Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As conquistas dun duque

Dos Lancaster en Galiza

As conquistas dun duque

Entre os anos 1383 e 1385 produciuse en Portugal unha revolución na que os dous bandos antagónicos eran: dunha parte, a nacente burguesía portuguesa, que se aliñou co rei Xoán I, da dinastía dos Alves; da outra parte, a nobreza portuguesa, que solicitou o auxilio e apoio do rei Xoán I de Castela. A culminación dese proceso revolucionario tivo lugar o 14 de agosto de 1385, no transcurso da intensa batalla de Aljubarrota (Portugal), na que se enfrontaron as tropas comandadas polo rei portugués Xoán I coas tropas castelás comandadas polo rei castelán Xoán I. A vitoria portuguesa tivo importantes implicacións para o Reino de Portugal, xa que supuxo a consolidación do rei Xoán I no trono de Portugal e o ascenso social da burguesía; non obstante, malia ser un proceso revolucionario de carácter nacional, esa batalla tivo evidentes implicacións internacionais: a primeira, a confirmación da independencia portuguesa fronte a Castela; a segunda, o fortalecemento dunha incipiente alianza anglo-lusa. Así mesmo, o triunfo portugués, que no contexto da guerra dos 100 anos (1337-1453) -a primeira gran guerra que enfrontou ás casas reais europeas arredor dun bando francófilo e outro anglófilo-, foi interpretado como unha mostra da debilidade de Castela, aliada de Francia nese conflito militar, polos ingleses, que o 25 de xullo de 1386 desembarcaron na Coruña ao mando do duque de Lancaster.

Ao mes de instalarse na Coruña, as tropas inglesas avanzaron por territorio galego: primeiro dirixíronse a Santiago, onde os Churruchao lles abriron as portas da cidade -onde estableceron a súa Corte-, ao tempo que a abandonaba o arcebispo Xoán García, leal ao rei castelán; logo, dirixíronse ao castro Lupario, Pontevedra, Vigo, Baiona, Ribadavia -vila que foi conquistada logo dun prolongado asedio-, Muros, Ourense -a onde o duque trasladou a Corte-, e finalmente Noia, que non chegaron a conquistar; no transcurso desta campaña militar, pola súa parte, os portugueses asaltaron as vilas de Ferrol e Padrón, de camiño a Ponte do Mouro (Monçao), onde se había selar a alianza anglo-lusa de cara a vindeira intervención militar: a conquista de León, que resultou ser un fracaso, o que provocou o abandono da intervención militar na península.

A crónica da campaña militar do duque de Lancaster na Galiza forma parte da extensa Crónica coa que o cóengo Jean Froissart (1333-1404) narra a guerra dos 100 anos, un texto escrito entre 1366 e 1400 que marca o renacemento da literatura cabaleiresca do século XIV, da que agora temos unha erudita e esperada edición en galego grazas ao traballo de tradución de Paulo Nogueira Santiago, responsable da edición d' A conquista de Galiza e León.

NOGUEIRA SANTIAGO, P. (ed.), Crónicas de Jean Froissart, Ed. Toxosoutos, Noia,2017, PVP. 15 ?

Compartir el artículo

stats