Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lembrando os iberos

De príncipes, heroes e deusas

Fondeiros iberos.

Entre os pobos que habitaban a Península Ibérica antes da chegada dos romanos, os iberos son, malia o seu desenrolo, os que menos vindicación posterior tiveron. Así, desde hai máis dun século houbo unha lembranza militante dos celtas na zona atlántica (Galiza, Portugal, Asturias, Cantabria) e no seu inmediato interior. Sen embargo, nin na franxa mediterránea nin no interior correspondente houbo unha recuperación de identidade de base ibera.

Tal circunstancia respondería, moi probablemente, á condición urbana e alfabetizada das sociedades iberas, estendidas desde a cabeceira do val do Guadalquivir ata os Pirineos (as súas dúas bandas)por riba do Ebro. Estes pobos, pola súa situación xeográfica, foron influenciados polas diversas civilizacións que chegaron á península polo Mediterráneo (fenicios, gregos, cartaxineses), que lles aportaron a estrutura urbana, avances agrícolas e diversos signarios (de base silábica polo cal non cabería falar de alfabetos).

Por iso, cando chegaron os romanos a adaptación aos conquistadores non resultou especialmente complexa. E tal vez pola mesma razón, a súa herdanza (costumes) desapareceu coa romanización. Podemos rastrexar a súa presenza polos seus poboamentos, as súas esculturas e pola toponimia, emparentada en algunhas zonas de Cataluña e do sur de Occitania con substratos éuscaros.

En calquera caso, a maior parte da arte ibera que conservamos resultaría ben distinta da céltica do occidente peninsular. Os iberos tamén cultivaron a ourivería e mostra diso son os ornamentos que atopamos en figuras de pedra das damas, amais de tesouros como o de Xàvia (Alacant) e Aliseda e Cortijo de Évora (Cáceres) ou as xoias de orixe meridional atopadas en Tivissa, o que fai evidente que habría vías comerciais.

Pero malia a preservación dos achados nos correspondentes museos (locais, provinciais, MACat, MAN de Madrid), esa mesma circunstancia impediu poder dedicar unha atención ao conxunto da arte ibera. Tal dispersión dificultou mostrar en exposicións antolóxicas os restos iberos conservados. Amais, en tanto en canto a presenza ibera -a diferencia da celta- apenas afecta á franxa hispánica mediterránea, no resto de Europa non resulta coñecida. Hai vinte unha exposición feita en Barcelona e en París comezou a valorar o legado ibero.

Pero é coa inauguración o pasado decembro do Museo Íbero de Xaén cando pode comezar a promoción da arte ibera e da súa singularidade. Unha empresa que non resultou doada, especialmente polas dificultades aparecidas ao longo de vinte anos que puxeron en risco o éxito do proxecto. Con 3.500 pezas, este museo está baseado nos fondos do anterior museo provincial, moitos deles procedentes das escavacións de El Pajarillo (Huelma) e Cerrillo Blanco (Porcuna), ás que se engadirán pezas dos museos arqueolóxicos de Córdoba, Granada, Linares e Sevilla.

Non hai dúbida que a teimosía do goberno andaluz axudou a que este museo fose posible. Os gobernos presididos por José María Aznar non puxeron facilidades para que o edificio do antigo cárcere provincial se destinase ao novo museo. Tal desidia levou á ruína do edificio e a ter que comezar a construír desde cero no solar, xa en 2009.

Máis alá do seu labor de custodia, este novo museo pretende concienciar á cidadanía da necesidade de loitar contra o espolio, actividade frecuente en Andalucía pola riqueza dos seus xacementos. Tamén cabe esperar que a dimensión desta nova instalación (transcendendo a dun museo provincial) facilite os intercambios con outros museos que custodian importantes tesouros iberos, especialmente o Arqueolóxico Nacional, de Madrid.

Historia de damas

  • A primeira exposición presentada no novo Museo Íbero de Xaén, "A dama, o príncipe, o heroe e a deusa", non está titulada así por casualidade. Na cosmogonía ibera a figura feminina tiña unha importancia capital. Unha atención que foi plasmada nas esculturas de damas sedentes, a máis coñecida das cales é a d'Elx. Estas representacións femininas incorporaban obviamente o devezo de fertilidade e tamén habelencias como ter coidado da saúde ou exercer a adiviñación. A historia da Dama d'Elx resulta ilustrativa das prácticas exercidas en España en relación ao patrimonio. Polícroma en orixe, foi descuberta en 1897 nunha finca o sogro de cuxo propietario xa atopara restos iberos, que coleccionara. No seu testamento deixara establecido que este conxunto fose vendido ao Estado. O achado foi coñecido por fotos. O certo é que cando un arqueólogo francés visitou Elx e coñeceu a Dama, ofertou por conta do Louvre 4.000 francos ao contado. Así viaxou a París coa escultura ibera, como vulto de viaxe. En 1941, por acordo entre os réximes de Franco e de Pétain houbo unha devolución de pezas artísticas de procedencia española depositadas en Francia. Entre elas, a dama ilicitana, que foi depositada no Prado ata 1971, cando foi transferida ao Museo Arqueolóxico Nacional, de onde saíu unicamente dúas veces para ir a Elx

Compartir el artículo

stats