Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Días de pazo

Museu dos Biscainhos (Braga)

Perspectiva da sala de ceas.

O Museo dos Biscainhos bracarense está instalado no pazo do mesmo nome -outrora residencia dos condes de Bertiandos- fundado no século XVII e transformado na primeira metade da centuria seguinte. En 1978 foi convertido nun impresionante museo que, a través das súas salas e xardíns, vai mostrando o universo cotián da nobreza da época. Pode vivirse tamén o día a día dos outros habitantes do espazo: capeláns, servidume, xardineiros ou axudantes. A exposición permanente permite o coñecemento contextualizado de coleccións de arte decorativas (mobiliario, ourivaría, cerámica, vidros, téxtiles, metais?), instrumentos musicais, medios de transporte, gravado, escultura, azulexería e pintura entre o século XVII e o primeiro cuarto do XIX. O inmoble está rodeado de xardíns barrocos que duplican a beleza artística e ambiental da mansión.

Os gustos da aristocracia vanse coñecendo a través das diferentes dependencias ornamentadas con azulexos, madeiras e frescos. Ademais proporcionan unha visión dos oficios e tradicións antigas. Poden visitarse o atrio, o salón nobre, as salas de estrado, o oratorio, a sala de música, de xogo, o comedor, as cabalerizas e as antigas cociñas. Tamén parte da leira coa horta e os froiteiros.

A entrada principal, de amplas proporcións, foi estruturada para permitir o paso de carruaxes a un patio cuberto, que servía á vez de acceso ao edificio e de comunicación cara ás cabalerizas e o xardín. Como curiosidade, o chan está formado por laxas estriadas que evitaban que equinos e carrocerías derrapasen. As cuadras localízanse despois deste atrio, nunha dependencia próxima ao parque da casa. Tamén poden verse os carros de madeira que no seu día foron tirados por cabalos. Este piso terreo contén ademais os compartimentos dos criados, as despensas e a espazosa cociña, que conserva o diverso e ben coidado acervo de cazolas, tixolas e outros pertrechos culinarios en bronce, ferro, cobre e outros materiais.

Unha escalinata decorada por azulexos figurativos conduce ao piso principal. Nas súas diversas salas exponse un verdadeiro e luxoso museo de artes decorativas. A colección mostra pezas dos séculos XVII, XVIII e XIX, nun elegante contraste de materias e formas diversas e complementarias. O salón nobre é unha magnífica estancia onde a familia ofrecía recepcións e bailes. Esta zona central palacega vese enriquecida por un revestimento de azulexería barroca con escenas galantes, datada no primeiro cuarto do século XVIII. O seu poderoso teito de carballo ostenta no centro unha pintura de 1724 alusiva a un antepasado relixioso da liñaxe, o beato Miguel de Carvalho.

Hai moito máis que ver neste magnífico pazo dos Biscainhos -situado na rúa do mesmo nome, así chamada polos " mestres biscainhos" que traballaban na remodelación quinhentista da catedral de Braga-, como a Sala do Tecto Pintado, cun decorativo estuco con pintura mitolóxica de Xúpiter presidindo o Concilio dos Deuses. Mobiliario portugués, porcelanas de orixe oriental e un reloxo de parede con pintura lacada engaden atractivos a este aposento. Outra das estancias é a sala de música, con vistas ao xardín. Ten un piano de mesa no centro, ao redor do cal se dispón o mobiliario nobre, con porcelanas chinesas e da Compañía de Indias.

Delicadas e valiosas pezas son as que alberga tamén a "sala de jantar", que convida a unha mirada atenta polas súas paredes decoradas con pinturas e rodapés de azulexo amarelo. Pezas de prata e vidro sobre mesas e un belo aparador recrean o ambiente e os gustos da nobreza miñota da época. Este magnífico edificio, de visita obrigada en por si, atópase no corazón da cidade dos Arcebispos.

Fulgor barroco

  • O discurso museolóxico do Pazo dos Biscainhos reproduce o apego ao luxo e ás tendencias europeas vixentes no século XVIII. O aire señorial debúxase no espléndido espazo verde do exterior, considerado un dos máis belos xardíns barrocos de Portugal. O corredor da entrada dá acceso ao romántico e elegante parque da mansión. De aproximadamente unha hectárea, está dividido en Jardim Formal, Pomar e Horta. Por todo o enclave despréganse numerosos elementos decorativos como fontes, azulexos e esculturas barrocas. As sucesivas terrazas e escalinatas conforman unha magnífica obra formada por recortados e laberínticos buxos que resgardan fontes e estanques con vasos esculpidos. Cara ao final está rodeado por unha "muralla almenada" con garitas -decorativas- de vixilancia. A fermosa azulexería lusa aparece enmarcando os muretes de delimitación das terrazas. Os camelios crean zonas sombreadas ao redor de fontes, zonas de repouso e frescor a modo de cúpulas ou ceadores. É un lugar cheo de encanto no que hai que deixarse levar pola contemplación e pola sorpresa. Unha delas é o colosal Liriodendron tulipifera, prantado, segundo din, no século XVIII. Dos moitos pormenores deste bucólico recuncho natural destaca tamén o Pavillón, un espazo pechado que permite gozar da paraxe en días de choiva.

Compartir el artículo

stats