Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No retorno de A trabe

Pensamento crítico de noso

No retorno de A trabe

A publicación galega de pensamento crítico, A trabe de ouro, editada agora por Atlántica de Información e Comunicación de Galicia presenta, en seis apartados, diferentes artigos que teñen a reflexión e o coñecemento como elementos fundamentais á hora de analizar e interpretar un feito histórico, unha forma de actuación ou unha publicación determinada.

No "Editorial" celébrase a presenza no Museo do Mar de Vigo do manuscrito Vindel que contén as cantigas de Martín Códax, ao mesmo tempo que se anima ao estudo e reflexión da cultura nacional.

Baixo o título "Cuestións" recóllense tres artigos: "O pan do ceo. Auxilio social, fame e propaganda durante a autarquía en Galicia", onde Lucio Martínez Pereda detalla cunha gran minuciosidade e con numerosos datos estatísticos a política económica levada a cabo durante a guerra civil e primeiros anos da ditadura; "Vigo en inglés?, unha política lingüística urbana neoliberal" na que Fernando Ramallo referencia con datos obxectivos o que supón en realidade tal práctica e "Renaissance, Risorgimento, Renaixença, Rexurdimento", , texto no que Anxo Angueira establece unha comparativa entre estes termos e o que supuxeron en Francia, Italia, Cataluña e Galicia.

En ' "Acotacións", dous artigos que teñen ao ourensán Otero Pedrayo, nas súas facetas de recreador do mundo clásico e tradutor, como eixo sobre o que xiran as reflexións e outros que teñen que ver co mito de Casandra e a revista Ardentía conforman unha sección que desvela algunhas claves de tal publicación e da súa andanza no tempo.

"Os cabalos e outros poemas" de Edwin Muir achegan o contido literario ao incluír unha ducia de textos nos que cada verso e cada estrofa gardan un marcado ritmo narrativo.

En "Publicacións" as referencias aos tintes propios da Nova Narrativa que se atopan na novela Non hai outro camino de Isaac Rubín que salienta Xabier Cordal e os comentarios que a Francisco Fernández Rei lle xorden sobre a Nova Gramática Galega do xaponés Takekazu Asaka en particular e de toda súa obra en xeral irradian optimismo sobre a creación e o estudo en e do galego.

Para rematar, "'Crónica" cun xogo de palabras no título deita a súa ollada crítica sobre o I de outubro en Cataluña analizando as accións e reaccións dos axentes sociais implicados.

Agardamos que esta nova andaina de A trabe de ouro sexa longa e proveitosa e contribúa a desenvolver un verdadeiro pensamento crítico sobre a realidade.

VVAA, A trabe de ouro, nº 106 , Satiago de Compostela, 2017, PVP. s/p

Compartir el artículo

stats