Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nas miradas de antano

A fotografía etnográfica de Ruth Matilda Anderson

As casas mariñeiras do Berbés na ollada fotográfica de Ruth Matilda Anderson.

Unha solleira mañá de agosto do ano 1924 desembarcaba no porto de Vigo, xunto ao seu pai, a fotógrafa investigadora da Hispanic Society of America de Nova York Ruth Matilda Anderson (Cottonwood State Farm, Nebrasca, 1893-Nova York, 1983). Nese preciso instante principia a tomar forma un traballo de investigación coidadosamente deseñado.

Archer Milton Huntington fundara en 1904 The Hispanic Society of America, museo, biblioteca pública e institución educativa dedicada á arte e mais á cultura do mundo hispánico. Huntington determinou que o seu museo incluiría un arquivo fotográfico, considerando a, daquela, incipiente tecnoloxía como ferramenta de traballo para a investigación. Con ese obxectivo adquiriu imaxes e promoveu expedicións. Ningún dos fotógrafos que enviou á península ibérica obtivo mellores resultados que Ruth Matilda Anderson.

Ruth Matilda Anderson nacera en Nebrasca e fora iniciada na fotografía polo seu pai, Alfred Theodore Anderson, que dirixía un obradoiro fotográfico na cidade de Kearney, no mesmo estado en que naceu a nosa fotógrafa. Logo de se formar como profesora, trasladouse a Nova York e estudou na Clarence White School of Photography, onde se graduou en 1919. Dous anos máis tarde comezou a traballar na Hispanic Society of America, onde pasou o resto da súa carreira profesional, primeiro como fotógrafa e logo como conservadora de traxes.

A fotógrafa norteamericana realizou en Galicia dúas extensas campañas fotográficas, de 1924 a 1926, acompañada na segunda pola súa colega Frances Spalding, que definiron a metodoloxía fotográfica da Hispanic Society.

O traballo da moza Anderson, dirixido por Huntington, converteuse na procura e recompilación de evidencias dos costumes do pobo galego, dedicándose ao que resultaba máis difícil: documentar a vida das xentes, en especial das zonas de complicado acceso. Até entón, nin as actividades da poboación traballadora do campo e do mar nin a cultura material da nosa nación foran obxecto de principal atención para a fotografía de xeito tan exhaustivo.

Nese anos pecorreu Galicia á procura das tradicións máis enxebres e realizou máis de cinco mil imaxes que anotou pormenorizadamente. Anos máis tarde este material resultoulle fundamental para a realización do seu libro Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña, editado en 1939 pola Hispanic Society.

Mais esa procura da "esencia do país" exclúe (case) calquera mirada sobre a realidade urbana, moderna, industrial ou migratoria, que non é obxecto do seu interese. Xa que logo, a súa fotografía centra o foco para captar apenas o que se entende como profunda identidade cultural dun pobo, descuberto e enxergado cos ollos dunha documentalista etnográfica.

Situada, xa que logo, a fotografía de Anderson e o encargo da Hispanic Society no contexto da época, estas angueiras preséntasenos cun novo valor. Os documentos fotográficos agroman como síntomas substancialmente activos que nos permite enxergalos como exemplos de fenómenos de análise cultural encadrados dentro dos debates dos estudos da época e da visión que de nós se ten no mundo anglosaxón e tamén en relación co español, do que non se separa: visión romántica de España, rexeneracionismo, tensión centro-periferia, rexionalismo, nacionalismo, e en relación dialéctica cos procesos xerais que o conxunto da actividade política e cultural do seu tempo nos fornece. Estas fotografías remiten non só a unha técnica -de moita calidade- senón a un xeito de entender a documentación etnográfica e nela a relación do home co medio, gabando esa sinxeleza, sublime na súa austeridade, do mundo rural que está a desaparecer ou a ser fortemente modificado e o rico e pintoresco universo galego entendido como testemuño do pasado que se identifica cos valores cultuais que están a piques de se perder. A fotógrafa escolle un marco, real pero parcial, un mundo incontaminado, o que non quere dicir que o idealice en absoluto, mais que en certo sentido evita a complexidade de certos factores da realidade que se vivía: emigración, nova industria, tecido urbano; un contexto en que se comezaba a manifestar con claridade a ruptura do mundo tradicional, un mundo que principiaba o seu proceso xeral de desarraigamento, típico da modernidade. É evidente que Ruth Matilda Anderson responde a este ambiente xeral cun ollar que se cinxe brillantemente ao encargo e á súa sensibilidade, cunha actitude analítica que a liga aos intereses culturais da Hispanic Society, tendo no básico unha percepción etnográfica, que lle permite enxergar esa concreta Galicia con rigor e brillantez.

Título: Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia. Autora: Ruth Matilda Anderson. Local: Sala de Exposicións Café Moderno Afundación de Pontevedra (praza de San Xosé, 3). Até o 21 de abril

Nova edición do catálogo

  • Cómpre salientar que a presente mostra que se leva a termo no Café Moderno vén acompañada por unha nova edición do catálogo publicado xa hai alguns anos. Trátase, certamente, dunha importante publicación e que inclúe unha ampla escolma de imaxes realizadas por Ruth Matilda Anderson no noso país no transcurso das dúas longas campañas de fotografía etnográfica que a artista norteamericana, vinculada á Hispanic Society neiorquina foi desenvolver, na procura da "esencia do país", desde 1924 deica a 1926.

Compartir el artículo

stats