Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vive la nation!

A construción das identidades

Giuseppe Garibaldi (1807-1882) á fronte das súas tropas, na loita pola unificación de Italia (1854-1867).

Nos últimos quiñentos anos produciuse un longo proceso, directamente relacionado coa xénese e desenvolvemento do capitalismo, de construción dos modernos estados nacionais. No transcurso dese longo proceso os diferentes grupos sociais (aristocracia, burguesía, proletariado urbano, campesiñado, mulleres?), así como os diferentes pobos e nacións, loitaron por transformar as vellas estruturas dos estados tardofeudais ou absolutistas en modernos estados organizados segundo os principios do liberalismo político (sistema de representación política?). O resultado desas loitas foi a construción dos modernos estados nacionais nun proceso no que, segundo a correlación das forzas sociais e nacionais en cada momento histórico, se seguiron tres estratexias ben diferenciadas: a) a estratexia centralizadora, a que escolleron as burguesías dos vellos estados plurinacionais europeos, como España ou Francia, que procuraron manter a integridade territorial; b) a estratexia unificadora, a que escolleron as burguesías dos vellos e fragmentarios estados que se identificaban cunha mesma nación ao longo das historia, como foi o caso en Alemaña ou Italia; e c) a estratexia disgregadora, a que escolleron as burguesías nacionais dos vellos estados imperiais que quedaron excluídas dos centros de decisión metropolitanos, como sucedeu coas colonias americanas (EEUU?) ou coas vellas nacións europeas que ao quedar integradas en vellos estados imperiais loitaron pola independencia (Hungría, Polonia, Irlanda?) ou cando menos polo recoñecemento nacional no marco estatal (Galicia, Cataluña?).

Ora ben, en tanto que a nación é o elemento vertebrador dos modernos estados nacionais, que é nación? Nos estados xurdidos de vellos estados imperiais, a nación definiuse como "un corpo de asociados que viven baixo unha lei común", que dicía Sièyes no transcurso da Revolución Francesa (1789), polo que a nación era o conxunto dos asociados libremente: "nós, o pobo dos Estados Unidos, co propósito de formar unha Unión máis perfecta?", recolle o preámbulo da Constitución dos EEUU de 1787; "a nación española, unión de todos os españois de ambos os dous hemisferios?", sinala a Constitución española de 1812. Neste sentido, quedaban fóra dese corpo cidadán as mulleres, os escravos, os indíxenas e todas as minorías mentres non conquistasen os mesmos dereitos políticos que os membros das elites políticas se reservaban en exclusiva.

Non obstante, malia que na letra dos contratos sociais dos que se dotaron eses modernos estados burgueses, a nación non era máis que o conxunto dos cidadáns fraternalmente asociados baixo unhas leis comúns, independentemente da nacionalidade de cada quen, a forza dos feitos invalidou ese concepto de nación, xa que axiña desenvolveron estratexias de construción nacional baseadas nun principio identitario que, ao pretender uniformizar o conxunto do territorio, acabaría xerando numerosas tensións entre o centro (a nación hexemónica no proceso de construción da identidade nacional, como no caso da identidade castelán-meseteña na vertebración do estado español) e a periferia (as nacións excluídas nese proceso de construción da nova identidade nacional do estado, como son a nación galega ou catalá no caso do estado español). Neste sentido, o conflito xorde como consecuencia da atribución dunha identidade nacional, que en tanto que nación é colectiva, obxectiva e independente á vontade dos individuos que a compoñen definida por unha lingua, unha identidade cultural común e unha historia común, ao estado, que, parafraseando ao filósofo marxista Louis Althusser, é o instrumento que transforma os conflitos sociais ou nacionais en leis, polo que non existiría ningún obstáculo para construír un estado plurinacional, como é o caso de Bolivia.

Estados plurinacionais

  • Nos estados plurinacionais, nos que coexistían multitude de pobos e minorías étnicas, o proceso de 'construción nacional'' supuxo o desenvolvemento dunha política centralizadora que tiña por obxecto a homoxeneización lingüística e cultural do territorio, polo que desenvolveron unha serie de estratexias baseadas na promoción dunha serie de elementos creadores de 'identidades nacionais, dos que os principais son: 1, A a imposición dunha lingua vehicular a todos os pobos que non a tiñan como lingua propia; 2. A afirmación dunha identidade cultural común, mediante a creación de 'festas nacionais' e dunha 'cultura popular', creadas de xeito artificial a partir dunha serie de elementos que definían unha cultura tradicional propia; e 3. A a elaboración dunha historia común, na que salientan os feitos que conducen cara a unidade da nación, ocultando ou distorsionando os elementos diferenciadores. Ademais, xunto con estes elementos fundamentais, os modernos estados-Nación fóronse dotando duns instrumentos que reforzaron o carácter nacional do estado, como son, sobre todo, a creación de divisións territoriais uniformizadoras (provincias) e de organismos e símbolos chamados nacionais (policía nacional, lotería nacional, himno nacional, documento nacional de identidade, biblioteca nacional...), que serviron para crear un demos común pero que ao mesmo tempo provocaron numerosas tensións.

Compartir el artículo

stats