, xa dende a época medieval como a transformación dos espazos urbanos obedece aos intereses de cada unha das clases en loita.

A herdanza romana

  • Nalgún momento entre os anos 260 e 325, a vella Lucus Augusti, fundada por Paulo Fabio Máximo en nome do emperador Ocatvio Augusto, pechouse no interior dunha muralla de aproximadamente 2.266 metros dotada de 85 grandes torres coroadas con muros defensivos de dous pisos con xanelas -como a torre Mosquera-, seis portas (Castelo -desaparecida-, Miñá, Santiago, San Pedro, Nova e Falsa, ás que se engadiron cinco máis entre os anos 1853 e 1921) e sete poternas, portas pequenas de difícil acceso. Por razóns non esclarecidas, a muralla deixou fóra algúns núcleos residencias da antiga cidade e integrou espazos reservados á necrópole, a actividades artesanais e campos de cultivo, polo que modificou notablemente a fisionomía da cidade. Con todo, no interior da muralla quedaron dúas grandes mansións: a casa dos mosaicos, unha gran domus construída a finais do século III e principios do IV, de grandes dimensións, adornada con mosaicos e pinturas murais e situada nas inmediacións do foro, polo que posiblemente pertencese a un membro da elite social; e a domus baixomedieval do Mitreo, que posiblemente estivese dedicada a funcións administrativas e de control fiscal. Así mesmo, algúns outros restos poden pertencer a ricas vilas, polo que no interior das murallas residiría unha rica elite social.

Compartir el artículo

stats