Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Galicia debuxa

No Día da Ilustración

Camilo Díaz Baliño co seu fillo Isaac Díaz Pardo.

O pasado 30 de xaneiro celebrouse o Día da Ilustración. Gustaríame, entón, conxelar o tempo e reiterar a importancia do evento; un alcance que, para alén da mesma existencia do día, recae en dous apartados: a data escollida e mais a figura homenaxeada .

O Día da Ilustración inclúese no calendario do Libro e da Lectura. Aínda que a algunhas nos pareza obvio, situar a ilustración no ámbito cultural da lectura é unha vitoria que non sempre existiu e que merece ben ser celebrada. A acción conta co respaldo da Consellería de Cultura e a AGPI. Con máis de 130 membros, a AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, presidida na actualidade por Sergio Covelo- naceu no ano 2000 para defender os dereitos dos mesmos ilustradores. Alén diso, apoian iniciativas como esta, onde se pon de relevo o valor do sector gráfico galego, dando presenza así á cultura da ilustración e mais ao deseño en todas as súas vertentes (na do libro, igualmente), desde a actualidade, pero sen esqueceren a perspectiva histórica.

Este ano, o protagonista veu ser Camilo Díaz Baliño (Ferrol, 1889- Cerceda, 1936). Trátase dun rtista poliédrico, como o definiron acertadamente en moitos medios: pintor, ilustrador, escenógrafo e pioneiro galego do deseño. Grazas ao seu fillo, Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 1920- A Coruña, 2012), outro notable intelectual e pintor, quen cedeu parte da obra do seu pai, podemos gozar dunha exposición na Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura. A exposición, chamada Camilo Díaz Baliño: a xenialidade truncada (foi fusilado a comezos da Guerra Civil), estará abera deica o 7 de marzo. Inclúe un conxunto de 54 pezas que aglutinan libros, debuxos, documentos persoais do ilustrador, fotografías e manuscritos do propio autor, así como manuscritos de membros das Irmandades da Fala e exemplares de libros con capas deseñadas por Baliño.

Canto a data, celébrase o 30 de xaneiro porque ese é o día en que naceu (ou foi bautizado) Alfonso Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886; Buenos Aires, 1950), alguén cunha importancia na cultura galega que é por todos coñecida. Ou debería selo. Ademais dun grande ilustrador, Castelao estivo interesado no deseño gráfico (recordemos esa tipografía románica coa que caracterizou a cabeceira da revista Nós) e na banda deseñada.

Teño un amigo, grandísimo lector e maior coñecedor do mundo literario, que se sorprendeu, non hai moito, ao descubrir que Castelao tamén debuxaba. Na súa defensa, direi que o mozo non era galego, pero, pola súa (admirable) bagaxe, a súa sorpresa sorprendeume.

Si; debuxaba. De feito, foi historietista, unha das súas facetas artísticas máis descoñecidas. Nos seus primeiros anos de traxectoria, sendo moi novo, Castelao fixo debuxos humorísticos para unha revista americana. As caricaturas convertéronse nun dos seus sinais de identidade. Nos seus comezos, en 1909, publicou viñetas en Vida galega. Anos máis tarde, as súas ilustracións deviron na imaxe do movemento galeguista capitaneado polas Irmandades da Fala, encabezando medios como Nós ou A Nosa Terra. Esta experiencia vital traduciuse nunha maior implicación política e en ilustracións e viñetas cunha gran carga de denuncia social, que reflicten cada vez máis o seu descontento coa situación do galego e dos galegos. Co estoupido da Guerra Civil, como republicano activista, denunciou a barbarie franquista en álbums como Atila en Galicia (1937), Galicia mártir (1937) ou Milicianos (1938).

Como acontece no eido da narrativa, Castelao mostra nos seus debuxos unha Galicia agraria e una realidade costumista, con constantes críticas ao caciquismo e o sistema político. Sempre desde a agudeza, parca en palabras, e repleta de humor e sarcasmo.

Unha biografía diferente

  • En 2012, e da man do guionista Inacio Vilariño (Lalín, 1974) e o debuxante Iván Suárez (Santiago de Compostela, 1973), naceu unha "serie" de novelas gráficas de medio formato, dunhas sesenta páxinas aproximadamente, que, apoiadas nos propios relatos de Castelao, ofrecen un achegamento diferente á figura do pesoeiro. Publicadas por Demo Editorial, fundada polo autor Manel Cráneo (A Coruña, 1973) en 2008, son catro os títulos editados ata agora: O pobre tolo (2012), Titoán (2012), Máis alá! (2013) e Atila (2015). O segundo deles, resultou gañador na VII edición do Premio de Cómic Castelao. O mesmo Miguelanxo Prado, membro do xurado, cualificou a novela como unha aportación adulta a un personaxe histórico, a través dunha narrativa medida e axustada, que funciona á perfección. Nestas obras búscase unha aproximación realista e próxima, mostrando a humanidade universal de Castelao e distanciándose bastante da presentación académica, moito máis didáctica, á que estamos afeitos. Esta aproximación, sumada á documentación do guión e a unha representación gráfica moi persoal, bruta e de liña sucia en branco e negro, converten a estes cómics nunha alternativa interesante para outro coñecemento do gran rianxeiro.

Compartir el artículo

stats