Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na arquitectura das emocións

Con linguaxes textuais

Na arquitectura das emocións

Chega ás miñas mans o libro Latexo Beat, publicado por Galaxia. Nel recóllense as colaboracións de varios autores, sesenta e cinco en total, que pretenden aproximarse ao feito poético a través dos textos, aínda que haxa colaboradores que os escriban como parte de performances, de letras de cancións ou de instalacións. Todo isto enmarcado no Festival Kerouac, evento anual organizado e creado polo poeta, locutor, empresario de hostelaría, deportista e fisioterapeuta Marcos de la Fuente, que é propietario e rexenta, xunto con Vanesa Álvarez Díaz, o local "La fiesta de los maniquíes" na cidade olívica. Dito festival, despois de sete anos, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra e da Consellaría de Educación da Xunta de Galicia. A nivel estatístico podemos sinalar que dos sesenta e cinco colaboradores (65) atopamos trinta e catro pezas en castelán (34), fronte a vinte e tres en galego (23), catro (4) en inglés e catro en portugués (4). Números cantan, porque tamén as cifras teñen a capacidade de cantar, isto é, de facerse ouvir. Como estamos en tempos de bilingüísmo harmónico pode soar mal que os algarismos canten, mais vemos que o número de poemas en castelán supera á suma de galego, inglés e portugués. Que cada un extraia as súas proprias conclusións.

A segunda cuestión refírese ao nome que o dito Festival ostenta, Kerouac. Unha verdadeira declaración de intencións. O escritor norteamericano Jack Kerouak, como todos sabemos, pertence ao movemento da beat generation. Despois da súa prematura morte (debida á continua inxesta de alcohol e ao consumo de máis substancias tóxicas), foi consagrado polos mass media como un ícono de rebeldía social e vangardismo estético. Ambas aseveracións, a día de hoxe, resultan máis que discutíbeis. Podemos tomarlle as palabras a Hilario J. Rodríguez do seu libro Gracias por no ir al cine: "Aunque los beatniks se veían como derrotados sociales, intentaron convertir su derrota en una experiencia sagrada. El cine comercial, no obstante, ofreció una imagen suya un tanto engañosa. (cítanse filmes) los presenta como artistas bellos y malditos, marginados por sus ideas subversivas. Algo así resulta bastante chocante cuando uno se refiere a individuos que se caracterizaron más por sus actitudes infantiles y narcisismo que por sus planteamientos ideológicos o teóricos."

Que atopamos nos textos do volume que agora comentamos? Neste breve reseña resulta imposíbel resumilo. Somente podería apuntar algúns poemas que me gustaron moito, outros que caíron na indiferenza, algúns que resultaron prolixos..., o que nos levará, como era esperábel nestes casos de acumulación editorial, a un tomo de desiguais resultados. Desigual en calidades e en rexistros, desigual en xéneros e números, como vimos. O único que os une, como non podería ser doutro xeito, é o anseio de elaborar unha arquitectura persoal das emocións, que é a base de toda poesía. Mesmo a que aspire a destruír ese edificio para trazar un mapa de desvíos e derivas.

Circulan por estas páxinas, situacións, vicios, actos de nostalxia. Mais tamén xorde toda unha linguaxe xestual tras das palabras. Notamos, entón, a presenza de colectivos artísticos, esoutra de grupos musicais, nesa hibridación tan desexábel entre todas as vertentes artísticas. Xunto a isto observamos, nos máis mozos, un incipiente desexo de revolta e de denuncia. Non estraña atopar proclamas incendiarias no medio de discursos líricos porque no corazón dos máis novos sempre compite a realidade e o desexo, e desa batalla dispar ninguén pode saír ileso. Deste xeito, moitas das composicións poden ser consideradas actos de solidariedade. Sen renunciar, tampouco, á expresión dos naufraxios persoais ou dos anhelos festivos.

VV. AA., Latexo Beat, Ed. Galaxia, Vigo, 2017, PVP. 14, 90 ?

Compartir el artículo

stats