Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Andrés Torres Queiruga: "Encrucillada está en sintonía total coa mensaxe do papa Francisco"

O sacerdote e teólogo Andrés Torres Queiruga, en Santiago. FOTO: XOÁN ÁLVAREZ

- A revista Encrucillada nace en plena transición á democracia en España. Cales eran os seus principais obxectivos?

- En realidade, o xermolo da revista atopámolo uns cantos anos antes da Transición, xa que foi un dos froitos da revolución do Concilio Vaticano II dentro da Igrexa, e tamén do renacemento dunha conciencia galeguista no país. Ao cabo, Encrucillada foi o resultado da confluencia da renovación da Igrexa e do compromiso dela, ou alomenos dunha parte dela, con Galicia. Por iso defínese como "revista galega de pensamento cristián". Indubidabelmente, o cambio político en España tamén formou parte disto como reflexo dun cristianimo actualizado aos novos tempos.

- Por que a decidida a aposta polo emprego do idioma galego dende a súa fundación?

- Porque o idioma forma parte dese compromiso con Galicia ao que me refería, un compromiso nomeadamente reflectido tanto dentro dos seminarios como entre os curas máis novos naqueles anos fundacionais.

- Que criterios aplican para a selección dos artigos publicados?

-Como en calquera publicación, procuramos que coincidan xustamente coa nosa liña editorial, que é a dun cristianismo actual encarnado na problemática, na cultura e nas grandes necesidades do noso país.

- Malia se definir como "de pensamento cristián", a revista mantén desde os seus inicios unha independencia absoluta con respecto á institución eclesiástica. Nalgún momento tiveron algún tipo de tensións coa Igrexa oficial?

-Nós sempre quixemos deixar moi claro que, aínda que nos consideramos cristiáns, falamos con liberdade e con independencia. Asi pois, tanto a revista como a asociación do mesmo nome, son independentes da xerarquía eclesiástica, o cal non quere dicir necesariamente que sexan opostas. En canto a o que preguntabas, en determinados momentos si que houbo unha certa tensión, non o vou negar.

- Pódese dicir que Encrucillada é una publicación que representa (ou quere representar) aos chamados "cristiáns de base"?

-Penso que si, pero tampouco me quero arrogar en voceiro destes cristiáns. O que si é verdade é que a maior parte dos nosos suscriptores son laicos e forman parte da base cristiá.

- Que debemos entender por "pensamento teolóxico netamente galego", e que os que fan a revista reivindican? Acaso o pensamento teolóxico non debería ser universal?

-A Teoloxía por suposto que é universal pero tamén é unha ciencia que ten unha autonomía e que, como todas as ciencias, dialoga entre si. Cando dicimos "pensamento teolóxico netamente galego", referímonos a que en Encrucillada, tanto á hora de facer aplicacións e análises, como de expresar os contidos teolóxicos comúns a todos, facémolo cun estilo galego e coa mirada posta en Galicia; é dicir, ao servizo dun cristianismo que se compromete con este país.

- Falando do emprego do idioma galego ao que antes nos referiamos. Teñen Vdes. datos de que hoxendía se dese algún tipo de retroceso á hora de oficiar as misas na nosa lingua por parte dos curas parroquiais?

-Neste tema acontece unha cousa moi curiosa e, para min, un pouco triste, que é que, cando naceu a revista, no movemento eclesial había máis inquietude e máis progresismo do que hai hoxe, aínda que na base si que se rexistren boas iniciativas ao respecto. Pero, insisto, no ambiente máis oficial, eu penso que efectivamente houbo un descenso do emprego do galego, o cal resulta paradóxico. Na Igrexa oficial percibo un desinfle daquel compromiso.

- Para Vdes., a liña marcada polo papa Francisco está máis perto da propia liña editorial da revista do que estiveron os papados de Xoán Pauo II e Benedicto XVI?

-Non só está máis perto, senón que nos sentimos plenamente identificados con este papa porque nel está aquela revolución da esperanza que supuxo o Concilio Vaticano II e que sufriu serios freazos cos dous anteriores papados. Francisco,con coraxe, honestidade e até diría que creatividade verbal e teolóxica, está intentando facer a nivel de Igrexa universal o que nós intentamos facer a nivel de Galicia. Polo tanto, a nosa sintonía con el é total.

- Hai cristiáns practicantes en Galicia que se queixan de que os "miran mal" cando din que rezan, que van a misa, etc?ata o punto de sentirse pouco menos que acosados ou desprezados. Percibe Vde. esta situación?

-Si que o percibo, e é unha situación ambigua. Por un lado, o proceso de secularización está dando as súas últimas ondoadas e iso foi favorecido porque o Concilio Vaticano II, que comprendeu este fenómeno e intentou afrontalo, foi freado tamén polos dous papas anteriores a Francisco, o cal creou unha incomodidade tremenda, xa que, mentres se aprobaba unha apertura da Igrexa, na práctica o que houbo foi unha forte cerrazón. Iso traspasouse á sociedade e fixo que a xente perdese o contacto íntimo e cordial coa Igrexa, ata o punto de que moitos a abandoaron. Por iso a mensaxe de Francisco está a provocar impacto, porque se nota que el está a ser visto polos crentes, e incluso por moitísimos non crentes, como a grande autoridade moral do mundo actual, precisamente porque que se opón ás inxustizas sociais.

- Por último, e resumidamente. Malia que o berce da revista está nas inquietudes suscitadas polo Concilio Vaticano II, non cre que xa é hora de apostar pola convocatoria inmediata dun Vaticano III? En qué aspectos habería que "renovar" o histórico Concilio Vaticano II?

-Na miña opinión, non. E explícome: non houbo ningún concilio que fora perfecto, pero o Vaticano II foi explosivo en canto ao xurdimento de ideas. Despois, o que fai falla é poñer esas ideas en marcha, e facelas eficaces. Por iso eu creo que o gran problema que ten a Igrexa coa que se atopou Francisco, é que todo aquilo que explota necesita irse concretando e transformando en realidades e interpretacións concretas da Biblia. Polo tanto, máis que a celebración dun Vaticano III, o que toca de maneira máis urxente é traballar por conseguir que o Vaticano II dea todos os bos froitos que prometía; é dicir, desenvolver todas as súas potencialidades.

Compartir el artículo

stats