Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Galerías da Coruña

Cidades de noso (II)

Gravado da Coruña (mediados do sec. XIX).

Moito cambiaron as condicións laborais das traballadoras e dos traballadores e o abastecemento de auga e alimentos nas cidades dende os tempos medievais até aos nosos tempos! Ora ben, esa modificación das nosas condicións de vida supuxo, como condición e consecuencia, a transformación radical da estrutura urbana das nosas vilas dende os vellos mercados medievais, como o mercado da praza da Fariña, ás grandes superficies comerciais, como Marineda City.

Lonxe quedou o tempo (1208) en que o rei Afonso IX ordenara a refundación da vila da Coruña, que axiña se dedicou ás actividades comerciais: casa de moeda, privilexio do desembarco de sal, autorización para comerciar con Inglaterra?, instalación da Casa de Contratación para o comercio das especias, celebración dun mercado franco os sábados, establecemento dos Reais Correos Marítimos a América e do Real Consulado?, instalación da Fábrica de Tabacos e outras factorías relacionadas coa fundición e a produción de vidros, tecidos?, que se completaron coa fundación do Banco da Coruña e outras entidades financeiras, que deron orixe a consolidación dunha poderosa burguesía que está detrás de moitas das transformacións urbanísticas que nos últimos 125 anos modernizaron A Coruña.

No transcurso deses séculos, porén, todas as actividades mercantís realizábanse, principalmente, ao aire libre, en prazas abertas, como as prazas da Fariña e da Leña, e en condicións lamentables, tanto para as persoas como para as mercancías. A situación comezou cambiar a comezos do século XX, cando se construíu o mercado municipal promovido por Eusebio da Guarda, un edificio de corte modernista de Pedro Mariño inaugurado en 1910 (hoxe substituído por un mercado do arquitecto coruñés Jacobo Rodríguez Losada inaugurado en 2006), ao que lle seguiu en 1932 o mercado de San Agustín, un edificio proxectado polos arquitectos Antonio Tenreiro e Santiago Rey Pedreira en 1932, que achega unha solución en formigón vencellada á tradición racionalista que viña de Europa. Polo camiño, os comerciantes e emprendedores abriron tendas de roupa, ultramarinos, bazares, farmacias e droguerías, chocolaterías, pastelerías, cafés, cines?

Ao longo do século XX xunto aos mercados xurdiron as tendas de barrio, paseniño transformadas en pequenos supermercados, até que da man de Claudio San Martín xurdiu nos anos 80 unha nova iniciativa: a construción da primeira área comercial de Galicia, Catro Camiños, inaugurada en setembro de 1987. Con todo, era a cuarta iniciativa comercial destinada a modificar a estrutura da cidade e as condicións de vida dos traballadores e a distribución e venda de mercancías, tras a inauguración do Carrefour de Lavedra en 1985, o Alcampo en 1986 e El Corte Inglés, a carón de Catro Camiños, tamén en 1986. Transformando, ademais, a fisionomía da cidade, xa que a súa construción deses centros comerciais supuxo o desaloxo do poboado de Penamoa e a reurbanización de barrios, como o de Elviña ou Matogrande. Unha década máis tarde, abriuse unha nova fase de inauguracións: Os Rosales (1996), Los Cantones Village (2005), Dolce Vita (2008-2014), Espacio Coruña (2009) e Marineda City (2011), o complexo comercial e de ocio máis grande de Galicia, que rematarían por transformar a cidade.

Neste sentido, a transformación dun ámbito principal da vida urbana: os mercados, ao longo dos últimos séculos, dende o século XIII até a actualidade, non só supuxo a transformación das condicións de traballo (avanzando na proletarización da man de obra) e de venda das mercancías, senón que transformou as condicións e a forma de vida da xente, facendo que "ti e mais a túa familia atopedes todo o necesario para converter o teu tempo de compra en ocio e goce".

Pola urbe modernista

  • No ano 1883 o concello da Coruña pon en marcha o proxecto de ampliación da cidade ao sur da Peixería, construído no entorno das prazas de Lugo e Pontevedra, que será o espazo de instalación habitual da puxante burguesía coruñesa, que empregará como medio de expresión do seu poder económico e prestixio social o modernismo, que se caracterizará pola súa luminosidade (galerías?), polo uso de motivos decorativos vexetais (follas e flores), xeométricos (pilastras, círculos?) e figurativos (bustos femininos) e polo uso de cemento, ferro e vidro, como principais materiais construtivos. Neste sentido, algúns dos exemplos sobranceiros desta tendencia arquitectónicas destináronse a diferentes usos: escolar, como as escolas da rúa Orzán ou as escolas Labaca; comercial, como o desaparecido mercado da praza de Lugo, o antigo café Moderno, a pastelería A Gran Antilla ou o Kiosko Alfonso, inaugurado como café e sala de espectáculos; e, sanitario, como a Casa do Sol. Con todo, as principais obras do modernismo coruñés son edificios destinados a vivenda, entre as que salientan as casas Arambillet, Rey e Molina. Obras mestras que están asociadas aos principais arquitectos do modernismo coruñés: Julio Galán Carbajal, Antonio López Hernández, Rafael González Villar, Leoncio Bescansa ou Pedro Mariño.

Compartir el artículo

stats