Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na formación do reino

A xeira dos suevos na Gallaecia

Fíbula de Répcelak (Hungría), procedente do terceiro cuartel do século V.

A cidade de Ourense presenta a primeira mostra global dedicada ao primero reino de Galiza, un proxecto que pola importancia que ten para o coñecemento do noso pasado sería oportuno que puidese chegar a outras cidades do país.

Co título de In Tempore Sueborum a exposición permite un repaso á historia e a cultura material dos suevos. Sobrancea no argumento e no material exposto o repaso ao período anterior ao asentamento deste pobo xemano na Gallaecia, cando moraban alén da fronteira nordeste do Imperio (o limes renano-danubiano). Deste tempo amósase unha espectacular escolma de pezas: caldeiros con bustos de suevos; fíbulas; colares... en que podemos percibir un intenso sincretismo cultural con obra de tradición romana, xermana e oriental, froito de escavacións realizadas en Hungría, Polonia, Eslovaquia, Chequia ou Alemaña.

Coa chegada ao noso país dos suevos ábrese o período medieval de Galiza, un contexto en que conflúen romanidade, cristianismo e xermanismo. A morte de Teodosio, emperador nacido na Gallaecia, supuxo un aceleramento da descomposición do Imperio, que culminará no noso espazo ao penetraren os suevos, alanos e vándalos na Península. A formación do reino galego dos suevos prodúcese a partir da chegada deste pobo xermano á Gallaecia no 409 d. C., pasando a gobernar o territorio, nominalmente romano, por medio dun pacto (foedus). Así se inicia o camiño do reino galego, o primeiro constituído no que fora a Europa romana e cuns límites que corresponden cos da provincia romana da Gallaecia, con capital en Bracara Augusta (Braga). A batalla do río Órbigo contra os visigodos no 456 marca o inicio da decadencia do reino, que desaparece das referencias escritas, recuperándose a partir de mediados do século VI, época de crise visigoda e de expansión bizantina na Península promovida por Xustiniano.

Como a exposición subliña, a presenza na Gallaecia dunha figura excepcional vai ligarse a un rexurdimento do reino suevo; trátase de Martiño de Dumio, que vén a Galiza como enviado do emperador bizantino no 550. Nesta altura prodúcese unha nova conversión ao catolicismo, logo dun período arriano e un esforzo político, administrativo e cultural notábel, de influencia bizantina. Institucionalízanse os concilios, esténdese o monacato beneditino e en Braga créase unha escola e scriptorium. No ano 585 Leovixildo intervén en Galiza nunha liorta sucesoria entre Eurico, fillo do rei Miro, e Andeca, consumando a anexión do reino galego ao visigodo de Toledo.

A cristianización da Gallaecia está estreitamente ligada a este momento como un fenómeno superposto. O proceso de cristianización avanzará máis decididamente en todo o Imperio a partir da conversión de Constantino, pouco antes de morrer no 337. Cómpre lembrar que desde o século III a relixión romana foi perdendo o seu carácter propio, cedendo ante ritos e supersticións diversas, o que no noso contexto, sen dúbida, favorecería o reforzamento de cultos indíxenas. Neste ambiente, o cristianismo penetra en Galiza, traído posibelmente por unidades militares. A relación do cristianismo primitivo galego co norte de África, que testemuñan fontes escritas, semella indicar a vía de penetración polo sur.

Estes procesos pódense seguir pormenorizadamente na mostra In Tempore Sueborum, presentando un amplo repaso da cultura material e da produción artística. Desde o punto de vista estético, hai na exposición testemuños sobranceiros desta cristianización.

A arte da xeira de dominio suevo é herdeira directa das correntes paleocristiás e, aínda que non temos unha información ben pormenorizada deste período, non se trata dunha arte exclusivamente sueva, senón de arte galaica de época sueva; ou abranxendo toda a etapa xermánica, arte galaica de época xermánica. Continúa a tradición estética tardoimperial pero máis degradada, reutilizándose columnas, capiteis, etc. de época romana. A iso cómpre acrecentar a contribución xermana, nun ambiente xa nitidamente cristianizado, en que actúa a herexía priscilianista, solidamente implantada en Galiza.

Os relevos conservados desta época son tamén testemuños do mesmo tipo de referentes culturais, romanos, bizantinos e xermanos. Entre os máis significativos están os da igrexa d'As Saamasas (Lugo), placas rectangulares de finais do VI e comezos do VII, con temas que lembran a arte de Ravena, con influencia romana.

A ourivaría deste período fornece tamén unha visión da disparidade de mundos estéticos en relación, ao lado de obras de tradición imperial romana aparecen pezas xermanas: fibelas, placas ou broches, como o de Baamorto (Monforte de Lemos) dun indubitábel sabor xermánico.

Título: In Tempore Sueborum. O tempo dos suevos na Gallaecia (411-585)

Produción: Deputación Provincial de Ourense

Local: Centro Cultural Marcos Valcarcel; Museo Municipal e Igrexa de Santa María Nai, Ourense

Até o 4 de marzo de 2018

A lingua da exposición

  • A pesar do enorme interese da mostra hai dous aspectos da mesma canto menos discutíbeis. Desde a perspectiva argumental non se resalta a importancia do legado suevo na construción do proceso colectivo que vai dar lugar a Galiza nin o lugar que o pasado suevo tivo no desenvolvemento da nosa identidade colectiva. Aínda máis grave é a cuestión da lingua da exposición. Non podemos deixar de sinalar como extremadamente negativa a secundarización da lingua galega na presentación visual e no catálogo. Alén diso, cando se utiliza o noso idioma faise con penosos erros que van desde o toponimia, faltas de ortografía ou mesmo disparatadas traducións. Este conxunto de feitos adquiren unha especial gravidade ao seren responsabilidade de dúas institucións que teñen a obriga legal de defenderen a presenza digna do noso idioma como son a Deputación Provincial de Ourense e a Xunta de Galicia. Unha auténtica vergoña.

Compartir el artículo

stats