Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Desde Havarti Party

Viñetas de Roberta Vázquez

Junglilamina.

O mes pasado celebrouse en Vigo a terceira edición do festival No tengo mamá, que conta cun mercadiño de fanzines. Como xa dixen, os festivais de autoedición parécenme o mellor sitio no que atopar futuros autores consagrados. É moi emocionante descubrir talentos novos e non tan novos ensinando sempre traballos diferentes. Nestes circuítos son cita obrigada o GRAF, en Madrid e Barcelona (seguinte edición en Madrid do 10 ao 12 de novembro) e o Gutter Fest, en Barcelona. É moi probable que, se algunha vez pasastes por un destes, fostes dar con diversos traballos de Roberta Vázquez. Especialmente, se se celebraban na cidade condal, onde agora reside.

Roberta Vázquez (Santiago de Compostela, 1989) estudou Belas Artes na Facultade de Pontevedra e, desde a súa participación no fanzine Kovra (Ediciones Valientes) non parou nin un segundo. Realizou colaboracións en formato ilustración e cómic en moitas e moi coñecidas revistas e publicacións: "Tentaciones" de El País, La Voz de Galicia, VICE, Mongolia, Revista Cactus, El Diario de Pontevedra? Colaboracións que intercala cunha produción ininterrompida de fanzines. Entre os que se atopan Museo Joyildo, Desubicado, Diosa licántropa e o seriado Bob y sus amigos. Por se non fose suficiente, esta muller polifacética, participa en plataformas web de cómic e ilustración como TikTok Cómics e Sunk Art Magazine. E autoeditou un fanzine colaborativo con máis de corenta autores, Pizza y sofá.

En 2015 publica Havarti Party, o seu primeiro longo, 56 páxinas en sete capítulos, da man da editorial Fosfatina. Editorial coa que repite ao ano seguinte cun non tan longo, Yolo / Flor y Nata. Neste caso, trátase dun número dunha colección, que realiza xunto a Teresa Ferreiro.

Pero retrocedamos un pouco e volvamos a Havarti Party, unha primeira obra que sorprende pola súa calidade e a coherencia que mostra co universo persoal da autora, con só vinte e cinco anos cando se publicaba. Nesta obra, Vázquez tenta crear unha historia circular. Nela recupera parte do imaxinario desenvolvido na serie Bob y sus amigos, traéndoos para facer compañía aos seus novos protagonistas. A historia arrinca con algo moi actual: un piso compartido por tres amigos, unha sorte de paxaros/ornitorrincos. Un deles, Havarti, quere empezar unha carreira musical como cantautor. Para pechar un contrato coa discográfica, ten que realizar unha viaxe no que os seus fieis amigos deciden acompañalo. Esta viaxe lévaos ata Bob (e os seus amigos), ex compañeiros de festas universitarias. Neste punto, entre alcol e nostalxia, enfróntanse á eterna cuestión de se calquera pasado foi mellor. Conversacións e situacións de conflito que a amizade non sempre resolve de maneira idílica (pero si etílica)

Os personaxes son antropomórficos. En principio, sen ningunha lóxica aparente. Trátase dunha licenza artística un pouco arbitraria que, a nivel de resultado, casa ben co desenvolvemento das non tan diferentes personalidades, bastante esvaecidas. Esta indeterminación, que noutro tipo de obra podería ser un problema, xera unha sensación de ambigüidade que, non sei se de forma intencionada, facilita unha empatía sinxela aínda que xenérica. Esta empatía fortalécese polas situacións que xera, algo miserables ás veces, moi divertidas outras, pero sempre cotiás. Un costumismo contemporáneo e xeracional, tratado con frescura e humor. Unha visión actual, aínda non moi afiada, que nos presenta a dúbida de se se trata dunha etapa temperá no que será o conxunto da súa obra, que parece (e espero) será longa ou un estilo propio que emprega a indefinición como recurso. Verémolo co tempo. (Outra desas emocións que adoro.)

Verémolo tamén (polo menos un pouco) na novela gráfica que está a preparar para a editorial Apa Apa Cómics e que, con sorte, poderemos ler en 2018.

Fosfatina

  • Se fixésemos unha "nube de tags" desta sección, sería moi probable que a palabra con maior tamaño fose Fosfatina. Despois de tanta mención, parece case indecente non dedicarlle un apartado. De feito, un artigo completo é case tan probable como esa hipotética palabra a grande escala. Fosfatina é unha editorial independente que naceu en Vigo en febreiro de 2014. Como eles mesmo din, están especializados en realizar cómics, fanzines e, recentemente, videoxogos (!) incribles. Capitaneada por Rubén Romero, ex director de arte en cinema reconvertido a editor, deseñador e maquetador, é unha editorial valente que escolle obras e artistas por fóra de canons e convencións. No seu labor, Rubén conta coa colaboración do artista Óscar Raña e a editorial Elvira (outra editorial incrible, e non só porque leve o nome da miña nai). Fosfatina parece unha canteira infinita de talentos. Proba diso é a súa primeira antoloxía, HOODOO VOODOO, un proxecto colaborativo de artistas de vangarda e autores de cómic alternativo. Por destacar só a algúns deles: Andrés Magán, María Ramos, José JaJaJa, Los Bravú, Óscar Raña, Conxita Herrero, Ana Galvañ, Roberta Vázquez ou Cristina Daura. Podes atopar as súas publicacións de forma online. Ou tamén en Fatbottom (Barcelona), La Central de Callao (Madrid), Komics (Santiago de Compostela), Detrás Do Marco (Vigo) e Bartleby (Valencia). Rubén Romero é un dos instigadores do festival de autoedición No tengo mamá.

Compartir el artículo

stats