Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Trece estampas da traizón

Arte ao servizo da legalidade republicana

"A súa política"

A Fundación Luís Seoane presenta unha mostra centrada na primeira gran obra publicada por Seoane no seu exilio arxentino, o álbum Trece estampas de la traición (1937), que supón unha das manifestacións máis intensas do labor de contido social do artista.

A mostra contextualiza o álbum documental e plásticamente, dando conta do apoio á legalidade republicana e á loita contra o fascismo de artistas galegos como Manuel Colmeiro, Arturo Souto, Castelao ou Maruja Mallo, ese "artistas galegos coa Hespaña leal" dos que falaba na mesma altura o escritor Rafael Dieste.

A exposición inclúe unha sección que reúne parte da biblioteca persoal de Seoane, cedida para a ocasión pola Real Academia Galega. Complétase con fotografías, carteis e documentos recuperados de publicacións periódicas e outras fontes, e desvela aspectos menos coñecidos do momento histórico retratados nos debuxos do álbum, como a firme oposición do pobo galego golpe de estado, agachada de vez polos fascistas.

Cómpre lembrarmos que o Seoane social non agroma co golpe militar franquista en 1936, ten precedentes nos seus dubuxos e gravados do período republicano. Xa en 1932 no número 4 da revista luguesa Yunque, publica o 1 de maio de 1932 o gravado Galiza ergueita, en que aparecen dous personaxes, un cunha fouce, outro co puño cerrado e detrás a cabeza dunha vaca e unha lancha no mar. A simboloxía social, de clase, é evidente, e utiliza un estilo menos lírico que noutras obras desta altura, máis achegado aos gravados sociais de Maside, como os que o pintor de Pontecesures realizou para a revista Nueva España en 1931, obras como La Carcel, Ha pasado el orden ou La carga. Nesta liña, con contido proletario e linguaxe expresionista está a ilustración do volume Citroen 10 hp (1933) e os debuxos de Seoane para os semanarios esquerdistas Claridad ou Ser, que tamén manifestan a pegada de Maside ou mesmo das viñetas de Castelao e do debuxo xermano. En Claridad achamos exemplos tan corrosivos como a viñeta "Despóis das eleicións", de finais de 1933, en que un Cristo crucificado se converte nunha esvástica nazi -velaí a lembranza do Cristo con máscara antigás de Grosz- cun pé de ilustración rotundo: "Como van modificando a crus algúns católicos". Aínda que a esvástica é moi frecuente nas obras de carácter antifascista dos primeiros anos trinta en toda Europa, velaí, por exemplo, as fotomontaxes de John Heartfield ou os gravados de Gerd Arntz, Seoane elabora unha obra de grande acerto visual e orixinalidade. No mesmo número vemos unha imaxe que representa un Gil Robles -que parece tirado dunha caricatura de Grosz- con crucifixo e puñal asasinando a República, cun elocuente pé que di "como lle entregaron a República a Gil Robles algúns republicanos".

Noutra viñeta, que leva o título de "Xusticia de clase" (1934), que recorda moito os gravados de Maside, pódense ver uns cregos indicando o que debe adorarse e a Garda Civil como brazo armado da reacción. No debuxo "Estreno de farsa" caricaturiza a Lerroux e Gil Robles abrindo as portas ao fascismo.

As ilustracións de Seoane no semanario Ser (1935) son do mesmo ton temático e seguen as mesmas pautas formais, como a que representa a Lerroux, Gil Robles e outro personaxe coas mans tinxidas de sangue co texto "Niste xuntoiro hai máis que amor...". De por parte, nas súas páxinas amósanse caricaturas de Hitler (nº 5) ou Lerroux (nº 9). Nalgunha ocasión aínda podemos observar o influxo das viñetas máis tradicionais de Castelao, como nos intitulados "Lerias" ou "Dibuxos de escarnio" duns trazos máis populares e dun ton máis retranqueiro.

A obra que culmina este período, e unha das máis coñecidas do noso artista, é o cartel que realizou para a campaña do estatuto de autonomía de 1936: O estatuto libertará a nosa Terra (1936). Seoane representa un polbo que ten prendida unha figura humana que semella un boneco de trapo en mans do monstro opresor da nación e do pobo e nel lese: "O estatuto libertará a nosa Terra". O estilo de Seoane é moi próximo ás augadas que conservamos del deste período ou ás ilustracións de libros e revistas que xa citamos, neste caso explicitamente ao servizo dunha mensaxe política: a propaganda pro Estatuto, aprobado en xuño dese ano.

Título: Trece estampas da traizón. 80 anos da publicación

Artista: Luís Seoane

Local: Fundación Luís Seoane, A Coruña

Comisarias: Silvia Longueira e Mª Antonia Pérez

Até o 1 Abril 2018

Contra a represión franquista

  • Desde que o artista chega á Arxentina, a finais de 1936, até comezos dos corenta, as propostas creativas de Seoane van seguir nesta liña presente antes da marcha ao exilio, reafirmándose no contacto con outros artistas que traballaban na Arxentina desde perspectivas sociais antifascistas como Manuel Colmeiro, Attilio Rossi, Manuel Kantor, Castagnino, Spilimbergo, Alberto López Claro, Alcides Gubellini, Carybé ou Clément Moreau. Neste contexto é onde aparece en 1937, o álbum Trece estampas de la traición. Seoane formula nel unha intensa denuncia da represión franquista, inserindo debuxos tematicamente moi próximos aos álbums de Castelao, cun ton en ocasións satírico. Entre eles temos exemplos achegados aos debuxos de Atila en Galicia e Galicia mártir de Castelao. Sobrancea o que leva por título "Impuxeron o Cristo n-a escola", un traballo en que podemos ver un mestre asasinado nunha aula cun crucifixo ao fondo. Nalgún debuxo, como "Tricornios", a lembranza formal da obra gráfica de Carlos Maside é evidente. A eles hai que sumar a débeda, sempre recoñecida por Seoane, con artistas xermanos como George Grosz ou, como apuntan as comisarias da mostra Silvia Longueira e Mª Antonia Pérez, co gravador belga Frans Masereel.

Compartir el artículo

stats