Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No solar da arte

A Casa Museo Adelino Ângelo, en Vieira do Minho

Perturbado, por Adelino Ângelo

Situada no distrito de Braga, rodeada polas serras do Gerês e da Cabreira, ademais de reflectirse no encoro de Caniçada, Vieira do Minho é terra rica en historia e tradición. E a Casa de Lamas, hoxe Museu Adelino Ângelo, é solar de dinámico pasado, capaz de facer viaxar no tempo a quen o visita, tanto pola súa arquitectura como polo ambiente envolvente do lugar. Aparte doutras salas, desde 2011 integra nunha das súas galerías unha exposición permanente do pintor Adelino Ângelo que se vai renovando anualmente.

A Casa de Lamas, na actualidade propiedade da Câmara Municipal de Vieira do Minho, situada no centro do concello, é unha oportunidade de coñecer unha fermosa quinta miñota en perfecto estado de conservación, fiel á súa estrutura orixinal. O emblemático edificio, polo seu interese arquitectónico, está catalogado como Imóvel de Interesse Público.

Dotado de dous pisos, unha capela e unha eira de considerables dimensións, conserva un gran patio interior de planta triangular, outra das súas singularidades. Unha parte da casa iniciouse no século XVI e outra no XVII pero sería Alexandre José de Lemos o seu impulsor definitivo, rematándoa en 1728, incluída a capela. Foi Lemos home de variada actividade, recoñecida con numerosos títulos e distincións: Comendador e Cavaleiro Professo na Ordem de Cristo, Familiar do Santo Ofício de Coimbra ou Comandante das Milícias de Vieira do Minho. En 1777 é nomeado cónsul da República de Xénova en Caminha.

En 1779 sonlle concedidas as armas dos Vieiras e Lemos, reflectidas cada unha no escudo de pedra da fachada. A Casa de Lamas foi experimentando remodelacións ao longo do tempo pero sempre respectando a estrutura orixinal. A artística capela está decorada con imaxes de santos, varios deles traídos de Italia.

No exterior a planta desenvólvese en dous corpos distintos separados por pilastras e coroados por pináculos. O acceso ao piso principal realízase por unha escaleira de pedra con balaustrada e volutas invertidas. E aínda que a escalinata imprime dinamismo á fachada, é no seguinte corpo onde se concentra a maior riqueza decorativa, cunha fermosa xanela labrada, o brasón e o tímpano que coroa o alzado. Ao lado oposto e procurando una certa simetría, a capela exhibe igualmente un alarde decorativo en pedra.

A Casa de Lamas é un símbolo da riqueza patrimonial de Vieira do Minho ao servizo da comunidade local e rexional. Hoxe dedicada a centro de arte, preserva tanto a memoria histórica da terra como impulsa a vida artística do concello. Entre o seu legado atópanse cartas, fotografías, cadros e mobiliario que o tempo converteu en historia.

Adelino Ângelo Leite de Faria de Lemos Magalhães foi un dos últimos habitantes deste solar brasonado. Naceu o 8 de novembro nesta casona de Vieira do Minho. Descubriu a fascinación do debuxo a moi tenra idade, e aos dezaseis anos foise a Lisboa perseguindo o soño de ser pintor. Alí iniciou un camiño de constancia e de traballo imparable que o levou a viaxar "pelo mundo fora". Gran debuxante, ademais de ser considerado pola crítica nacional e internacional como un dos mellores intérpretes da vida xitana, a obra deste artista vieirense caracterízase por captar a emoción, a tolemia ou o nomadismo en trazos coloristas, enérxicos e calculados. "A minha pintura é a consciência sentida e persentida a meu modo, ou que faz com que me pareça com um protagonista de uma obra dramática por ser o criador", di o propio Adelino.

En xullo de 2011 a Casa de Lamas -chamada desde entón Casa Museu Adelino Ângelo- integra unha exposición permanente do artista, cun total nunca inferior a vinte obras. O solar que o viu nacer pasou así a ser fiel depositario das obras do pintor que anualmente se van renovando.

O reino verde

  • Rodeado de paraxes naturais como o Parque Peneda Gerês ou a serra da Cabreira, o extenso concello luso de Vieira do Minho encerra múltiples encantos. Son vinte e dúas parroquias, serras, un parque nacional nas proximidades, catro pantanos, praias fluviais e aldeas preservadas. O relevo montañoso, os atractivos encoros -especialmente o de Caniçada- e os limpos cursos de auga son unha das súas maiores riquezas. Pero tamén a arquitectura das súas aldeas serranas, cheas de hórreos, casas de labranza, muíños e pontes. A máis famosa é a de Agra, convertida en aldea turística e epicentro dos moitos atractivos da serra da Cabreira. Percorrer os carreiros que conducen ás pequenas poboacións significa tamén atoparse con pegadas do pasado tan fermosas como a ponte da Misarela, construída polos romanos na vía que unía Braga a Astorga. Posúe un só arco de grande amplitude e de volta case perfecta, sen contrafortes. Nos camiños aparecen vellos refuxios de pastores de máis de catrocentos anos de antigüidade ou capelas escavadas en plena roca, como a Capela da Senhora da Lapa, en Soutelo. En arquitectura relixiosa, a igrexa de Guilhofrei constitúe unha curiosa tentativa de recuperación tardía do románico. Tamén merece unha visita o santuario de Nossa Senhora da Orada, ao pé da serra da Cabreira, en Pinheiro.

Compartir el artículo

stats