Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A raíña vexetal

Museo da Estruga en Celanova

Mostra de diversos preparados con urtigas. FOTOS: j. regal

Abunda en Galicia e, son tantas as súas propiedades, que pode considerarse unha auténtica raíña entre os vexetais. Para dar a coñecer as múltiples aplicacións e propiedades da "urtica dioica", foi creada dez anos atrás a Asociación Cultural "As Estrugas" que, desde hai case catro, conta tamén cun museo na parroquia celanovense de Amoroce, para difundir as moitas virtudes da planta: un centro único e dinámico, albergue de moitos outros proxectos, como o rescate da figura do barquilleiro ou a promoción do aceite aderezado con estas herbas.

O presidente do colectivo é Martín Álvarez, alcumado "o señor das estrugas" polo seu empeño por divulgar as propiedades da planta e pola popularidade que lle supuxo ir de vila en vila, de feira en feira, ofrecendo degustacións con estrugas. Profesor no instituto de Educación Secundaria de Vilamarín, combina a súa faceta docente co labor fomentador dunha herba outrora deostada e hoxe de alto valor culinario e ingrediente fundamental de moitos produtos. Para levar a cabo as súas ideas, Martín foise asociando con diferentes colaboradores cos que foi sacando ao mercado as súas elaboracións.

O museo aberto en Amoroce é un compendio de todo iso. Primeiro foron os champús de estruga, despois o licor e, entre os máis recentes, o queixo de estruga e o "orchizo" e o "orchichón", embutido de vaca cachena con estrugas un, e embutido de porco con especias e estrugas, este último. Son habituais as xiras e demostracións gastronómicas de Martín Álvarez ensinando pratos salgados e doces. Empanada, revolto ou tortilla de estrugas forman parte do primeiro grupo, mentres que o xeado, o puding ou os licores son algúns dos que se agrupan no segundo.

O espazo museístico é sede tamén da Asociación Cultural "As Estrugas". Os seus membros quixeron poñer a disposición do público, de maneira desinteresada, toda a bagaxe de experiencias e toda a documentación que foron adquirindo desde que comezaron en 2005 coa Exaltación da Estruga no Pazo de Vilamarín.

A asociación colabora con institucións e empresas no seu afán por divulgar os valores da planta, desde os culinarios aos cosméticos, fitosanitarios ou téxtiles, entre outros. Contribuíron ao desenvolvemento de preparacións como a mortadela con estruga, a propia estruga enlatada ou a introducila na propia " alheira" portuguesa, un embutido con selo identificativo que ten unha variante con "urtica dioica". O sabor da planta é suave e lixeiramente mentolado, con interesantes valores nutricionais, xa que, entre outros compoñentes, é rica en vitaminas do grupo B e C e é fonte de minerais como calcio, ferro, magnesio ou potasio. O museo dedicado á estruga tamén garda o valor etnográfico, a memoria do pobo, pois a todos os seus usos engádese o valor medicinal como remedio caseiro na tradición galega.

Na casa-museo de Celanova pódese coñecer, afondar e entender todo o universo que encerra unha planta silvestre outrora "molesta", por picar, e hoxe raíña vexetal con múltiples aplicacións. Entre as iniciativas recentes da asociación atópase a de estar presente no Mercado do Xurés de Bande, o que lle deu un novo impulso para mostrar os seus produtos e abrir posibles vías de colaboración.

Na Casa das Estrugas tamén existe numerosa bibliografía sobre a planta. O propio Martín Álvarez ten varios libros escritos sobre este vexetal, entre eles 45 recetas con ortigas, que recibiu o Premio Gourmand Medalla de Honra. Aquí están primeiros, segundos, sobremesas e todo tipo de receitas que poden elaborarse con estas herbas que salpican todas as leiras galegas. Na iniciativa editorial da asociación atópanse outros títulos como Estrugas ou Guía secreta da gastronomía de Ourense.

A Confraría da Urtiga

  • Desde hai anos, no municipio luso de Fornos de Algodres existe a Confraría da Urtiga, unha dinámica agrupación dedicada a divulgar a planta das mil virtudes, colaboradora e aliada habitual do grupo galego. Fornos de Algodres, unha pequena poboación do distrito da Guarda, no centro do país irmán, pode considerarse unha auténtica capital desta herba campestre. En 2009, no ámbito das IV Xornadas de Etnobotânica e do primeiro Fim-de-Semana da Urtiga, creouse a Confraría, que desde entón non deixou de impulsar e investigar as propiedades do vexetal. Neste tempo fixeron papel de estruga, xabón, chocolate recheo con estruga ou queixo. Ademais, ensinan aos interesados a coller, preparar e cociñar a planta. Nas iniciativas comparten inquietudes cos galegos, que presentaron no mercado do Xurés cervexa de ortiga, madalenas, galletas, licor e mesmo vermouth. O museo é albergue e mostra doutros proxectos realizados desde a asociación, como a elaboración de oliva de mesa galega aderezada con aromas (por exemplo, a chourizo caseiro) ou o programa para nenos "coa comida tamén se xoga". Pola súa banda, os portugueses teñen queijada de urtiga, entre as súas preparacións, e seguen investigando con téxtiles feitos con esta materia prima.

Compartir el artículo

stats