Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Do efémero ao sublime

A moda para alén dos conceptos

Vestido furado, orixinal de Viktor & Rolf.

A natureza efémera da moda condenouna a ser ignorada polas academias e museos ao longo da historia. "Asunto de vaidades", "ámbito do feminino" ou "espazo sen rigor" son algúns dos rótulos cos que se subliñou a creación téxtil. Nos nosos días esas vellas visións están a trocar, recibindo a moda unha valoración e estudo estruturados, enriquecedores e rigorosos. Os dous ámbitos onde se está a xerar a transformación do concepto da moda son as universidades e centros de estudo (notablemente as facultades e escolas de Arte) e os museos (sobre todo os museos de moda/artes aplicadas, pero tamén museos xenéricos de Arte ou enciclopédicos).

En Galicia estamos a experimentar esta evolución e non son poucas as programacións no eido. Citando algunhas das máis próximas, os días 18,19 e 20 de decembro a Facultade de Historia da Universidade de Santiago vai albergar a terceira edición do curso Cando o efémero se eleva á categoría do sublime: moda algo máis que un concepto: un simposio que pretende crear lazos entre a comunidade científica e a sociedade interesada polas novas tendencias no ámbito do deseño e a moda. A Universidade da Coruña está asemade a ofertar un Máster en Moda:arte, cultura e sociedade. E a Universidade de Vigo conta coa Facultade de Belas Artes na que se estuda moda como materia na propia institución, nun programa Máster en Deseño e Dirección Creativa na Moda e na ESDEMGA (Escola de Moda de Galicia), un enderezo especializado que conta cunha xa longa traxectoria nos estudos de moda.

Deste contexto universitario despréndese unha avaliación máis profesional dos que se dedican tanto á teoría como á práctica da moda, do seu estudo, da súa produción, da súa exhibición e do seu deseño. O ámbito de formación da moda non se circunscribe logo soamente ás academias de corte e confección, e xa non é imprescindible viaxar ás capitais da vella Europa coma Milán, Londres e París para estudar.

En canto ao ámbito das exposicións, ten habido mostras dedicadas á moda en diversos espazos expositivos e fundacións en Galicia, sobre todo en enderezos onde se celebran exposicións temporais. En termos xerais non se celebran exposicións de moda nos Museos ou Centros de Arte situados en Galicia como MARCO de Vigo ou CGAC de Santiago. Na sede que fora da Caixa Galicia, na Rúa do Vilar de Santiago, xunto á Fundación Granell e na Fundación Torrente Ballester, presentouse a mostra colectiva T ras el Espejo. Moda Española no ano 2004, un gran arquivo con máis de 400 modelos que reunía a historia recente da moda española. Logo, no ano 2008 tamén a Caixa Galicia presentou na Coruña a monográfica Yves Saint Laurent Diálogos con el Arte. Tamén en Santiago, no 2016, a Cidade da Cultura albergou Confío en Galicia unha mostra enciclopédica que incluía unha gran parte dedicada á moda, teima que ademais servía de leitmotiv á proposta expositiva. No Pazo da Cultura de Pontevedra téñense celebrado varias mostras, estruturadas en moitos casos como actividades académicas da Facultade de Belas Artes e da Escola de Moda. Entre outras, cabe mencionar Mulleres de Branco no ano 2008 ou El Arte de Volar Candela Cort pouco tempo despois, (cesións do Museo del Traje CIPE de Madrid). E a exposición Os 80 Moda en Galicia. Singularidades no ano 2010.

E xurdindo asemade da sistemática de estudo/investigación da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e os seus instrumentos académicos, xorden mostras que recalan en Madrid (Museo de Artes Decorativas) baixo o nome Hacer, Diseñar, Pensar no 2013. A mostra O Diálogo Creador no Museo do Pobo Galego en Santiago no 2013. As series Tecido, Cru con edicións en Vigo e na Igrexa da Universidade en Santiago no 2016.

Tal e como se aprecia neste breve, pero intensa análise do statu quo da moda como disciplina en Galicia, tanto as exposicións de moda como os estudos e publicacións veñen relacionados cos ámbitos académicos. Daquela avánzase na valoración da moda como algo sublime e permanente grazas a profesionais rigorosos e metódicos e non por accidente ou casualidade. O mesmo que acontece co importante sector téxtil en Galicia que xode dun ancoradoiro técnico e de excelencia mercantil no noroeste.

Catro momentos

  • A primeira época aperturista do museo cara á moda dos nosos días aconteceu ao longo dos 70 cando en Londres e Nova York se ampliaron as programacións expositivas e as coleccións do Victoria & Albert Museum e do Costume Institute no Metropolitan Museum of Art coa moda dos deseñadores do momento. Un segundo e terceiro momentos veñen da man dun grupo de comisarios que elevan a actividade das exposicións nos museos dende os confíns dos vellos almacéns de roupas históricas até as montaxes de excelencia no troco de século: grandes mostras que destacan polo estudo material dos obxectos, pola análise socio cultural, pola documentación e asemade pola espectacularidade das montaxes. O cuarto estadio vén da man do ex modelo canadense Thierry-Maxime Lorriot, quen logo dunha notable carreira diante das cámaras,está a desenrolar de xeito atípico outro importante decurso como comisario de moda. E faino conseguindo o que ninguén acadara: crear exposicións dos máis importantes modistos do noso tempo, con montaxes de alta tecnoloxía e gran espectacularidade que,ademais,son itinerantes. El é o responsable da monumental exposición monográfica itinerante Jean Paul Gaultier. Universo da moda Da Rúa deica ás Estrelas. Cara a 2019 vai acadar o que ninguén ten conseguido organizar: unha grande exposición retrospectiva de Thierry Mugler The Créatures Haute Couture que arrancará no Museo de Belas Artes de Montreal e que promete, certamente, dar nunha cita imprescindible

Compartir el artículo

stats