Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Humor revirado e acción

Nas aforas de Ebbing, Missouri

O director de cinema Martin McDonagh.

"Admitámolo", sentenciaba Rilke ao comezo de Worpswede, "a paisaxe énos algo estraño que fai que sintamos unha terríbel soidade na nosa coexistencia coas árbores que florecen e os regatos que flúen. A carón dunha persoa morta non nos notamos nin moito menos tan abandonados como na compañía das árbores". Pois ben, para Mildred Hayes (Frances McDormand), a protagonista de T res paneis nas aforas de Ebbing, Missouri (2017, Martin McDonagh), todo o anterior parécelle unha fucking piece of shit. Non ten a máis mínima idea de quen é Rainer Maria Rilke, non sabe de paisaxes xermanas envoltas en néboa e tampouco de cohabitar con alguén sen se intercambiar insultos ou/e pancadas. É groseira, violenta e malfalada; non obstante, coñéceo todo sobre a dolorosa convivencia coa morte, en particular co cadáver da súa filla, violada e asasinada por alguén que, despois de sete meses, segue sen ser preso.

Nunha entrevista para a revista Variety o director anglo-irlandés Martin McDonagh (1970, Camberwell, London), coñecido por Escondidos en Bruxas (2008) e Sete Psicópatas (2012), admitiu que a historia e as personaxes ocorréranselle nunha viaxe polos estados do sul de Norteamérica cando, á beira dunha estrada, se decatou da presenza dun panel plublicitario cunha mensaxe persoal. En 1991, a policía da Interestatal 10 atopou a Kathy Page morta no interior do seu automóbil. Aínda que todo apuntaba a un posíbel accidente de tránsito, o certo foi que a investigación desvelou que alguén a matara antes de colocala no asento do condutor. A familia desconfiou desde o comezo do seu home, Steve Page, sen que os investigadores conseguisen nunca probar a súa culpabilidade. A frustración do pai de Kathy levouno a encher durante máis de vinte anos a Interestatal con paneis nos que reclamaba xustiza para a súa filla. A día de hoxe o caso de Kathy segue sen estar resolto.

A vila onde reside Mildred -esta bitch from hell con lingua de lume- é imaxinaria. Charleston, Springfield, St Louis, Berkeley ou Branson non o son. A súa realidade está poboada por todos os rednecks e hillbillies que auparon o presidente Trump até á Casa Branca. Paisaxes onde o segregacionismo e a misoxinia coexisten en total harmonía, onde poderiamos atopar -como en Ebbing- un xefe de policía chamado Bill Willoughby (Woody Harrelson), un oficial violento e cazurro de nome Dixon (Sam Rockwell), un cura, un dentista gordo, un ex-marido, un ultramarinos, unha muller cun ollo virollo, negros humillados, brancos racistas, unha nena morta e tres paneis con tres comunicados: "Violada mentres morría", "E aínda ningunha detención" e "Como andamos, xefe Willoughby?".

A intelixencia do estilo McDonagh consiste na hábil mestura de humor revirado e acción continua, temperada por un fío dramático perfectamente equilibrado e localizábel (Bruxas, Los Angeles, Missouri). A gargallada xorde sempre nun contexto de concordia (e debería engadir audacia) coa propria escena. Como cando o xefe Willoughby, enfermo terminal de cancro, se desculpa con Mildred despois de que un acceso de tose o levase a cuspir sangue sobre ela. "Sei que non foi a posta, queridiño", respóndelle Mildred.

O Worpswede (Baixa Saxonia, Alemaña) da época de Rilke era tan só unha comunidade harmoniosa de campesiños pobres que vivían no medio dunha inabarcábel chaira neboenta até que un grupo de artistas decidiu que posibelmente fose o lugar ideal para pintar e vivir o seu concepto da arte. Pola contra, Ebbing, Missouri, non ten nada de harmonía e si bastante de miseria. Tampouco se pode dicir que soubesen moito de arte até que Mildred Hayes, nai de Angela Hayes, violada e asasinada por non se sabe quen, resolveu crear unha tendencia de seu a partir de tres paneis e un berro: "Isto non é o fucking final de nada. É o fucking comezo da transcendencia!"

Retrato da muller periférica

  • "Ola, o meu nome é Frances Louise McDormand, anteriormente coñecida como Cynthia Ann Smith. Nacín en Gibson City, Illinois, en 1957. Son heterosexual e lixo branco americano ("white trash", termo despreciativo orixinario de Norteamérica para denominar a persoas brancas de baixo estrato social). Os meus pais non eran lixo branco. A miña nai biolóxica, si". Fran, como se coñece entre os seus achegados, foi a novena e derradeira filla adoptada polo matrimonio Noreen e Vernon McDormand. Vernon era pastor dos Discípulos de Cristo e tiña por costume moverse dun estado a outro do sul de EEUU, escollendo sempre pequenas comunidades agrícolas sen lograr permanecer en ningunha delas durante moito tempo. Aos seus sesenta anos, a actriz, gañadora de sesenta e oito premios, transmite a fascinación das mulleres que saben ser o que queren. Se ben leva máis de trinta e seis representando o rol das que foxen do estereotipo, como en Olive Kitteridge, o público coñécea xeralmente polo seu papel como a xefa de policía grávida de Fargo (1996, Joel Cohen), co que obtería o Oscar á mellor interpretación feminina. A decisión pola que aceptou encarnar a Mildred Hayes fundaméntase no feito de que se trata dunha personaxe que non quere concitar simpatías. Tampouco de dar leccións. Simplemente está aí para tirarlle cocktails Molotov ao mundo. Unha muller periférica que decide situarse no centro mesmo das cousas.

Compartir el artículo

stats