Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Teritorios palimpsestos

O Libro dos lugares de Antón Patiño

Ilustración do Libro dos lugares (2017), de Antón Patiño.

Toda percepción conforma unha paisaxe múltiple, persoal, mais ao tempo enormemente viva e creativa. Esta sensación de ambigua proximidade está presente na práctica totalidade dos textos do Libro dos lugares (Editorial Elvira, Vigo, 2017) de Antón Patiño. Son pequenas prosas que patentizan a consciencia de que o acto de contar é algo que sempre ten que ver co outro, deixando que se evidencie a arela de comunicación e de transmisión de sentimentos, un xeito de comprender a experiencia vital -o pasado e o presente- que fornece unha bagaxe para enfrontar realidade.

Mestura de relato, poesía, ensaio e crónica, estamos perante unha obra en que a vida e a creación artística nos aparecen cuns referentes intensamente vivenciais xa que se trata dun libro en que o locus é sobre todo o espazo vital, un ámbito inzado de lentura en que se amosan os afectos, os nomes e as cousas que acaban por conformar o "eu", esa patria, ese herdo colectivo, que son a terra e os mortos, que dicía Álvaro Cunqueiro, cuxa sombra tamén paira pola súas páxinas, a carón de nomes familiares como Uxío Novoneyra, Lois Pereiro, Guillermo Monroy ou Carlos Oroza.

A partir de diversas suxestións e memorias, que funcionan como auténticos substratos, o autor presenta unha realidade actuante que as ilumina e dota de significados mudábeis, sempre co lugar e tempo como elos e como fíos condutores. Ao longo de todo o libro o lugar -o local- sitúase como esteo, como punto referente que terma do discurso. Un discurso que se configura como unha forma de desenvolvemento, sempre a desvendar polos camiños do espazo e mais do tempo, un discurso que é fío conformador da forma, como unha espiral totalizadora. Velaí como se nos presenta, visto na súa globalidade, este Libro dos lugares, con moito tamén de Libro dos amigos -eis a memoria de Otero Pedrayo-. Ao longo dos variados escritos as categorías procesuais de tempo e espazo configuran o marco da percepción, a experiencia e as complicidades do lector, establecéndose unhas relacións paralelas entre o espazo e o tempo o que marca a tonalidade do conxunto dos escritos, a súa musicalidade.

O argumentario subliña o valor da tradición entendida como humus vivificador; do territorio dos afectos e da vida; do poético como medio de comprensión da existencia; da natureza como revelación. Ao tempo tamén incide nas dificultades do noso presente como a redución da diversidade como forma de dominación.

O Libro dos lugares fai resaltar a estreita ligazón entre o pensamento, o textual e mais o visual, dominando unha vontade de fusión das artes, de interacción. O texto salienta polo peso do poético, polo interese ao redor do misterio da creación sen que iso exclúa, nin moito menos, un achegamento á problemática socio-cultural.

De todos os xeitos, o autor non quere na súa obra dirixir a súa escrita cara a respostas definitivas no ideolóxico nin no político, mais si amosa unha vontade de facer evidente a problemática ética do ser humano, en definitiva sente a necesidade de participar no decurso -e no discurso- colectivos desde unha posición que combina o reflexivo e o lírico, que reivindica o sentido transcendente da creación, mais sen ningunha forzada retórica.

En resumo, Antón Patiño lémbranos brillantemente a necesidade de presentar unha literatura, unha arte e unha análise cultural en que o texto e a imaxe expresen unha función crítica co seu presente, que mesmo desenmascare os procesos de mitificación social que a utilizan como vehículo. Lémbranos tamén que para que a representación teña auténtico valor actuante, cómpre non esquecer que a palabra e a imaxe -calquera palabra e calquera imaxe- deben propender para a excelencia, deben ir encamiñadas á reflexión sobre as linguaxes, un aspecto que ten que ter un papel central, en especial cando se pretende facer unha eficaz crítica dos procesos sociais e culturais históricos e do noso presente.

Expresión labiríntica

  • Mais para Antón Patiño a palabra e a imaxe son, na cerna máis fonda, vida sempre renacida. Daquela, a procura da palabra exacta, verdadeira, é necesariamente un eterno palimpsesto, un constante escribir e reescribir. O Libro dos lugares di moito da concepción da cultura, da palabra e da vida do escritor e pintor, fondamente reflexiva, indagadora, sintética, que fixo da súa traxectoria vital e profesional un compromiso ético e artístico. Antón Patiño transita nos seus textos por unha expresión labiríntica, chea de referencias literarias e estéticas. Camiña por vieiros non só procurados senón tamén por aqueles en que se entretecen múltiples voces que nos interpelan. Lendo estas prosas reforzamos a consciencia da nosa historicidade, a percepción de que deixamos inevitabelmente o palimpsesto inacabado, devolto á súa intrínseca condición, o permanente mudar, o eterno circular. Mais, sobre todo, nos textos do Libro dos lugares paira e transmítese unha intensa e saudosa experiencia, con moito de persoal e xeracional para os que compartimos lugares e memorias pero que mantén un ton esperanzado na súa fidelidade á creación e a reflexión como fermento contrutor e como sentido vital.

Compartir el artículo

stats