Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A voltas coa identidade

Procurando unha nación-cultura

A voltas coa identidade

Todas as sociedades postneolíticas voltan a mirada cara ao pasado para construír unha determinada cosmovisión que lles/nos sirva para entender como chegaron/chegamos aquí e que futuro se quere construír. Neste sentido, todas esas sociedades tiveron/temos un discurso histórico determinado; se ben nada ten que ver o discurso que sobre o pasado construíu o pobo de Israel (o relato recollido na Biblia), a historiografía grega clásica (Herodoto?), as monarquías cristiás europeas (crónicas medievais?) ou a historiografía contemporánea (á marxe da escola e tradición na que se inscriba: marxista, positivista?). Con todo, hai un nexo común: todas xiran arredor dun relato nacional; neste sentido, pódese dicir que, salvo algunhas excepcións, mesmo as historias que se pretenden universais -mesmo algunhas inscritas na tradición máis internacionalista, como a corrente marxista (velaí está a obra de Faulkner, 'unha historia marxista do mundo', como proba)-, teñen unha ollada nacional, tanto ten que sexa británica (evidente no texto de Faulkner), francesa ou española. Neste sentido, abonda con mirar calquera texto de historia universal escrito pola historiografía española: a universalidade tan só está presente na medida en que coincide co imperio universal da monarquía hispánica!

Neste sentido, o pobo galego tamén ten a súa historia nacional; de feito, a intelectualidade galega leva reescribindo a historia de Galicia dende os tempos Murguía, salientando nesa andaina catro grandes fitos: a Historia de Galicia, de Murguía; a Teoría do nacionalismo, de Risco, e o Ensaio histórico da cultura galega, de Otero Pedrayo; o Sempre en Galiza, de Castelao; e O atraso económico de Galicia, de Beiras. Cinco visións históricas, en catro momentos históricos diferentes, que se corresponden a outros tantos proxectos políticos, que van dende a nación céltica de Murguía e a nación histórico cultural determinada pola natureza de Risco e Pedrayo até a nación espoliada economicamente e tolleita politicamente de Beiras. Así, daquela, cadansúa reflexión sobre o pasado leva implícito un programa de acción no presente e un proxecto de construción cara ao futuro.

Neste sentido, nun momento como o actual, no que asistimos a unha profunda crise nun marco global, é lóxico que xurda, de novo, unha corrente identitaria que sirva de refuxio aos golpes da globalización e da crise. Velaí a razón que nos leva, aínda que cun pouco de preguiza, a volver a pensar o pasado na procura de xustificacións para o presente e de estratexias para o futuro. Volvemos a buscar respostas á realidade galega: é Galicia unha nación? Que define o carácter nacional de Galicia? Velaí están os debates entre os primordialistas e os modernistas, que non só se circunscriben ao ámbito galego, certamente. Pero tamén son lexítimas outras preguntas: que truncou a construción dun estado nacional galego? Ten Galicia un futuro nacional? E de non ser así, daquela, ten futuro Galicia?

Obviamente Galicia ten unha identidade propia, recoñecida por propios e estraños dende digamos 'primordiais'; non obstante, o proceso de construción nacional non culminou na consolidación dun estado nacional. Certamente na historia deberemos atopar a resposta a esa incapacidade da nación galega de transformarse en estado; pero é na forma que lle demos a esa resposta onde residirá a construción do futuro de Galicia.

Ramón Villares ofrécenos unha resposta na súa obra Identidade e afectos patrios (Galaxia, 2017): Galicia é unha nación-cultura.

VILLARES, Ramón, Identidade e afectos patrios, Ed. Galaxia, Vigo, 207, PVP. 24 ?

Compartir el artículo

stats