Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel F. Vieites: "O teatro debe ser un espello no que se reflicta todo o que somos"

Director e profesor da Escola Superior de Arte Dramática, Manuel F. Vieites, habitual colaborador deste suplemento, vén de publicar El teatro vacío, un volume editado pola Asociación de Directores de Escena de España que supón "unha mirada ao teatro cunha perspectiva global e integral". No libro, Vieites defende e reivindica, entre outras cousas, a que considera fundamental existencia das "casas de teatro".

Manuel F. Vieites en Vigo. FOTO: ELI REGUEIRA

- Cal é o obxectivo deste libro e a cal público vai preferentemente dirixido?

- A finalidade do libro é mostrar diferentes modalidades de política teatral e, entre elas, a que denominamos sistémica, orientada ao pleno desenvolvemento do sistema teatral, de xeito que o teatro ocupe un lugar central na vida comunitaria, o que permitirá desenvolver todo o potencial da educación teatral, pero tamén as diferentes prácticas teatrais, desde as comunitarias ás profesionais. Supón mirar o teatro nunha perspectiva global e integral e, por tanto, vai dirixido a persoas vinculadas co teatro, desde as que se ocupan da xestión ata os axentes da creación, sen esquecer o campo da formación, pois tamén interesa a quen estuda teatro en escolas oficiais, centros privados ou academias.

- Por que o título de El teatro vacío ?

- Non deixa de ser unha homenaxe a Peter Brook, autor de The Empty Space, libro que publica en 1968, aínda que no noso caso o concepto de baleiro está relacionado co feito de que en España os teatros estean baleiros, e non falo de públicos, senón baleiros de actrices, directoras, escenógrafas... Os teatros en España non son, coma en Europa, casas de teatro, con compañías que lle dean sentido os 365 días do ano. Tento mostrar unha fonda anomalía que nos fai diferentes, no sentido máis negativo da palabra.

- No prólogo, faise Vde. unha pregunta: cabe considerar o teatro como un servizo público? Xa que me consta que a resposta é afirmativa, eu pregúntolle, á miña vez, por que o teatro debe ser considerado de tal xeito?

- A idea non é miña, claro está, e entre as primeiras persoas que falan de servizo público esta Percy MacKaye, autor dun libro fundamental The Civic Theatre (1912), onde vincula teatro e ocio creativo, para defender que as persoas teñen dereito a un ocio que contribúa na súa formación, en sintonía co que dicía John Dewey, quen ten escrito sobre conceptos como cultura, educación e democracia, e como todo iso conforma unha cidadanía democrática. Tamén se relaciona coa idea da "city beautiful" que soñaban os progresistas americanos a finais do século XIX cando imaxinaban cidades como espazos nos que a persoa se puidese desenvolver plenamente. En toda esa idea de progreso e mellora da civilización, o teatro desempeñaba un rol fundamental, pois se consideraba un templo de civilidade.

- O capítulo 9 está dediado á profesionalidade. Podemos falar da existencia dun teatro profesional, no sentido de financeiramente autosuficiente, en Galicia?

- O teatro, pola súa natureza, non pode ser plenamente autónomo, ao ser una manifestación artística ao vivo, que precisa do concurso dos seus creadores de forma permanente, a diferenza do cine, por exemplo. Non é unha conserva cultural, polo que os custos de produción do espectáculo sempre se manteñen. Ora ben, o nivel de dependencia pode reducirse de forma sensible cando as traballadoras e traballadores xestionan os medios de produción; é dicir, os teatros, de maneira que sexan a súa base permanente de operacións, nos que producir, exhibir e distribuír. Dese xeito os ingresos por billeteira aumentan de forma considerable, como acontece en toda Europa. Esa é una das cuestións pendentes na converxencia con Europa: que en cada teatro público haxa unha compañía estable.

- Cales son as cuestións pendentes da formación teatral en Galicia?

- En primeiro lugar, regularizar a ensinanza teatral nos niveis do ensino non universitario, para que materias como expresión dramática ou expresión teatral poidan desenvolver o seu potencial educativo en competencias básicas como autonomía persoal, resolución de problemas ou pensamento diverxente. En segundo lugar, potenciando o rol que debe desempeñar a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, o que pasa pola súa adscrición inmediata á Universidade de Vigo. Non deixa de ser curioso que países cunha fonda tradición liberal, tal que os Estados Unidos, teñan resolto hai moito tempo ese tipo de problemas. Alí a educación teatral entendese como unha escola de vida, e os profesionais do teatro fórmanse na universidade. Yale University ou Stanford University, que están entre as dez mellores do mundo, teñen unha escola de teatro.

- As compañías de teatro galegas, escasas veces representan obras de autores galegos actuais. A que se debe este paradoxo? Á ausencia de textos de calidade ou á falta de afouteza ?

- O problema deriva da maneira en que funcionan as compañías en Galicia, que fan un espectáculo por ano cunha media de quince funcións, no mellor dos casos, e sempre con elencos reducidos para reducir custos. Sen embargo, cando unha compañía habita un teatro, como propoñemos no libro, debe facer varios espectáculos, o que implica un número maior de textos, pero tamén públicos diferentes, polo que esa diversidade é obrigada. O paradoxo está máis ben no feito de que os teatros non sexan casas de teatro a tempo completo todos os días do ano, como demandaba Percy MacKaye.

- O teatro (o bo teatro) debe ser necesariamente crítico co poder?

- O teatro debe ser, sobre todo, teatro; é dicir, un espello no que se poida reflectir todo aquilo que somos..., porque o teatro, como dicía Rafael Dieste en La vieja piel del mundo, en 1936, nace da memoria, da lembranza, e serve para nos confrontar co que é, co que foi, co que pode ser. E sendo así xa é crítico, pois obriga ao espectador a ser crítico consigo mesmo, porque as persoas tamén exercemos o poder todos os días, a cada minuto. A submisión e a dependencia, así como a dominación, constrúense no cotián, nos actos aparentemente insignificantes de todos os días. Por iso Harold Pinter era un dramaturgo tan político, ao desvelar a nosa maneira íntima de exercer o poder. Outra cousa é que nestes momentos se bote en falta un teatro máis crítico coas circunstancias do presente, que tamén.

- Cal é o país que máis admira pola súa política teatral?

- Inglaterra é un país cunha boa estrutura teatral, pero tamén a teñen Finlandia, Suecia, ou Canadá. E, sen dúbida ningunha, Alemaña. Ben quixera que niso, como noutras tantas cousas, Galicia fose un "land" alemán. Curiosamente fomos un dos primeiros reinos de Europa sendo suevos. Ao mellor é cousa de invocar a nosa herdanza xermánica.

- Debería o teatro ser incorporado como unha materia máis do ensino básico?

- Como materia obrigatoria, sen dúbida ningunha. O teatro supón crear mundos dramáticos e xerar condutas axeitadas a eses mundos, aos seus conflitos, problemas e situacións, polo que acaba sendo unha escola de vida, onde temos que facer, pensar, falar, expresar, crear, interactuar e, sobre todo, traballar, coa alteridade, para comprendela e activala. E todo iso sempre desde a nosa propia realidade psico-física, o que implica un maior e mellor coñecemento de nós mesmos e unha oportunidade de mellora. Aprendemos a vivir, en suma.

Compartir el artículo

stats