Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Jazz, tradición

Azouge: lúcido e enxebre

Pedro Lamas,Jacobo de Miguel e Xosé Lois Romero: acordes de Azougue.

Azougue respira tranquilidade e paz. Soa bonito e alimenta o espíritu. Soa triste e alegre por momentos e con intensidade evocadora a esgalla. Lúcido e enxebre. Soa a Pondal e á Vizosa Pracibre, Cecebre. Ten o aquel das cousas auténticas e dos autores con inquedanzas e determinación para romper cristais e tirar prexuízos a patadas ou a pedradas. Soa a néboa e a carballeiras mergulladas en augas de inverno pero tamén a cheiro a tabaco de pipa e a reflexos de outrora.

"É o meu proxecto máis persoal e no que mellor me sinto representado. No que máis cómodo me atopei ao longo da miña carreira porque nel me expreso con total liberdade creativa", comentoume Lamas o outro día nunha conversa arredores do disco. Isto xa dá todas as pistas sobre Azougue.

Pedro Lamas, Jacobo de Miguel e Xosé Lois Romero firman o proxecto. Tres músicos de talento xeneroso e enorme percorrido pola escena da música do país en mil batallas musicais. Jazz, tradición, musicalidade e moita mestría en calquera dos tres para dar abeiro a este recén nado Azougue. Un traballo difícil de etiquetar e doado de escoitar navegando polas liñas mestras da música tradicional galega reaqueladas nunhas paisaxes sonoras que todo o tinguen de azull mar e verde herba.

Saxos, gaitas, dulzainas, accordinas, percusións, pianos, harmonías e melodías que tentan a cada compás que o tempo se pare e que ti sentes nunha pedra a agardar que a lúa colla o relevo do sol, que a chuvia deixe sitio ao claro, e que a natureza secuestre os teus pensamentos lonxe do ruído e dos faceres diarios da vida revirada.

O azougue, o elemento químico que lle confire ao vidro a facultade de reflectir facendo del un espello e permitíndoche mirarte nel. Os músicos fantasían con esa idea do reflexo do que eles escoitaron e do que queren compartir con quen agora o escoitemos. Parécenos ben.

Azougue é un traballo de autor, íntimo pero de carácter universal. Dez cancións directas a ese curruncho do cerebro onde se entenden, se xestionan e se gardan as emocións. Gravado en directo, sen trampa nin cartón, coa voz amiga e emocional de Xurxo Souto recitando a Pondal na "A vizosa, Pracibre Cecebre" e con todo o mimo e talento de Pedro Lamas termando do timón e man a man cos seus Jacobo de Miguel e Xosé Lois Romero. Partindo da música tradicional e das reminiscencias jazz, na búsqueda de novos carreiros creativos dentro da música galega contemporánea. De novo, outra vez, os nosos músicos poñendo o listón ben arriba.

Unha noite na Factoría da subsistencia

  • Borriquita de Belén, nun lugar da Gz. Noite de inverno fría e sen chuvia. Dentro das catro paredes todo cheira a jazz. Un piano e moitas fotos fermosísimas de músicos en plena efervescencia instrumental decoran o garito e convidan a empaparse dunha boa noite de música. Detrás da barra Tito, un rapaz caralludo e sempre cun sorriso na faciana, nos seus tempos, non hai moito, vocalista dunha banda de metal duro, con aire de medio rapeiro e voz aparentemente saída da ultratumba. Agora sensibilizado co jazz, co blues, coa cultura activa e con calquera música de calidade á que lle abre xenerosamente as portas para tocar en directo no seu bonito local incluso, moitas veces, a risco de non ser un gran negocio económicamente falando. Pedimos un tróspiro e sentamos nun dos bancos diante da tarima. Tito fainos un par de brincadeiras sobre a nosa puntualidade e ganas de ver á Factoría de subsistencia, o grupo que toca esa noite. Josito Porto, Sabela Dacal e Jose Lameiras son a alineación para o partido desta noite. Guitarras, pianos, acordeóns, percusións, batería, trebellada variada e todo o maxín escénico e textual de Josito. Cerca da túa orella é o seu primeiro disco e nel xa deron conta dun xeneroso arsenal de retranca e moita habilidade de pintar e incluso caricaturizar cousas da vida que, efectivamente, igual é mellor miralas e entendelas dese xeito. Dicía Josito que eles fan cancións de cansautor; nós dicimos que son cancións ateigadas de atemporalidade e daquelo que se chama humor intelixente. Cancións críticas, afumeantes, agudas e extrañamente amables lembrando por momentos o inesquecible tio Krahe e, noutros, a aqueles histéricos e marabillosos Korosi Dansas, para que vos fagades unha idea de por onde van os tiros. As cousas son como son e tamén son como se contan e eles por táboas, anos de escena, música, teatro e sabe o demo que máis escola algo saberán de como vai iso de contar e cantar. Son músicas humanas, directas e espidas. Murmurios á orella, coma nunha canción de berce que se vira encantadora e non te deixa durmir. O tempo para, dobra a esquina e atrápate no medio dese micro universo creado polos tres músicos desde a tarima. Pedimos outro tróspiro e todos, músicos e público, cantamos a coro e cunha estraña ledicia o "aleluia" de Cohen. A música en directo é maxia pura, vaia se non. A factoría de subsistencia volveu a facelo, arrastrounos, aloumiñounos e converteunos de novo en "Luras de bar" nun curruncho da nosa fecunda Gz cultural.

Compartir el artículo

stats