Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

FARO DA CULTURAO mapa de Fontán

Unha (re)edición para os nosos días

A ría de Vigo, segundo a Carta xeométrica de Galicia (1845).

Adrián Solovio, posible alter-ego de Ramón Otero Pedrayo en Arredor de si, contemplaba abraiado a inmensidade dun mapa do país pendurado do pazo fidalgo. A dimensión galáctica ante os ollos estivais dun rapaz. "Non digas que Galiza é pequena, Galiza é un mundo", anotou Risco. E aquel mundo parecía emerxer das veigas, bocarribeiras, cotarelos, outeiros, beáns, regueiros, barretes, rousos, fervenzas, vales, rías, abanqueiros... A terra dos mil ríos e lingua de primavera.

Percorrer os topónimos todos das bisbarras, rastrexar co furabolos a terra na procura da aldea labrega, espreitar os cabos mariños con esmalte de salitre, aquel río enmeigado do que falan os vellos, os nomes das serras que protexen as tribos. Dicir en alto unha vila de orixe celta ou sueva, e repetilo en exercicio salmódico figurando, co poder dos soños dun pícaro e con cada golpe de voz, o tallar desasosegado da historia. Eis a poderosa evocación dun mapa se quen o ve sabe miralo (permítaseme a licenza viguesa).

Quen nos lea, saberá que falamos do mapa de Fontán, de Domingo Fontán, do Domingo de Portas. Mais, como di o Miguel Anxo Murado no inicio de Outra idea de Galicia (Debate, 2013), é "un personaxe improbable para comezar unha historia" do país. Leva razón. Porque este, o noso lar comunitario, é un concordato de memorias silenciadas que esixen de calquera de nós recuperalas, divulgalas e poñer en man común todas as ensinanzas que custodian.

Teófilo Comunicación (re)editou o célebre mapa nun menor tamaño (xaora) pero deica o punto de non se ler as parroquias. Lúa López Pomar encargouse da documentación do libro informativo que o acompaña. Ambos documentos coidadosamente tratados dende o aspecto estético e material. Este produto editorial difunde a figura de Fontán a partir da súa grande obra: Carta xeográfica de Galicia. Durante dezasete anos (1817-1834), o xeógrafo pisou os carreiros e as congostras, os pontóns e as laxes do Reino, que aínda o era e foi até 1834, nun período de tantísimas dificultades comunicativas. A cabalo ou a pé, Fontán chegou a cada parroquia para tomar medidas e trazar a triangulación do territorio. O mapa tivo de imprimirse en París, con Fontán presente, pois alí existía a maquinaria axeitada que a España caduca ignoraba. Unha tarefa concluída por un auténtico xigante da patria.

Fontán coñeceu cada recanto galaico. Este saber fíxoo provincialista e exerceu como tal nas Cortes españolas. Velaí a voz telúrica que deseñou unha mellora na organización territorial (participa na creación das actuais catro provincias), no deseño das comunicacións terrestres (estradas e ferrocarril) e do progreso xeneralizado de Galiza (foros, autonomía local, facenda).

Un home influíu na formación e destino de Fontán: José Rodríguez, o matemático de Bermés (Lalín). Outro nome desatendido cando a súa contribución á ciencia mundial é incuestionable: participou nos traballos que decidiron o sistema métrico decimal e estivo investigando en varias universidades europeas de inicios do XIX. Todos os camiños de Europa mídense por este método e na configuración deste método estivo presente o matemático Rodríguez. Non digan que é esaxeración, lean a súa biografía en gciencia.com.

Precisamente, Fontán é pioneiro no uso do metro na cartografía en toda a Iberia (en España non se adoptou este sistema até 1849). Ademais, o noso xeógrafo herdou de Rodríguez a cátedra de Matemáticas Sublimes na USC (Ramón de la Sagra ou Casiano de Padro foron os seus alumnos) e a dirección do Observatorio Astronómico de Madrid.

Unha última observación: Rodríguez foi un exaltado liberal, o que chamaríamos un demócrata avant la lettre. Fontán tamén o foi (unha miga máis moderado) e estivo represaliado, xulgado pola Santa Inquisición (vade retro!), apartado da cátedra e reposto despois. Vixiado polas gadoupas absolutistas, este home batallou contra o absolutismo que revive no presente.

Eles foron dous vangardistas da ciencia europea. Dende esta fisterra atlántica, sen desentenderse do país nin das ideas xustas. Galiza nunca foi sinónimo de atraso intelectual. É unha falsidade con columnas de áer. Nunca o foi malia os atrancos botados nas portas da nosa terra por políticas contrarias feitas na metrópole. Aquí xurdían mentes brillantes que facían verdadeiras Proezas de Galicia, como as narradas por Fernández de Neira (1810) relativas os éxitos militares da guerrilla contra o poderoso exército de Napoleón. Entón Fontán xa loitaba, tras a queima da casa familiar, e imaxinaba o futuro de Galiza en tres dimensións. O seu defunto corpo acouga no Panteón de Galegos Ilustres, á beira de Rosalía e Castelao. Velaquí estas letras como roseiras de rosas roxas.

Compartir el artículo

stats