Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Santiago Lopo: "Unha boa novela debe ser quen de entreter,ensinar e facernos pensar"

PREMIO XERAIS DE NOVELA 2017

Santiago Lopo, en Pontevedra.

- O primeiro que chama a atención ao comezar a ler A arte de trobar é a súa estruturación en capítulos moi breves e, polo tanto, doados de ler (ademais pódese pousar e retomar a lectura en calquera momento). Por que elixiu esta estrutura? Porque era a mellor maneira de contar a historia que pretendía narrar ou por facilitarlle a súa lectura e comprensión aos lectores?

- Na novela hai capítulos con lonxitudes diferentes, pero é certo que predominan os curtos. A maioría das miñas novelas teñen este tipo de estrutura, que axuda a manter a tensión narrativa e que actúa como un fío que non podemos abandonar. Ao existiren varios personaxes, o ritmo ten que ser áxil para que os lectores e as lectoras se enganchen a todas as peripecias que acontecen na novela. Deste xeito, a intriga e o suspense turran por nós e cústanos deixar a historia.

- O XIII, no que data a novela, é precisamente o século no que está composto o Pergamiño Vindel...

-É a época de máximo esplendor das nosas letras. Quería traer de volta aos nosos días a beleza das nosas cantigas medievais, que saísen dos libros de texto e dos tratados especializados para aterrar no século XXI. Gustaríame que o gran público se familiarizase con esta época apaixonante e chea de misterios.

- Esta "troupe" de artistas itinerantes que teñen grande protagonismo na novela son xente marxinal...ou marxinada. Era isto o normal nas compañías "teatrais" da época? Como se documentou para a caracterización deste personaxes en concreto?

-Na "troupe" da miña novela hai malabaristas, danzarinas, actores, actrices e xograres. Os xograres pertencían á clase social baixa e adoitaban interpretar as cantigas perante un público case sempre de extracción popular. Non hai que confundilos cos trobadores, que pertencían ás clases sociais altas. Guiraut Riquièr, trobador occitano desta época, queixábase nunha súplica en poema dirixida ao rei Afonso X de Castela e pedía que non o confundisen cos xograres que mendigaban nas rúas tocando un instrumento e que logo gastaban o gañado bebendo nas fondas. Por poñer outro exemplo, en 1372 o preboste de París prohibiu que os xograres tocasen na rúa ou nas tabernas a última hora do serán porque se producían roubos ao remate dos concertos. A multa eran 40 moedas e requisábanlles os instrumentos.

- Unha das protagonistas da novela, Elvira, é unha trobaritz provenzal. Non é estraño que en Galicia aínda non se atoparan evidencias de mulleres trobadoras? Vde. cre que, malia o baleiro histórico, o máis posible é que existiran "Elviras galegas"?

-Diversas investigacións comezan a barallar a hipótese de que en Galicia houbese trobadoras e mulleres que xograsen. Se analizamos as cantigas de amigo, sería lóxico que estivesen compostas -e interpretadas- por unha muller, pois é unha voz feminina a que lle canta ao seu amado. Non obstante, a habitual ocultación e eliminación das mulleres en todos os eidos da Historia dificulta o labor de identificación. Tampouco hai que descartar que moitas asinasen con nomes masculinos para conseguir que se difundise a súa obra. Con todo, na miña novela tamén falo das trobairitz medievais de Occitania. Dalgunha delas si que hai documentación porque pertencían á nobreza e ás veces aparecen as súas biografías nos cancioneiros, xunto aos seus retratos.

- O malvado da historia é o nobre Guy de Lille. Está baseado nalgún personaxe histórico real?

-É froito da miña imaxinación. Baseeime no tipo de cabaleiros que adoitaban unirse ás Cruzadas nesa época, xa que a maioría eran nobres que proviñan do norte de Francia. En todo caso, cómpre termos en conta que se trata dunha novela de ficción. Se analizamos un pouco este personaxe, veremos que ás veces tanta maldade acaba transformándoo nunha caricatura de si mesmo e, a miúdo, o seu comportamento raia no traxicómico.

- Que a novela está moi ben documentada historicamente, é obvio. Como fixo para combinar a rigorosidade dos datos históricos cunha narración que fose áxil e enganchase os lectores dende o primeiro momento?

-Un dos erros habituais dos novelistas é introducir a documentación histórica como se se tratase dunha clase maxistral, rompendo desta maneira a narración e deixando ver as "costuras" do texto. Se eu teño que describir un torneo medieval ou unha representación teatral, prefiro que os personaxes se vexan involucrados no propio torneo ou na obra de teatro, participando activamente. Así, os lectores e as lectoras mergullaranse nos datos sen decatarse -é a propia escena quen os informa- e non se limitarán a recibir información de xeito pasivo sen que aconteza nada.

- Como definiría o seu libro: unha novela de aventuras, unha novela histórica..?

-É unha novela histórica na que se utilizan as peripecias destes cómicos para que cheguemos a unha reflexión máis fonda. As múltiples aventuras que acontecen na narración teñen que ver coa evolución das linguas, a ocultación das mulleres na Historia e cos abusos dos poderes "terreais e celestiais". Tamén intento concienciar sobre a importancia de que unha cultura, por moi asoballada que estea, loite por sobrevivir.

- Teño entendido que Vde. confesou que houbo un momento no que ata pensou abandonar a escrita desta novela. Cal era a causa e por que, ao cabo, e felizmente, decidiu seguir e rematala?

-Foi en 2015. Naquel ano o escritor Manuel Portas publicou unha novela moi interesante de temática trobadoresca ambientada no mesmo século e pensei que non habería espazo para as dúas. Despois de lela,comprobei que eran diferentes e que as dúas podían coexistir sen problemas. Decidín continuar co meu labor e parece que tomei a decisión correcta.

- Co tempo transcorrido desde que gañou o Premio Xerais e agora que se publica o libro, xa pode respostar con maior perspectiva a preguntas coma esta: Que vai representar na súa traxectoria a obtención do Xerais?

- A arte de trobar é a miña quinta novela e o Xerais é o cuarto galardón que recibo. Aínda así, a transcendencia do premio Xerais -sen dúbida o máis importante das letras galegas- nótase dende o primeiro momento. Creo que a partir de agora serei un pouco máis coñecido, pero non cambiarei en nada a miña forma de escribir. Seguirei imaxinando as historias que me apetezan co obxectivo de divertir as persoas que se acheguen á miña obra. Eu sempre digo que unha boa novela debe entreter, ensinar e facernos pensar. Se consigo unha destas tres cousas nun libro meu, xa me dou por satisfeito.

Compartir el artículo

stats