Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O latexo do Teatro Club

Museo Municipal de Esposende

Interior do edificio.

Situada na desembocadura do río Cávado e envolta polo azul do Atlántico, Esposende aparece nunha das paisaxes máis sorprendentes e fermosas do litoral miñoto portugués. Á natureza suma a súa historia, contada a través de edificacións como o que fose Teatro Club, desde 1993 convertido en Museo Municipal cunha nutrida e interesante colección de arqueoloxía, de etnografía e de cultura material. O edificio ten de seu un emblemático valor patrimonial, xurdido do trazo do arquitecto Miguel Ventura Terra en 1908, que o concibiu para a realización de espectáculos de teatro e musicais dentro da estética do Art Nouveau.

Dada a forma e limitacións do terreo no que se ía a levantar, o proxecto presentaba unha dificultade engadida. Miguel Ventura -construtor, entre outros, do Banco de Portugal, no Porto, ou da Maternidade Alfredo da Costa, en Lisboa- deseñou unha planta lonxitudinal con dous corpos rectangulares e tres pisos. Funcionou como teatro ata a segunda metade do século XX, para converterse despois nunha fábrica de tecidos. En 1993, tras as obras de recuperación, foi inaugurado como Museo Municipal. En 1911, cando abriu as súas portas, a prensa local cualificábao como "obra elegantíssima e artística", situada nunha das prazas máis representativas da vila, onde se situaban xa os dous edificios de maior significado urbano: a Câmara Municipal e a igrexa da Misericordia.

A transformación como espazo museístico estivo a cargo de Bernardo Ferrão, quen mantivo a mesma harmonía que lle deu Ventura Terra, visible xa na entrada, na Sala dous Azulexos, onde o vidro, o azulexo e a madeira se conxugan nunha composición intencionada. A luz que entra por portas e xanelas alaga a planta de cor e brillo, en xogos de claridade e sombras. Ademais do Teatro Club, o arquitecto deseñou outros dous inmobles emblemáticos neste municipio luso: o palacete Valentim Ribeiro da Fonseca (1909), hoxe Chalet Nélia, e o hospital de Esposende. O concello ten numerosas construcións de arte nouveau a través dun interesante itinerario urbano.

A planta baixa destínase a mostras temporais de curta duración. A sala principal, situada no primeiro piso, é a de maiores dimensións e aloxa a exposición dedicada á historia da cidade e ao concello, unha porta ao territorio. A sala da segunda planta -a galería en varanda deseñada por Ventura Terra- alberga complementos temáticos (urbanismo, paisaxe, arqueoloxía) da colección central.

O espazo museístico reflicte parte da historia dun concello que ten, entre o seu abundante patrimonio, a igrexa da Misericordia, do século XVI, o Pelourinho ou o Forte de São João. Do pasado fala igualmente a Citânia de Belinho. Elevada sobre un promontorio, ofrece magníficas vistas sobre o mar con construcións de pedra circulares e interesantes vestixios do poboado castrexo. En Vila Chã tamén merece a pena visitar o Castro de São Lourenço, que se remonta á Idade de Ferro e onde está unha parte da mostra de arqueoloxía. A par do seu interese cultural, é un lugar de senlleira estampa cara ao Atlántico que permite a visión de toda a orla costeira.

O museo municipal alcanzou ao longo do tempo un acervo que excede as dúas mil pezas. A colección de etnografía inclúe apeiros agrícolas asociados aos ciclos do millo e do viño, instrumentos ligados ao gando e ás fases do liño, traxes femininos do século XIX e da primeira década do XX, traxes de pescador de mediados do século XX ou instrumentos de construción naval.

Os fondos do museo integran tamén unha colección de pintura, gravado, escultura e tapicería contemporánea. O municipio conta con outros interesantes equipamentos culturais, como o Museo Marítimo, instalado noutro icónico edificio, a Estação de Socorros a Náufragos, un inmoble centenario estreitamente vinculado á memoria do río e do mar.

Historias do mar

  • Desde maio o municipio conta cunha Rede de Museus que busca potenciar o patrimonio de forma conxunta. Esposende é terra de museos nos que se contan historias do mar e do río Cávado. Nunha urbe á beira do Atlántico, dedicada desde sempre á pesca e á vida nos océanos, o museo marítimo converteuse noutro emblema da cidade e da comunidade mariñeira do municipio. Aberto ao público en 2012, instalado na Casa de Socorros a Náufragos, o equipamento alberga un amplo legado histórico e cultural. Entre moitas outras pezas, acolle miniaturas de barcos, cartografía, deseños e proxectos de navíos construídos nos antigos estaleiros de Esposende e de Fão, instrumentos de navegación, achados arqueolóxicos subacuáticos ou restos de naufraxios na costa esposendense. Na mostra están tamén exvotos e diarios de a bordo, retratos das grandes inquietudes pasadas no mar impetuoso por capitáns da mariña mercante ou por pescadores dunha "catraia", e do seu apego á fe, única certeza durante unha tempestade. O edificio, renovado por dentro e por fóra, inclúe un observatorio, localizado no respectivo torreón, que supón un aliciente máis para que o público aprecie o río e o mar desde estas terras.

Compartir el artículo

stats