Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alén das lúas

Para sabermos de Codax

Alén das lúas

Coincidindo coa ledicia da chegada a terras galegas do Pergamiño Vindel sae do prelo o libro de Xosé Ramón Pena (Betanzos, 1956) Martín Codax e os xograres do mar de Vigo. Como o título informa, o volume trata dos poetas medievais que introduciron nas súas rimas o mar de Vigo como escenario ou, mesmo, como coprotagonista dos seus versos. Recóllense aquí esas xoias de valor incalculábel que constitúen os textos de Martín Codax, Meendinho, Johán de Cangas e Nuno Treez, xunto cos escritos satíricos de Lopo Liáns e Airas Núnez. O noso estudoso analiza nas catro primeiras seccións todas as referencias necesarias para unha cabal comprensión do esplendor das cantigas. Así, na primeira parte, "O tempo dos trobadores", resume magnificamente as vicisitudes do momento histórico, europeo, peninsular e galego, en que se enmarcan cunha profundidade de campo e cun coñecemento exemplares. A segunda sección, "As linguas romances e o galego-portugués", esmiúza o advento da nosa lingua durante a Idade Media, a súa etapa auroral e a súa expansión, con minucioso fervor filolóxico.

A terceira parte, "O lirismo trobadoresco profano galego-portugués: a cantiga de amigo", examina as explosións da nosa vitalidade lírica que constitúen os cantares de amigo, a súa linguaxe sagrada e profana, simbólica e realista ao mesmo tempo, onde a moza namorada vai abrindo o seu peito á carnalidade dun mundo novo que vén de descubrir e, en máis dunha ocasión, de padecer. Ningún lector sensíbel se pode subtraer á beleza e á emoción que latexan neses cantos medievais. Ningún deles disimula a singularidade do ser humano perante a convulsión amorosa. E todos son unha forma radical de conmoción pois converten a forma e o fondo do cantar nun todo inseparábel que nos transforma, aos lectores de todo tempo e lugar, en cómplices asombrados dese espazo puro que chamamos poema.

Na cuarta parte, "Os xograres do mar de Vigo", indágase na posíbel xenealoxía dos autores das cancións, do sofisticado e arcaico lirismo que practicaron, da música e da letra usadas, dos palimpsestos que conservamos como reliquias daquel antigo fulgor. Todas elas con notas precisas, sen escamotear os problemas de lectura que entrañan nen as hipóteses interpretativas que suscitan. Xosé Ramón Pena non elude estes obstáculos. Esclarece e propón novas leccións con criterios solventes. Investigador de amplísima cultura, o de Betanzos soubo, sen dúbida, sintentizar os seus saberes para nos doar esta obra feliz e amenísima, que seduce e informa, que aclara e deleita coa súa máis que grata lectura. Unha obra que non deixa de ser un fondo tributo e contributo á nosa literatura de sempre, aquela que perdurará alén dos séculos e das lúas.

PENA, Xosé Ramón, Martín Codax e os xograres do mar de Vigo, Ed. Xerais, Vigo, 2017, PVP. 15,20 ?

Compartir el artículo

stats